Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha mestra moi querida

Esther da Silva Portela recibe a sorpresa da súa vida en forma de homenaxe dos seus antigos alumnos de infantil da escola unitaria de Catasós e do colexio Xesús Golmar

Esther da Silva foi agasallada onte por sorpresa. Bernabé

Quen non lembra á súa primeira profesora? Ás veces, o recordo agarimoso perdura no tempo ata o punto de que os que onte eran cativiños e hoxe son corentóns deciden que nunca é tarde para dicir “grazas, profe”. É o caso dun grupo de exalumnas e exalumnos de Esther da Silva Portela, que foi mestra de educación infantil durante dezaseis anos na escola unitaria de Catasós, hoxe desaparecida, e despois durante trece anos no colexio Xesús Golmar de Lalín.

Estes antigos “párvulos”, como se lles chamaba daquela, prepararon durante os últimos meses unha homenaxe sorpresa, que finalmente se celebrou onte no Auditorio Municipal de Lalín. Coa intervención tamén dalgunhas compañeiras docentes da etapa no Golmar, a proxección dun vídeo e fotos daqueles anos, o acto conseguiu emocionar a Esther da Silva, que non agardaba para nada este tardío tributo, xestionado co máximo sixilo e discreción. Tratábase de que a homenaxeada non sospeitara nada ata o momento mesmo de entrar no auditorio. Obxectivo cumprido. Esther levou a sorpresa da súa vida.

Mestra con vocación xenuína e verdadeiro amor polo seu traballo, Esther da Silva probablemente non é consciente das innovacións pedagóxicas que aplicaba naquela escola de aldea nos anos 80. O contacto coa natureza, as actividades libres e alleas ós pechados contidos curriculares, os xogos que potenciaban a creatividade e a imaxinación… Todo en clases que desenvolvía integramente en galego, o que non era nada habitual mesmo sendo o galego a lingua materna da inmensa maioría dos rapaces no rural.

A mestra, onte, cos seus antiguos alumnos no Auditorio Municipal de Lalín. Bernabé

A súa implicación e afecto ían máis alá das obrigas. Sen ruta de transporte escolar, e nunha época na que moitas familias carecían de coche, ela resolveu o traslado diario duns cantos alumnos asumíndoo persoalmente, levándoos no seu vehículo particular: un inestable Seat Panda case reconvertido en microbús (cantas cousas que antes nos parecían normais hoxe as xulgariamos como mostras de inconsciencia!). Cando algún neno tivo que permanecer na casa durante un tempo por problemas de mobilidade, ela desprazábase ao domicilio para que o rapaz non quedara atrás con respecto aos compañeiros. E despois das vacacións de Nadal, por se acaso os Reis Magos se despistaran nalgunha parroquia de Catasós, a profe sempre aparecía con pequenos agasallos que súas maxestades de Oriente deixaran para todos na casa de Esther, seguramente por unha cuestión de aforro loxístico e de tempo nunha noite de moito curro para Melchor, Gaspar e Baltasar.

Tamén na etapa no colexio Golmar deu mostras de ser unha mestra singular. Recórdase especialmente a función de teatro na que puxo a nenos de catro e cinco anos a representar, disfrazados de pescadores e mariscadoras, o episodio da marea negra do Prestige. Unha función que serviu para que os escolares tivesen un entendemento alomenos primario daquela incidencia da que se falaba a todas horas. A escola como espazo aberto, recollendo o que pasa fóra da escola. O que quixo ser unha mostra didáctica sen pretensións acabou converténdose nunha pequena obra mestra, que mesmo foi publicada pola editorial Fervenza na súa colección de cadernos de teatro escolar A Pinguela.

Así era Esther. Así segue sendo. E así a lembran os seus “pequerrechos”, que aínda hoxe en día teñen un oquiño no seu corazón para quen foi a súa primeira mestra.

Compartir el artículo

stats