O colexio estradense de Figueiroa resultou gañador do concurso de vídeo do Correlingua polo traballo presentado polos alumnos que este curso están en sexto B de Educación Primaria. O audiovisual afonda no lema Inmunízate co galego.

Correlingua agasalla ao centro educativo cunha actuación do cantante Paco Nogueiras. Será hoxe, a partires das 12.00 horas e, por mor dos protocolos COVID, só está aberta á participación do alumnado de quinto e sexto. Deste xeito, o centro pode ir quentando motores para a celebración do Samaín e o magosto, previsto para mañá venres.

No vídeo, os alumnos de Figueiroa tratan de pór solución ás “pandemias lingüísticas”. “Infectado non, só doído pola xente que pensa que non vale para nada” ,din. Tras observación e análises de perxuízos, estes escolares decidiron administrar varias doses dunha vacina. Os vacinados puideron comprender “que o galego é válido, que mola, que é necesario; que é a nosa lingua e por iso a queremos”. Deron coa mellor vacina: “Repectar, coidar e cultivar o idioma para que goce dunha boa saúde” e viva moitos anos.