Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

GONZALO NAVAZA BLANCO nnficha persoal | Novo académico da RAG

“Igual non hai outro sitio no planeta con tanta variedade en toponimia como Galicia”

“Se o idioma galego sobrevive é pola vontade dos cidadáns, non pola política”

Gonzalo Navaza.

Gonzalo Navaza Blanco ingresará como novo membro de número da Real Academia Galega (RAG), para ocupar a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro, finado o pasado mes de marzo. Esta distinción “non vai variar o meu traballo”, posto que xa está vinculado á entidade, como membro correspondente, ao pertencer ao Seminario de Onomástica.

–¿Coñecía a Barreiro?

–Tiña moito trato con el, admirábao e admíroo. Eu estou moi interesado no século XIX e Barreiro era un experto desa época. Lembro que eu non tiña o último almanaque do Matemático Rodríguez, de 1824, e cando llo comentei a Barreiro, ao día seguinte deumo nun CD. E temos que pensar que a toponimia é case unha rama da historia, porque na toponimia hai que ter sempre presentes os rexistros históricos.

–Precisamente, nos vídeos que colgan no Seminario de Onomástica podemos coñecer a evolución histórica dos topónimos de Lalín ou de Gondomar, onde vostede reside. ¿Cal foi o topónimo máis difícil, ou máis estraño, que tivo que investigar?

–O nome da Coruña.Parecía un topónimo prerromano. Ao facer os rexistros históricos, aparecía ‘Crunia’ no 1208, pero ao lugar nos anos anteriores chamábase Faro. Pois resulta que no Códice Calixtino se fala das cidades conquistadas por Carlomagno, que non deixan de ser unha lenda porque nunca estivo en España. Entre esas cidades aparece unha Crunia que non só non existía, senón que era un erro de transcripción de ‘Cauria’, que sería Coria, en Cáceres. Uns 70 anos máis tarde, Afonso VIII (alias Afonso IX) poríalle este nome ao lugar de Faro. Así que A Coruña ten de particular a súa orixe literaria, como ocorre con Amazonas ou California. E ademais, é un topónimo xacobeo.

–A Coruña, como vostede indica, seguiu chamándose Faro durante anos. ¿Tarda moito a sociedade en acostumarse a un novo topónimo?

–É que incluso o novo nome pode non arraigar, como ocorreu con Tui, ao que o pai de Afonso VIII pretendeu renomear como Boaventura. Hai tamén cambios parciais, Chantada no seu momento pasou a ser Pobra de Chantada, pero non se consolidou, ao igual que o intento de Vilanova de Sarria.

–Na actualidade, podemos ver cómo nalgunhas cadenas de televisión traducen topónimos galegos ao castelán. ¿Isto é correcto?

–Toda lingua ten endónimos, que son os topónimos dese idioma, e exónimos,que son as traduccións dos topónimos doutras linguas. A Unesco recomenda que se vaia prescindindo dos exónimocs, porque o ideal é que un lugar teña o nome que lle dan os seus habitantes. Na época medieval o castelán non sempre adaptaba os nomes doutros idiomas, así tiñamos Galicia e non Gallecia. Galicia é un galeguismo, e é igual de correcto. En épocas posteriores, ata o século XX traducíase todo ao castelán, incluso os nomes, ata o punto de decir Federico Nietzsche, e non Friedich, o nome orixinal. Na actualidade, a RAE di que en principio poden usarse as localidades con exónimo. Así se di, por exemplo, Londres. Pero na Wikipedia, por exemplo, traducen todo, de maneira que usan un exónimo ainda que non exista, con lugares como Chandreja de Queja. Pero tamén é certo que en casos como Sanxenxo, o 90% dos usuarios é respectuoso coa forma galega. A polémica vén de sitios moi reducidos.

–¿Cre que a despoboación do rural pode acabar coa toponimia?

–Galicia é unha mina para un toponomista, e igual non hai outro sitio no planeta con tanta variedade. Esta variedade vén dada pola orografía irregular, cousa, que non pasa en Palencia, por exemplo, pola dispersión da poboación e polo minifundio, de maneira que fan falta moitos nomes para designar as propiedades. Axudou tamén a ocupación continuada do territorio, posto que somos descendentes dos primeiros ocupantes doPaleolítico. O mundo rural pode irse abandonando, pero seguirá o nome dos lugares, como pasa coa Porta da Mámoa, en Santiago. A mámoa desapareceu hai 2.000 anos, pero o nome segue aí.. O que si poden faltar son informantes.

“O Dicionario de Apelidos Galegos sairá en 2022”

–Outra polémica, ademais das traducións dos topónimos, é a incoherencia na sinalización de lugares, como ocorre co do Sisto, en Dozón. –A forma correcta é con ese, e non con x. Sisto é un lugar de pastos para o gando vacún, e puido derivar a Sixto por asoacialo co nome. A Lei de Normalización Lingüistica di que a Xunta debe velar polo uso correcto na rotulación, pero ás veces quen decide é a propia empresa. Ocorre con Ribeira, que é con b e non con v, porque neste caso o topónimo debe adaptarse á palabra común. –¿Como ve o futuro do galego, cre que hai unha guerra entre os falantes e o galego normativo? –A lingua formal non ten por qué usar rexistros coloquiais, e isto pasa no galego e tamén no castelán. Nós pasamos de ter unha lingua analfabeta a introducila non ensino, e se o galego sobrevive, e por vontade dos galegos, non da política. Poño como exemplo Israel, onde o hebreo era unha lingua morta e coa creación do Estado na década dos 40, agora, máis de 60 anos despois, é o idioma habitual. En Ucraína, é posible que non sobreviva o uraíno nalgunhas zonas, porque o ruso é maioritario. –Forma parte do proxecto Galicia Normeada, que leva recollido xa máis de 500.000 topónimos. É ademais escritor de poesía e narrativa. ¿Podemos agardar algunha novidade literaria? –O ano que vén, xunto a Luz Méndez, Antón Palacio e Ana Boullón sacaremos o Dicionario de Apelidos Galegos, cunhas 8.000 entradas. Eu sempre estou escribindo, en realidade, e teño tamén en marcha unha novela ambientada no século XIX.

Compartir el artículo

stats