Virxilio Rodríguez é profesor de Dereito Penal na Facultade de Dereito de Ourense e foi vicerreitor do campus. O que non figura no seu extenso e prolífico currículo como docente e investigador é a súa faceta de escritor. A Fundación Neira Vilas entrégalle esta tarde en Vila de Cruces o premio da sexta edición do seu certame de novela curta dirixida ao público xuvenil pola obra Off the record, un texto no que o xurado destacou a “pulcritude estilística” do autor.

Non é o primeiro premio que recibe, o máis recente, antes do Neira Vilas, foi un accésit en 2019 nos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo, pero a súa traxectoria como escritor era menos coñecida. “Sempre o levei con discreción”, afirma. E xa se anima a dar o paso cara a novela longa: “Está entre un dos obxectivos”.

–De onde saca o tempo?

–Escribir é una afección que teños dende hai moito tempo. Efectivamente, hai épocas. Cando me tocou ser vicerreitor era inviable. Entre as obrigas do cargo e as tarefas da facultade, era moi difícil.

–Cando comezou?

–Comecei moi novo, de rapaz, pero os primeiros textos con corpo, con máis solvencia estilística e técnica, sobre os 14-15 anos. De feito, o primeiro premio que obtiven de relato curto foi no concurso de contos da Casa da Xuventude de Ourense, un certame histórico. Isto, entre outras consecuencias, tende a motivar. Era a primeira vez que me presentaba a un premio e levei un accésit. A partir de aí seguín escribindo, sobre todo relato, e presentándome a certames. Noutra ocasión que me volvín presentar na Casa da Xuventude gañei o concurso.

–Ese premio xa non existe. Hai suficientes certames literarios?

–O da Casa da Xuventude era un premio moi ben tratado, a convocatoria, o proceso... Tiven a oportunidade de coñecer a Benito Losada, que me pareceu unha persoa excepcional. A miña percepción é que en Galicia, en xeral, hai unha boa saúde en relación con convocatorias de premios; abundan os de relato curto e algúns con tradición histórica. É certo que o da Casa da Xuventude, que tivo moitas edicións, era un certame moi coidado. Pero hai moitas convocatorias en lingua galega. En termos absolutos percibo que hai moitos e ben organizados, con xente detrás traballando de forma desinteresada e moi xenerosa, e todo isto é positivo. Estas convocatorias motivan a escribir e non pola cuestión económica, senón polo feito de someter o traballo que un fai á visión obxectiva e o rigor doutras persoas.

–O Premio Neira Vilas de novela curta busca proporcionarlle ao público xuvenil unha lectura de calidade que o conecte co “engaiolante mundo da novela”, segundo recollen as propias bases. Falta boa literatura para a xente nova?

–Creo que non. Se nos centramos na literatura galega, e falando de premios literarios en Galicia e literatura en galego, creo que non. Temos escritores e escritoras boísimos. Galicia ten tradición de escritores históricos e contemporáneos con obra, efectivamente, capaz de ‘engaiolar’ e que a xente nova quede absorbida e se introduza nun camiño que perviva no tempo. Hai escritores moi bos, e podo citar, por poñer dous exemplos contemporáneos, masculino e feminino, a Pedro Feijoo ou Ledicia Costas.

–Que lía o Virxilio Rodríguez adolescente?

–Literatura galega e en español. O autor que me introduciu moitísimo na narrativa é Jordi Sierra i Fabra que me encantaba de pequeno. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, que todos lemos, é un libro excelente. Tamén algo de poesía, pero fundamentalmente novela.

–De que trata Off the record?

–O fío conductor é unha investigación que fai un inspector de policía cando aparece un corpo no encoro de Cachamuiña. O informe forense que declara morte natural non o convence e inicia as pesquisas tratando de esclarecer que facía en Ourense esa persoa, que vén de Arxentina, e como morreu. Esas pesquisas lévano a Bos Aires e comeza unha investigación nesa localización que constitúe o 80% da novela. Ourense e entornos próximos tamén teñen protagonismo.

–Ser profesor de Dereito axuda no desenvolvemento da trama?

–Si, neste caso axuda a desenvolvela con coherencia, permite abordar con rigor os aspectos xurídicos ou criminolóxicos que aparecen no relato. Aínda que o que permite a novela son as licencias literarias, non ten que ser unha obra científica.