Roteiros de Lalín volveu onte ás andadas para estrear un novo itinerario, o seu vixésimo quinto. Supoñía o regreso ás rutas con público, coma antes da pandemia, e foi todo un éxito de participación: 185 persoas, que fixeron o recorrido distribuidas en varios grupos.

Chegada dun grupo a Carrofeito.

A parroquia de Lebozán obsequiou aos participantes con fermosas paisaxes de outono, sen que a choiva fixera acto de presencia. A ruta corta, de 13 quilómetros de lonxitude, pasou por Lebozán, Espiño, Alto do Estorniño, Ermida do Medio, a devesa do Campo dos Lobos, Bustelo e Carrofeito, para retornar de novo ao punto de saída. O percorrido longo, de 25 quilómetros, chegou tamén ata Samprizón, Abeleda, San Martiño, Nogueira ou Coto do Santo da Pedra, para xuntarse co outro en Carrofeito e rematar en Lebozán. Foi unha ruta de alta calidade con moita beleza paisaxística e patrimonio natural e etnográfico. Os traballos de acondicionamento dos últimos tempos serviron para recuperar un tramo do Camiño de Arrieiros entre Espiño e Ermida do Medio. Outros lugares de interese foron a capela de San Martiño de Nogueira e as mámoas do Coto do Santo de Pedra.

Paso pola devesa de Ermida.

Paso pola devesa de Ermida.

O proxecto Roteiros de Lalín suma xa 25 percorridos distintos e cerca de 500 quilómetros. Segue a traballar co Concello de Lalín na mellora desta rede de sendeiros que pode situar a Lalín entre os mellores municipios de Galicia no eido das actividades no medio natural.