Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esmoleiros e petos de ánimas de Cerdedo (I)

7

Esmoleiros e petos de ánimas de Cerdedo (I)

Principiamos unha nova xeira etnográfica, ocupándonos desta volta da escultura e da arquitectura popular cerdedesa vencellada ao costume cristián de solicitar o favor dos santos a través da esmola (esmoleiros) ou, polo mesmo procedemento, abreviar a estadía das ánimas no purgatorio, establecendo coas almas redimidas o tácito quid pro quo (petos de ánimas).

O cruceiro de Santo Antonio podería remontarse a mediados do século XIX, ao XVIII (contemporáneo á capela) ou mesmo ao século XVII (aténdonos ao apelido de quen o pintou) | O reclamo de “conxunto romano” foi unha argallada de panocos que aínda persiste na sinalización

Percorreremos camiños xa desbravados. Neste senso, é de obriga citar o amigo Estanislao Fernández de la Cigoña que, nos anos noventa do pasado século, investiu o seu lecer no inventario deste tesouro patrimonial espallado por toda Galiza. Polo que respecta ao territorio de Cerdedo, tentaremos coa presente serie de artigos facer fincapé na salvagarda da nosa arte popular e, asemade, achegar a oportuna addenda et corrigenda ao xa publicado.

O conxunto histórico de Santo Antonio localízase na parroquia de Cerdedo, a pouca distancia do núcleo urbano da capital (a uns escasos 400 m ao sur da igrexa parroquial). Esta constituído por un ramal da ancestral Verea Vella, unha ponte de orixe medieval sobre o río do Castro (reconstruída no século XVII), unha capela datada no século XVIII e un cruceiro que, como explicaremos, podería remontarse a mediados do século XIX, ao XVIII (contemporáneo á capela) ou mesmo ao século XVII (aténdonos ao apelido de quen o pintou). Como xa aclaramos no seu día, o reclamo de “conxunto romano” foi unha argallada de panocos que aínda persiste na sinalización.

No cruceiro de Santo Antonio, o alxibe das esmolas, entallado na parte superior e saínte do dado ou pedestal, pechábase cunha tampa de ferro con rañura e cadeado. Na actualidade, só se aprecian os rebaixes na pedra (dimensións do oco da tampa: 23x17 cm; do receptáculo: 15x10x10 cm de fondo), descoñecendo a data na que desapareceron as pezas de metal. E. Fernández de la Cigoña cataloga o cruceiro de Santo Antonio como “cruceiro de ánimas”. De la Cigoña visitou o lugar en 1996 e, naquela altura, creu ler no frontal do peto a seguinte inscrición gravada na pedra: “Como me bes te berás”. Así o consignou no seu libro Cruces e cruceiros de ánimas de Galicia (1997). Porén, un ano despois, no seu outro libro Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra (1998) anota que non foi quen de descifrar a inscrición do peto, mais si parte da que se tallara na face oposta do pedestal: “Lo mandó azer por devoción Antonia Velo y su esposo...”.

Cómpre salientar que o cruceiro que describen tanto De la Cigoña (1996), coma Laredo Verdejo (1992) ou mesmo Reimóndez Portela (1985) non é o orixinal, xa que en 1972, as vibracións provocadas pola detonación de barrenos nas obras de ampliación do vial que comunica Cerdedo con Limeres, derrubaron o capitel e a cruz primixenios, na que só se representaba a imaxe de Cristo crucificado, e cuxos fragmentos se conservan na casa reitoral. No tocante ás inscricións, Reimóndez Portela leu no pedestal: “...ofrecieron esta”. Réimondez Portela, Laredo Verdejo e De la Cigoña cualifican o peto do cruceiro como “de ánimas”.

Desbotouse nos anos setenta a posibilidade de restaurar a cruz orixinal, encargándolle a feitura dunha nova ao escultor Eladio Martínez, con obradoiro en Bértola (Vilaboa), que tamén esculpiu un novo capitel. Sen pretender pór en dúbida a valía profesional do Mudo (que é indiscutíbel), no caso do cruceiro de Santo Antonio de Cerdedo, a calidade dos elementos substituíntes dista moito da dos elementos substituídos. En 2013, na parroquia pontevedresa de Tomeza, fincouse un cruceiro da autoría do propio Eladio Martínez, cuxa imaxinaría é idéntica á que hoxe loce o cruceiro de Cerdedo: o Crucificado (anverso) e a alóctona Virxe Peregrina (reverso). Por estas razóns, aconsellamos que se recompoñan axeitadamente os orixinalísimos elementos estragados en 1972, para que volvan coroar o varal do cruceiro de Santo Antonio. Se o chamado Museo da Pedra de Cerdedo –que naceu morto– for unha institución solvente e non unha trangallada, a cruz e o capitel arrequecerían xaora a súa paupérrima colección.

Nas fotografías que o investigador Xosé Carballo fixo en 2012 das pezas da cruz orixinal, arrombadas na reitoral, observamos que no tambor do capitel os elementos decorativos son vexetais (acantos), xeométricos (volutas) e figurativos (antropomorfos). No tocante aos figurativos, rexistramos tres cabezas anxelicais e unha caveira sobre dúas tibias cruzadas. A presenza da simboloxía mortuoria neste capitel é coherente coa lectura que De la Cigoña fixo en 1996 da suposta inscrición gravada no peto do cruceiro: “Como me bes te berás” (tópico do Memento mori). Se tomamos en consideración a segunda das lecturas de De la Cigoña (“Lo mandó azer por devoción Antonia Velo y su esposo...”), poderiamos afirmar que os promotores da obra actuaron por piedade ao santo Antonio de Padua, habilitando pois un esmoleiro. Agora ben, segundo as nosas apreciacións, no pedestal do cruceiro (60x60x56 cm) mal lense tres inscricións. Na face sur (cuarta liña de 4) fomos quen de descifrar: “...OFRECIERON...”. Na face norte, no saínte do peto (segunda liña de 4): “...REZE...”. Na face norte, por debaixo do saínte do peto (en dúas liñas): “PINTÓ ESTEBÁN GÓMEZ DAS FRAGAS”. O cruceiro de Santo Antonio é sen dúbida un cruceiro de ánimas, porén as esmolas sufragadoras de misas e as oracións rezadas ao seu pé foron destinadas á salvación da alma de quen custeou a construción: Cando realmente o cruceiro se espalla por toda Galicia é nos séculos XVII e XVIII, pois a Igrexa concede indulxencias a quen constrúa un cruceiro, e as oracións dos fieles ante a cruz aplicaranse en sufraxio da alma de quen o mandou construír (en Pico Graña, R.: Cultura e tradicións de Galicia, nº 2, 2007). Éche ben curioso que no cruceiro de Santo Antonio non se discirna a sinatura de quen o esculpiu e si unha inscrición co nome de quen o pintou.

Así a todo, convén salientar que o vieiro ancestral que comunica a encrucillada de Santo Antonio coa praza da igrexa e cemiterio de Cerdedo é escenario da procesión fantasmal da Santa Compaña, que en Cerdedo tamén se denomina Pantalla. Pola banda dos vivos, é consuetudinario procesionar tras dos santos (santo Antonio, o padroeiro san Xoán e a Virxe do Carme) o 13 de xuño dende a igrexa parroquial até Santo Antonio e retorno.

Xacando (Faro de Vigo, 3-3-2013), expliquei que en 1745, segundo as anotacións do padre Sarmiento, a ermida de Santo Antonio se situaba uns 400 metros río abaixo da súa localización actual (nunha varcia estreita de 25/40 metros de largo que se estende entre o trazado da Verea Vella e o curso fluvial), sendo trasladada no século XIX por mor dos estragos que no templo causaban as enchentes. As operacións de traslado puideron afectar a capela e o seu presumíbel cruceiro, dispóndoos no seu emprazamento presente, no lugar onde a Verea Vella galla cara ao lugar de Cerdedo (atravesando o río pola ponte de Cerdedo), cara ao lugar de Lourido (pola costa do Salgueiral) e mais cara aos lugares da Revolta, Cavenca, Meilide... O padre Sarmiento, prolixo en detallar os seus itinerarios, amenta a capela e a ponte, mais non repara nun cruceiro illado, xa porque talvez o considerou un todo a canda a capela, xa porque aínda non existía.

De o cruceiro campar naquela intersección de camiños antes do traslado da capela (séc. XIX), as esmolas depositadas no seu peto avogarían polas ánimas (encrucillada), polos viaxeiros (cristianización do culto aborixe aos numes dos camiños) ou mesmo polos oferentes que tomaban parte no bautismo prenatal (enxembramento) ou na esconxura do mal do aire, rituais que tiñan a ponte por escenario. Cando aquel espazo sagrado quedou baixo a advocación do santo Antonio, ben seguro se fixo desaparecer o esmoleiro do cruceiro, habilitándose outro na portada da capela, á dereita da porta, estimulando daquela a intercesión do santo casamenteiro e das causas e cousas perdidas. Alzada nunha peaña, unha pequena imaxe en pedra do santo presidía a fachada da ermida, até que se determinou empoleirala na fachada sur da reitoral, precavendo o ladroízo. O lugar pasou a denominarse Santo Antonio (óese San Antonio) e a ponte, nomeada de Cerdedo en tempos de Sarmiento, pasou a chamarse ponte de Santo Antonio (óese de San Antonio). Con certeza, a figura do Crucificado tiña ao seus pés a face encaveirada do capitel (a morte vencida pola resurrección; a redención do pecado orixinal), e ambas as dúas recibían o viaxeiro que se dirixía a Cerdedo.

Postulamos que o autor do cruceiro do Hío tamén labrou a cruz de Santo Antonio

As fotografías que da escultura orixinal fixo o compañeiro Carballo tamén permiten advertir a policromía do capitel e da cruz, obra do pintor Estevo Gómez das Fragas, onde a cor vermella é resiliente. A imaxe do Cristo abraia polo seu conturbador realismo: guedellas primorosamente peiteadas, cinguidas por un cadrelo pétreo de metálicas espiñas. A cabeza abaixada do home agonizante inclínase cara ao ombreiro dereito, onde pousa a longa cabeleira. Bigote e barba crespos e ben perfilados. Minucioso estudo anatómico no que chaman a atención as costelas, o ventre inchado e a trama de veas e tendóns nuns brazos aínda en tensión. En ambas as dúas mans, os dedos maimiño e anular pechan sobre o cravo, agás o mostreiro e o maior que permanecen estricados representando a beizón. Os paus da cruz son cilíndricos. Na parte superior do lonxitudinal desenrodélase o rótulo do inri e no trasverso son visíbeis os cotóns do madeiro, conferíndolle verismo.

O actual cruceiro de Santo Antonio de Cerdedo (coordenadas: X: 549.819; Y: 4.708.795), alzado encol dunha plataforma de dous chanzos, pedestal cúbico e varal cilíndrico liso, posúe unha altura de 5’35 metros.

Dúas hipóteses

Remato formulando dúas hipóteses: Se cotexamos as fotografías da desaparecida cruz do cruceiro do Pego (parroquia de Parada) publicadas por M. Reimóndez Portela (Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra, 1985) coas fotografías achegadas por Xosé Carballo da antiga cruz do cruceiro de Santo Antonio (Cerdedo), podemos defender doadamente que ambas as dúas pezas son obra do mesmo escultor. Obsérvense as similitudes tanto no modelo da cruz: paus redondos e acotoados, rótulo desenrolado; coma no modelo da imaxe: coroa de espiñas, guechos longais, barba crespa e perfilada, pano de pureza anoado á dereita, abdome encovado, delgadez extrema... Sabendo por documentos que, cando menos, a cruz do cruceiro do Pego (1859) é da autoría de Ignacio Cerviño, postulamos que o célebre autor do cruceiro do Hío tamén labrou, tamén cando menos, a cruz do cruceiro de Santo Antonio. É oportuno lembrar que no ano 1859 Ignacio Cerviño, natural de Augasantas (Cotobade), residía en Cerdedo e que en agosto dese mesmo ano casou coa cerdedesa Ramona Beiro. En novembro do ano seguinte, o matrimonio bautizaba na parroquial de Cerdedo a súa primeira filla Vicenta Cerviño Beiro. Engado a maiores que a imaxe repoluda do Santo Antonio que ocupaba a peaña da capela, trasladada a posteriori a unha peaña da reitoral, é de feitura semellante á outra imaxe do santo existente nunha casa de Parada, parroquia á que Cerviño se vinculou laboralmente. Xa que logo (as datas cadran), o escultor Ignacio Cerviño puido ser o autor do cruceiro de Santo Antonio, permitindo datar a súa feitura a mediados do século XIX (arredor do ano 1859). Nese tempo tamén se puido trasladar a capela río arriba, labores nos que Ignacio Cerviño (ou Antonio, o seu pai) puideron tomar parte.

E a segunda hipótese: Considerando a forma arcaizante dun dos apelidos do autor da policromía (“das Fragas”), o cruceiro podería remontarse ao século XVII.

Compartir el artículo

stats