O vindeiro mércores, día 27, o colectivo de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) celebra unha asamblea para renovar a xunta directiva. As dificultades para conciliar son o motivo polo que Yolanda Mato abandona o cargo como presidenta, que ocupa dende finais de xaneiro de 2019.

–Que balance fai destes case tres anos de mandato?

–O noso equipo sustituiu ao de Alberto López. Xa a anterior directiva tivera problemas para buscar relevo, e moitos dos seus membros cesaran. O que fixemos ao asumir a xunta foi enviar unha persoa por todos os negocios, para captar socios, e funcionou, porque se daquelas ECOS tiña 40 membros, agora está preto dos 70. Foi posible tamén que se unise a hostelería, e poñer en marcha unha campaña máis ou menos cada dous meses.

–Agora que menciona as campañas, funcionan para incentivar o consumo no comercio de proximidade?

–É máis ben unha maneira de fidelizar ao cliente do día a día. E para a hostalería, con campañas como as que incluiamos concursos de tapas, sempre supoñen un plus.

–O COVID, como ocorreu con todo, freou estas campañas, e imaxino que tamén o futuro de moitos negocios.

–É curioso, porque durante a pandemia o sector da hostalería foi o máis castigado polas restriccións e, sen embargo, foi tamén a época onde abriron máis negocios vinculados a este sector. en Silleda En canto ao comercio, houbo algún que outro peche por xubilación ou ben do dono ou dona do negocio ou ben da empregada, e o propietario optou por pechar.

–Nota que aumente o consumo tras aqueles meses de confinamento pola pandemia?

–Unha vez que puidemos volver reabrir, si que é certo que a xente se volcou coas tendas, e foi máis solidaria. Iso foi o ano pasado. pero neste, é como se o cliente tivese medo ao que poida vir, e freouse o consumo. E en canto ás ventas desta campaña de outono-inverno, o bo tempo non nos está axudando a incrementalas.

–E teñen en contra a s ventas por internet, que tamén se dispararon a raíz da crise sanitaria.

–Aí non podemos competir. En Silleda sopesamos a posibilidade de poñer en marcha unha plataforma de ventas como as que funcionan na Estrada ou en Lalín, pero non o viamos moi viable. Ao final, o que mellor nos funciona é a páxina independente que poidamos ter cada comercio, ben sexa un sitio web ou un perfil nas redes sociais.

–Na súa directiva seis dos sete integrantes son mulleres. É o comercio un sector moi feminizado?

–É certo que hai moitas mulleres á fronte dos negocios, pero tamén coñezo numerosos casos en que son matrimonios, como na Frutería Raquel ou na nosa tenda, Carmiña Silleda, que puxeron en marcha os meus pais.

–Que pode ocorrer o día 27 se non hai ningunha candidatura para a directiva de ECOS? Xa ocorrera cando rematou o mandato de Alberto López.

–No peor dos casos, se non hai ningunha lista que queira asumir a directiva do colectivo,poderiamos seguir nós ata a campaña de Nadal. Pero a idea é que si haxa un relevo. No meu caso, xa expliquei que cando comecei tiña só un fillo, e agira teño tres, polo que me é moi compliado conciliar, a pesar de que me axudan os meus pais e a miña irmá.