Parecía unha boa idea pero resultou aínda mellor do agardado. O roteiro pola topografía sentimental de Marcial Valladares na parroquia estradense de Berres organizado polo bicentenario do seu nacemento fixo posible que os preto de medio cento de alumnos de segundo da ESO do IES Número 1 da Estrada que disfrutaron da actividade coñeceran a historia do señor de Vilancosta contada en primeira persoa.
Foi posible grazas á implicación na iniciativa de dous músicos estradenses: Pablo Bernárdez, actualmente docente e veciño de Moraña, e Rubén Servide, director do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso. Metéronse na pel de Marcial e do seu irmán Serxio, respectivamente, e así, conversando, repasaron anécdotas e facetas da súa vida, como a súa especial ligazón coas artes e a música. As súas explicacións completaron a información que a docente xubilada reconvertida en guía Pilar Bernárdez ofreceu -tamén vestida de época- da familia e da obra de quen, ao escribir a primeira novela moderna en galego -Maxina ou a filla espuria- se convertiu no primeiro novelista do Rexurdimento galego.
Foi un xeito diferente de achegarse á súa obra, tal e como pretendían con esta actividade as súas impulsoras, Mónica Souto e Mónica Mato, as coordinadoras de Biblioteca e de Normalización Lingüística do IES Número 1, que dirixe Beatriz Quintela.
O percorrido pola topografía sentimental de Marcial Valladares comezou na igrexa, onde os rapaces tiveron oportunidade de ver a pía bautismal no que recibiu o seu primeiro sacramento e o camposanto no que xacen os seus restos mortais xunto aos do resto da súa familia, como a poetisa Avelina Valladares. A carón do mesmo cruceiro no que -tal e como conta Pilar Bernárdez, a mestra xubilada reconvertida en dinamizadora lingüística nas ondas con Radio Estrada e onte guía do roteiro de Marcial Valladares– o autor adoitaba falar cun xoven Manuel García Barros, Pablo Bernárdez e Rubén Servide (este tamén de Berres) contáronlle aos mozos participantes que a música era algo cotiá na vida dos Valladares. O seu pai asegurouse de que os seus fillos –tivo 10 dos que 3 morreron moi novos e o cuarto, Serxio, aos 31 anos– tivesen formación musical. Os músicos locais que onte encarnaron a Marcial e a Serxio evocaron as súas anécdotas de estudantes, cómo tiveron que emigrar a Zamora polo traballo do seu pai e cómo cando seu pai foi nomeado gobernador trouxeron o piano ata Vilancosta en carro.
Ante esa mesma casa e no Areal que baña o río Ulla que Marcial tanto amou –e no que dende onte loce un cadro que evoca a Marcial e a Avelina polo bicentenario do nacemento do primeiro– os dous músicos que se involucraron na performance interpretaron con flauta, zanfona e guitarra pezas recollidas dun dos cadernos manuscritos de Marcial que se atoparon na casa dos Valladares. Óperas de Rossini e ritmos da época como boleros, rigodóns, valses ou contradanzas así como pezas recollidas por Marcial no seu cancioneiro dan boa mostra do nivel cultural dun autor que, sen dúbida, marcou unha época. O seu recordo foi toda unha experiencia inesquecible e que xa se plantexa repetir.