A parroquia silledende de Cira celebrará do 18 ao 21 de novembro a súa Semana Cultural, que este ano cumpre 43 edicións. O xoves, día 18, abre o programa o monologuista estradense Manolo do Atlético. A función comeza ás 20.30 horas.

Na xornada do 19 a protagonista será a maxia, con Dani Polo, un ilusionista de Melide que, malia a súa xuventude, xa ten gañado varios certames. Polo, que participou no concurso Pura magia, de TVE, ofrecerá en Cira o seu espectáculo Unha parada máxica, a partir tamén das 20.30 horas e para todos os públicos.

O sábado, 20 de novembro, estará centrado no deporte. A veciñanza que participa nos cursos da localidade ofrecerá, de 17.00 a 18.00 horas, unha exhibición de pilates e zumba, que dará paso a unha clase maxistral desta última modalidade deportiva.

Por último, a tradicional cea de confraternidade que adoitaba ter lugar o sábado será o domingo 21, a partir das 13.30 horas. Estará amenizada polo dúo Punto Zero. As persoas que desexen asistir a esta comida poden retirar as entradas na taberna de Maruja González. O menú costa 25 euros, que se rebaixa a 10 para os nenos e nenas de entre 6 e 10 anos. Está composto por entrantes, empanada, polbo, churrasco, viño, postres, café e chupito.

Esta Semana Cultural está organizada pola comisión de festexos de Cira e a Concellería de Cultura. Foi un evento pioneiro no rural de Silleda, e a día de hoxe é a cita máis veterana de todo o municipio.