Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ESMOLEIROS E PETOS DE ÁNIMAS DE CERDEDO (III)

O cruceiro de Vichocuntín

Unha característica na que ninguén reparara é que a cruz e o capitel son de cemento, igual que no das Procesións (Quireza), e as imaxes visten os mesmos panos e amosan os mesmos ademáns

Cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín, en Pedre (Cerdedo) Patrimonio Galego / Óscar Franco

O cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín localízase no casal de Vichocuntín de Abaixo (parroquia de Pedre), á beira da antiga estrada de Ourense que discorre en paralelo á actual N-541. O conxunto componse dun peto de ánimas requintado cun cruceiro, e é propiedade da familia Sieiro que, xacando, habitou a casa construída na outra marxe da estrada.

Cruceiro e peto están precedidos dun pequeno corredor empedrado de 2 metros de longo e 1’6 de largo, flanqueado por dous vargos de pedra (1’05 m de alto) e varandas de ferro. A nosa visita serviu para constatar que o corredor actual é apenas a metade do orixinal, pois, reutilizados nunha corte, atopamos outros dous vargos idénticos que prolongarían o corredor outros 2 metros, ata facer unha lonxitude total de 4. Probabelmente, os sucesivos ancheamentos da estrada obrigaron a acurtar o andadeiro.

O peto de ánimas cómponse de catro corpos: o inferior, de grosos cachotes e 1,5 metros de alto, arma a cimentación e salva o desnivel do terreo; o segundo, de perpiaño, fai de baseamento; o terceiro, tamén de perpiaño, dispón a capeliña das ánimas, e o seu frontal está adobiado con acanaladuras, catro a cada lado da edícula; e o cuarto corpo componse dun fastixio (1’24 m x 85 cm x 40 cm) que se antepón ao pedestal do cruceiro, prisma trapezoidal no que se afirma o varal. No centro do tímpano encaixouse unha placa de mármore branco (semióvalo apuntado) coa seguinte inscrición: “En el año de 1905, se hizo este crucero por orden de Manuel Vecino, y Jose Sieiro; donativo de D. Domingo Sieiro”. O segundo corpo remata nun beirado, e o terceiro, nunha cornixa. O cruceiro (upado uns 2 m) case acada os 6 m de altura e consta de varal cilíndrico liso, capitel cuadrangular (enfeitado con querubíns, volutas e acantos) e cruz de paus octogonais, coa imaxe do Crucificado polo anverso e unha Virxe pregante polo reverso.

Detalle do peto de ánimas de Vichocuntín.

O van arcado da capeliña ten 54 cm de alto, 46 de longo e 30 de fondo; e pecha cunha reixa que permite introducir a man e depositar a esmola no peto, receptáculo pechado cunha tampa de ferro. Na actualidade, o peto non posúe o retablo das ánimas entre as lapas do purgatorio. Na fotografía que M. Reimóndez Portela obtivo para o seu traballo Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra (1985) advírtese un retablo con tres figuriñas. Fernández de la Cigoña (Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra, 1998), que visitou o lugar en 1995, anota: “Nestes intres carece de retablo”. Intuímos que o retablo foi tallado en madeira e as inclemencias fixérono desaparecer. Malia carecer hoxe das ánimas arelantes, segue mantendo viva a devoción (candeas e flores murchas).

A feitura atribúeselle por tradición oral aos mestres Francisco de la Iglesia e X. Ferreiro

A feitura do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín atribúeselles por tradición oral a dous mestres canteiros cerdedeses: a Francisco de la Iglesia ou a Xosé Ferreiro (A conxura dos Gosende. Retrincos III, 2015). A. Rodríguez Fraiz outórgalle a autoría a Francisco de la Iglesia (Santa Mariña de Tomonde, 2001), un habelencioso canteiro oriúndo da aldea da Vilalén (Tomonde). As tallas que enfeitan a casa familiar son mostreiro da súa arte avantaxada. De la Iglesia casou de segundas nupcias con María Sieiro, natural de Vichocuntín, aldea onde fixaron a súa residencia: “Alí fixo, fronte a súa casa, un monumental cruceiro con peto de ánimas, na veiga da súa dona María Sieiro”. O muíño, maquieiro de catro moas, construído no Lérez á beira da ponte de Pedre, tamén foi obra súa. Por desgraza, o edificio foi vendido e trasladado a Codeseda na década dos oitenta, ameazado polo proxecto do macroencoro de Dorna. Segundo Rodríguez Fraiz, De la Iglesia morreu e foi soterrado en Pedre nos primeiros anos do século XX.

Cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín, en Pedre (Cerdedo)

Cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín, en Pedre (Cerdedo) Óscar Franco

Por outra banda, hai quen lle outorga a autoría a Xosé Ferreiro Martínez, outro dos grandes artesáns da pedra que deu a comarca de Montes. Naceu no Outeiro (Quireza) en 1847 e na mesma aldea morreu de desgraza o 7 de agosto de 1907, aos 60 anos de idade, cando lle caeu enriba un carballo que cortaba. Xosé Ferreiro deixou no concello de Cerdedo sobradas mostras da súa mestría: o cruceiro da igrexa de Cerdedo (1900), o cruceiro das Procesións (Quireza, 1902) e, segundo o parecer popular, o cruceiro de Carballás (Cerdedo) e tamén o cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre, 1905). No tocante á autoría do cruceiro de Carballás, nun catálogo de cruceiros custodiado no arquivo municipal, lemos o seguinte: Es creencia que lo construyó un vecino de Quireza, quizá el mismo que construyó el de esta parroquia. É dicir, Xosé Ferreiro.

Aqueles que defenden a autoría de Xosé Ferreiro baséanse no seguinte: o capitel e a cruz do cruceiro das Procesións e máis os de Vichocuntín son idénticos. Ambos os dous capiteis órnanse con cabezas anxelicais, volutas e acantos. Os paus de ambas as dúas cruces son octogonais. En ambas as dúas cruces, as imaxes do Crucificado e da Virxe visten os mesmos panos e amosan os mesmos ademáns... Non obstante, a semellanza máis abraiante é que tanto nun cruceiro coma no outro, o capitel e mais a cruz son de cemento, característica na que aínda ninguén reparara.

Esculturas situadas no anverso e no reverso das cruces de Vichocuntín e de Quireza

Esculturas situadas no anverso e no reverso das cruces de Vichocuntín e de Quireza.

Esta descuberta lévanos a plantexar as seguintes interrogantes: os cruceiros de Quireza e Vichocuntín luciron en orixe cruces e capiteis de pedra ou as de cemento son as pezas orixinais? Se as tallas de pedra foron substituídas, quen ordenou a troca, cando e por que? É oportuno dicir que o cruceiro de Quireza é de propiedade pública, mentres que o de Vichocuntín é propiedade particular, así e todo, érguese nos predios ribeiráns expropiados hai corenta anos por Fenosa, co adaxo da construción do macroencoro de Dorna. Se as tallas de pedra foron substituídas, as de cemento son copias das orixinais?

Chama a atención que estas supostas substitucións afectasen a dúas esculturas selleiras que non poucos atribúen ao cicel de Xosé Ferreiro Martínez, patrucio dunha familia que foi paradigma da resistencia antifranquista e, por tal, albo da represión. Neste senso, unha descendente de Xosé Ferreiro asegurounos que a substitución do capitel do cruceiro de Quireza aconteceu despois da guerra civil. A presunta substitución parcial obrada nos cruceiros de Quireza e Vichocuntín reafirma a tese dos que consideran estas esculturas labor do canteiro Xosé Ferreiro Martínez.

Cómpre engadir que a finais do século XIX, comezou a estenderse pola Galiza o uso do cemento portland, patentado por Joseph Apsdin en 1824. Os canteiros foron descubrindo a docilidade, durabilidade e rendibilidade deste material. Xurdía a profesión de albanel. Do libro El cemento portland. Fabricación y expedición, publicado en 2004 por Chinchón & Sanjuán, extraemos o seguinte fragmento: El primer cemento portland español se produjo en Asturias en la fábrica de Tudela Veguín en 1898; en 1900, se fundó la Sociedad Comanditaria Hijos de J. M. Rezola y en 1901 se fundó la Compañía General de Asfaltos y Portland Asland, S.A. y la Sociedad de Cementos Portland de Pamplona se instaló en Olazagutía en 1905. En el año 1909, las fábricas españolas producían 100.000 toneladas anuales y en 1940 la producción ya era de 400.000 toneladas anuales. Mesmo así, as cruces e capiteis dos cruceiros de Vichocuntín e Quireza destacan pola perfección do seu acabado. É sabido que até mediados do século XX era gusto común que os cruceiros lucisen policromados e, dende logo, o cemento déixase cubrir mellor ca a pedra.

Con toda seguranza, as pezas de cemento dos cruceiros de Quireza e Vichocuntín levan o selo do mesmo artesán e foron elaboradas na mesma época. Cando menos, no caso dos capiteis, o artesán empregou o mesmo modelo en pedra para facer os moldes de escaiola onde fraguar o cemento. No caso das cruces, os modelos empregados eran moi semellantes.

Experimentarían Ferreiro ou De la Iglesia con este novo material? Conservarase a cruz/cruces e o capitel de pedra que serviu/serviron de modelo? Existirán máis copias destes modelos na comarca?

Esculturas situadas no anverso e no reverso das cruces de Vichocuntín e de Quireza.

Esculturas situadas no anverso e no reverso das cruces de Vichocuntín e de Quireza.

Cambiando de asunto, De la Cigoña achega unha “pequena historia” co cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín: “Don Domingo Sieiro quería facer unha capela no lugar da Devesa, na parte alta da aldea de Vichocuntín, pero non tiña diñeiro abondo para emprende-la empresa, polo que decidiu construí-lo peto mailo cruceiro coa axuda do cura de Cerdedo D. Francisco Vidal García que foi o que serviu a pedra”. Porén, segundo as nosas pescudas, Francisco Vidán García non tomará posesión da reitoría de Cerdedo até finais do ano 1905, polo que consideramos pouco probábel a súa participación na construción do cruceiro e peto de ánimas. “A parte alta da aldea de Vichocuntín” á que se fai referencia é o casarío en ruínas que os de Capitán Gosende nomeamos “aldea vella de Vichocuntín” ou Vichocuntín de Arriba.

O cura Francisco Vidán García, párroco de Sigrás e Anceis (Cambre), é nomeado cura de San Xoán de Cerdedo en novembro de 1905. O crego, que tamén exercía o cargo de arcipreste de Montes, falecerá, víctima de una rápida enfermedad, en outubro de 1918 (El Eco de Santiago, 22-10-1918). Francisco Vidán García substituíra a Vicente Fontao Varela, que fora nomeado cura de Cerdedo, en abril de 1897 e arcipreste de Montes en marzo de 1899. Fontao Varela será nomeado párroco de San Pedro de Palmeira (Ribeira) en febreiro de 1905, falecendo nesta parroquia en xuño de 1910. En xuño de 1905, o ecónomo de San Xoán de Cerdedo e á sazón arcipreste interino era Xesús Mª Campos Varela. Dende xuño de 1905, o coadxutor de San Xoán de Cerdedo era Xesús Varela Camiña.

Os apelidos que se vinculan á casa que o patrocinou son Vecino e Sieiro

Os apelidos que se vinculan á casa que patrocinou o cruceiro de Vichocuntín son Vecino e Sieiro. Consonte a lápida do peto, os petrucios deron o visto e prace e Domingos Sieiro puxo o diñeiro para levar a cabo a obra. Nos anos corenta do pasado século, un Xosé Vecino Sieiro foi párroco de Pedre.

En novembro de 2013, o colectivo Capitán Gosende acometeu unha limpeza reivindicativa arredor do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín, invadido pola matogueira. O cruceiro e peto de Vichocuntín é unha estación obrigada nos itinerarios culturais (Roteiro da Pantalla e Roteiro polo Pedre milenario), deseñados pola asociación para a salvagarda e promoción do patrimonio da parroquia de Pedre.

Compartir el artículo

stats