Nada en Berres, coma Marcial Valladares e Manuel García Barros “Ken Keirades”, Pilar Bernárdez Sanluis é unha namorada da lingua, da cultura e do ensino. Mestra durante case 37 anos, foi moi feliz ensinando a pé de aula no colexio Cristo Rey primeiro, no Pérez Viondi despois, no Centro de Formación do Profesorado, en Prescolar na Casa por todo o rural da Estrada despois, no Pérez Viondi de novo e finalmente no IES Número 1 ata a súa xubilación. Pero tamén a fai moi feliz difundindo o amor pola lingua e por persoeiros tan ilustres coma os citados a través das ondas de Radio Estrada, na sección Recunchos da lingua do programa Ensaiar é de covardes que dirixe Isabel Durán e que se emite nas tardes dos luns. Foi precisamente nesa sección, falando de Marcial Valladares, na que o seu biógrafo por antonomasia -o profesor da Universidade de Vigo Xosé Antonio Fernández Salgado– lle falou da importancia de facer pequenos actos divulgativos para difundir o legado do señor de Vilancosta, co gallo do seu bicentenario. A idea das coordinadoras de Normalización Lingüística e de Biblioteca do IES Número 1 – Mónica Mato e Mónica Souto– de conmemorar o Día das Bibliotecas no instituto que dirixe Beatriz Quintela fixo o resto. Ambas ideas e o amor de Pilar Bernárdez pola lingua e pola docencia levouna a asumir o reto de converterse en guía de Marcial Valladares... alomenos por un día.
Será hoxe, no marco dun roteiro que repasará vida e obra do célebre escritor e lingüista –autor da primeira novela moderna galega, Maxina ou a filla espuria– percorrendo a pé os mesmos lugares polos que un día camiñou o señor de Vilancosta.
O percorrido, aderezado coa lectura de textos de Marcial e a interpretación de pezas musicais compostas por el e interpretadas por dous músicos de Berres, comezará na igrexa parroquial de Berres. Os 47 alumnos de segundo da ESO que participarán no evento poderán ver a pía bautismal na que recibiu o seu primeiro sacramento e o cemiterio no que recibiu sepultura. Neste percorrido pola topografía sentimental de Valladares -que conxugará vida, obra e morte- tamén haberá un oquiño reservado para o cruceiro no que Marcial Valladares e Manuel García Barros “ –a pesares da grande diferencia de idade que os separaba– acostumaban a conversar. “Para Ken Keirades foi todo un mestre”, explica Bernárdez, convencida de que sen o modelo de Valladares “Posiblemente non houbera existido García Barros” tal e como o coñecemos.
Ademais da idade, a ambos separábaos a súa fortuna persoal. Valladares era membro dunha familia moi culta e acaudalada que, a pesares de relacionarse coa fidalguía- preocupábase dos seus veciños. “Eran moi caritativos”, subliña. Pola súa banda, Ken Keirades –a quen coñeceu por nacer ambos no lugar da Ulla e ser García Barros amigo de seu pai– era fillo dunha familia humilde, a quen o señor de Vilancosta lle prestaba libros. Tíñanse moito respecto mutuo.
Matiza, nembargantes, Bernárdez que dun e doutro autor lle corresponde falar aos estudosos de ambos autores como o propio biógrafo de Marcial Valladares ou os mestres estradenses Xosé Luna e Carlos Loureiro como expertos en Valladares e García Barros, respectivamente. Bernárdez opón o labor investigador de Fernández Salgado, Luna e Loureiro ó seu labor divulgador. O que a move a ela é o afán de que a figura de persoeiros tan senlleiros non caia no esquecemento. Avoga por achegarllos aos máis novos, como fará hoxe ela e como lle gustaría que se fixera ao longo de todo este ano con Marcial Valladares, para aproveitar o tirón do bicentenario do seu nacemento para difundir o seu legado.
Ainda que moi culto, subliña, Marcial Valladares é perfectamente accesible para a maioría da poboación. E debería favorecerse que esta coñeza a súa figura. A propia Bernárdez recorda que, ainda que ela mesma –como integrante do grupo Berros ó lonxe de Berres– participou no 1970 nos actos conmemorativos da adicatoria das Letras Galegas a Marcial Valladares que contaron coa presenza de persoeiros senlleiros como Otero Pedrayo ou Carballo Calero, o certo é que ninguén lles fixo notar a súa grande relevancia.
Bernárdez descubriuna xa de mestra ao igual que a grandeza da figura do señor de Vilancosta e da súa irmá, Avelina Valladares. Soubo entón da súa importancia como literato, lexicógrafo e recopilador de cantigas populares. E coñeceu moitas das anécdotas que hoxe explicará aos alumnos do IES Número 1, ao pé da casa natal do autor e do Areal de Berres. En ambos lugares –á beira do Ulla que tanto inspirou aoautor– soarán composicións líricas e musicais da autoría de Marcial, en parte con música de pandeiretas. E así xurdirá un relato do que foi a súa vida e a súa obra que Bernárdez pretende achegar aos máis novos para evitar que se esqueza. Son anécdotas que falan do pasado da parroquia de Berres, do rural da Estrada e do val do Ulla, como o feito de que o Camiño Real cruzase as terras dos Valladares e estes fletasen unha barca propia para cruzar o Ulla, alternativa á mítica de Neira que evitaba ter que ir a Sarandón. Tamén recordará que o autor adoitaba escribir nunha galería da súa casa con vistas ao Pico Sacro. Son anacos da súa historia e da dunha parrouqia na que Valladares non é o único nome da cultura que brila con luz propia.
Hai outros persoeiros da cultura que cómpre poñer en valor como Avelina Valladares, os escritores García Barros e Martínez Oca ou a docente e crítica literaria Chus Nogueira. Son nomes propios de Berres que cómpre ter en conta no eiro cultural. Marcial, como acredita que lle adicasen as Letras Galegas, é o máis senlleiro. Cómpre espallar o seu legado. O seu bicentenario é a excusa perfecta para facelo. O sábado un especial da sección de Bernárdez na emisora municipal incidirá de novo neste aspecto da man das docentes implicadas neste proxecto.