Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trasdeza, un concello rico en mananciais mineromedicinais

Carboeiro, Crestelle (Manduas), Pazos, Piñeiro, Saídres, Galán (Laro) e ata Silleda, en Mourelos, teñen fontes que abrollan augas con moitas propiedades para tratar determinadas enfermidades

As Caldelas de Saídres, coas súas impresionantes natas. FOTOS: ALFREDO ABELEDO

Non é nada raro ver sinais informando de que tal ou cual concello é vila termal. Na nosa contorna, a pouco que nos fixemos decatarémonos de que estamos arrodeados de balnearios ou casas de baños adecuados para tratar determinadas doenzas, xa do corpo, xa da mente. As Cruces con Paradela de Merza, O Carballiño co balneario da capital e Partovia, Berán (Leiro), as augas quentes de Caldas de Reis e Cuntis ou o manancial de Loimil, na Estrada, son concellos próximos cunha gran oferta… Hai quen dea máis? Pois si, tamén Agolada ten a súa casa e, como non podía ser menos, Silleda, que, se ben non é vila termal, posúe mananciais que outrora foron centros de visitas para coller ou tomar as súas augas curandeiras, anque non tan sabedeiras. Xa sabedes aquel dito: “O mal que me sabe, polo ben que me fai”.

Carboeiro, Crestelle de Manduas, Pazos, Piñeiro, Saídres, Laro e mesmo Silleda, nun lugar tan significado coma Mourelos, teñen fontes que abrollan augas milagreiras con moitas propiedades para tratar determinadas enfermidades. Tan só se precisa dedicarlles un pouco de atención para, coma noutras épocas, poder ir buscalas para usalas como se indique, segundo os expertos e nunhas condición hixiénico-sanitarias adecuadas. Os nosos antepasados, incluídos romanos e frades de Carboeiro, xa eran conscientes das bondades das augas e do poder da hidroterapia e, antes de existir as farmacias, resultaban ter un atractivo especial para o tratamento saudable das diferentes doenzas.

As Caldeas en Saídres, coas súas impresionantes natas.

Emilio Del Río Sanz, doutor en Filoloxía Clásica, na súa obra Calamares a la Romana, xa di: “Esta paixón termal foi levada polos romanos por todo o seu imperio. Onde chegaban, levaban o latín e os seus costumes, entre os que destacaban as termas e o viño, como os elementos máis valiosos da romanización. Cando as lexións se establecían nun mesmo lugar por máis de seis meses, o primeiro que facían era construír uns baños”.

O noso querido e veciño Manuel Mosquera abunda neste tema cando na súa Deza Augusta defende que os romanos aproveitaban a existencia de augas termais para situar as mansións, de aí que A Bandeira sexa unha mansio que contaba con SPA, que non é un invento americano, senón un acrónimo de Salutem Per Aquas, logo romano. Fala do Monte Ulleiro como zona abundante en gurgullos termais, sendo o significado de Ulleiro “afloramento de augas termais”. Pois ben, tanto Crestelle coma Pazos, coa súa sinxela Casa de Baños, son emprazamentos onde hoxe aínda existen augas xofradas con propiedades medicinais e todo indica que deberon ser un atractivo especial para os habitantes romanos e as lexións de Campo Marzo.

Tiven o interese de visitalas todas, mais tan só as que coñecía. Outras, descoñecidas para min, foron fotografadas grazas aos informantes que me acompañaron. Haberá máis, e desde este medio fago un chamamento para que as divulguen como se merecen. Vou falar das que relaciono liñas atrás convencido de que para coidar algo primeiro hai que coñecelo, logo querelo e despois informalo. Coma sempre, “pobo que non sabe a súa historia ou que carece de información, está irremediablemente condenado á morte”.

Manancial de Crestelle.

Crestelle. Neste lugar da parroquia de Manduas, moi preto da estrada da Casela –no Camiño Mozárabe, máis coñecido por Vía da Prata–, hai dúas fontes que, andando o tempo, foron, coma o lugar mesmo, case que abandonadas. Aínda así, non hai moito puiden velas con algún veciño da Bandeira, sabedor da súa existencia pola necesidade que tivo de acudir para tratar as afeccións de pel que tivera o seu fillo. Antes diso o meu coñecemento veu das indicación dadas por D. José Espiño Mato, párroco naquelas datas de Manduas.

O enxeñeiro e experto na materia Jesús Rosino, de Granada, analizounas: “Se trata de dos surgencias de escaso caudal situadas en medio de la ladera de un denso eucaliptal, a cuyas aguas se les viene atribuyendo propiedades mineromedicinales, ya Madoz les atribuyó en su libro de 1845, esta característica; el día de la visita (agosto de 2016), no se apreció ninguna evidencia de contenido en sulfuros, ni precipitados, ni olores, ni natas; aunque si la abundancia de una especie de helecho que únicamente se observó en torno a ambos manantiales”.

Fonte do río en Mourelos.

Carboeiro. A este manancial chégase desde a Ponte do Demo, preto do Mosteiro de Carboeiro, despois de baixar pola calzada que vai cara ao río, no sendeiro que da aos Baños da Brea. Por certo, estes, hoxe convertidos en balneario, xa foran usados polos monxes no século X, sobre todo, cando Merza pertencía á Xurisdición de Carboeiro. Está na ribeira do Deza, a uns 100 metros na vertente de Trasdeza. A auga é recollida nunha pía feita en pedra e foi empregada tanto polos frades do convento coma por aquelas humildes persoas que non tiñan outros posibles. Tan só ten un problema: As enchentes do río tenden a cubrila de pedras, polo que o seu mantemento e limpeza convértese nunha obriga anual. Pertence ao Concello de Silleda, por compra das fincas (28.319 m2) feita no ano 1989, sendo alcalde Juan Salqueiro Montouto.

Segundo informe elaborado no ano 2016 por Jesús Rosino, trátase dun manancial de augas xofradas, frías, de mineralización feble, tradicionalmente empregadas na contorna de Carboeiro para a curación de afeccións da pel. Mediante uso externo, xa de vello foron aproveitadas as súas propiedades antisépticas, desinfectantes e antialérxicas, polo que están indicadas, xunto coas natas brancas, no tratamento de afeccións dermatolóxicas. A súa inxestión en condicións hixiénico-sanitarias gozaba de utilidade como tratamento de trastornos hepáticos, metabólicos e diabéticos, entre outros. No Diccionario de Madoz de 1845 xa se fala delas, e do seu aproveitamento formando parte doutras coñecidas neses anos, como as de Pazos e Crestelle.

Os veciños da contorna e non só de Carboeiro, sempre foron sabedores da súa existencia sendo usadas en épocas pasadas. O Concello de Silleda, en varias ocasións, ten feito limpeza da pía que as contén e aínda hai pouco nos seus programas figuraba o seu aproveitamento. Hoxe están á espera de obras de protección e, mentras, son informadas da súa existencia por diferentes guías de turismo do cenobio.

As Caldelas de Saídres. No monte Carracido, no lugar da Mamuíña, a uns 100 metros do Deza, abrolla unha fonte que chaman As Caldelas, de augas xofradas e con facultades curativas. Tal e como se reflicte na publicación A Comarca do Deza: “Din os máis vellos do lugar que “ao pé da fonte de auga quente, pódese escoitar, algúns días, o moer do muíño dos mouros, moendo debaixo da terra”.

O pasado mes de agosto tiven a sorte de ser acompañado por un amante destas terras de Saídres, a quen lle quero mandar o meu agradecemento máis sincero. José Ramón Salgueiro é destes homes sempre dispostos a colaborar e diso dou boa testemuña polo esforzo feito nesta xornada dominical. Cando lle preguntei como se podía chegar a esta fonte comentou que puxera que baixando ao río pola pista da Tosta do Inglés e no sentido contrario á zona do Cruiñal, á altura do Regueiro que cruza a pista. Nesta altura podíase subir cara o monte na busca dunha área máis verde. A verdade é que non foi nada doado, mais o lugar con fentos fero e flora diferentes e maila propia fonte valeron a pena.

A feitura do alumeamento, as natas brancas en gran cantidade e o cheiro cubriron un desexo moi perseguido e case que descoñecido por todos. Mais alí estabamos nós para desmentir tantas faladurías. Cunha temperatura de 14,4 graos, un caudal máis que importante e un desagradable cheiro a ovos podres, a fonte apareceu para colmar as nosas inquedanzas. Das súas propiedades curativas da boa conta xente de Silleda que as usou e incluso de Parada, tal como José Ramón recorda persoalmente.

Pazos. Manancial de augas sulfurosas, frías, de mineralización feble, tradicionalmente empregadas para a curación de afeccións da pel. Mediante a aplicación externa foron recoñecidos os seus efectos desinfectantes, cicatrizantes e antialerxénicos, sendo apropiadas para o tratamento de afeccións dermatolóxicas, como psoriase, dermatite, etc. A súa inxestión en condicións hixiénico-sanitarias gozaba de utilidade como tratamento de trastornos hepáticos, metabólicos e diabéticos, entre outros. Así reza o panel informativo colocado polo Concello de Silleda, a través da concellería dirixida por Ana Luisa González Costa.

Na memoria colectiva lémbrase a existencia deste manancial dentro dunha casa de baños, de fins do século XIX ,que pasou a escola nacional no primeiro terzo do XX. O solar onde se atopa este manancial é A Caseta, ao pé dun piar do viaduto recén feito para o paso do AVE, moi preto do aparcadoiro da Fervenza do Toxa.

Poza de Pazos coa caseta detrás.

Galán. O 12 de setembro combinei con Javier Presas, de Galán (Laro), para acercarnos a este manancial, que abrolla ao pé do río Deza, mais non sabiamos se poderiamos ver algo da pía da que se falaba. A zona está cargada de lendas, como a da Fonte da Moura recollida por Xulio Carballo, e ben merecía a pena achegarse. Despois de baixar polo prado onde o pequeno Javier ía tornar as augas, no propio río chegamos a ollar o que parecía unha concavidade cadrada feita en cantería, mais... estaba cuberta polas augas do Deza. Na foto que acompaño, vese a pía en pedra traballada asulagada. Triste destino do que noutrora foron mananciais de augas sanadoras.

Despois da sacar algunha foto e visitar o Muiño de Pumedo e a fermosa ponte da Pardiña, presentoume a Dalia Regalade Saborida, de 86 anos, que coñecía moi ben a zona desde cativa. Moi agradable e faladora, explicoume que ela chegou a ir ao río, lavar a pía, coller as augas e tamén bebelas, anque non sabían nada ben, pois tiñan un gran contido de xofre. Despois de identificar a pía nunha foto que lle amosei, dixo que unha enchenta do río, anos atrás, levara o Muiño de Pumedo e outros próximos, a canal e, como non podía ser menos, tamén a pedra ou pedras de cantería que formaban a fonte de augas medicinais de Galán. Eran moi famosas, segundo me di Dalia, coas mesmas propiedades e un grao menos que as do Carballiño, que teñen unha temperatura de surxencia que vai dos 22º aos 28º. O Ferreiro de Vilatuxe e xente da zona viñan buscalas para bebelas, anque, como dixen ao principio, “o ben que me fan polo mal que me saben”.

Pía de Laro cuberta polo Deza.

Augas brancas de Mourelos. É moita a xente que oiu falar delas e moitos os veciños da parroquia de Silleda que as chegaron a beber, mais hoxe ningén pode dicir exactamente onde se atopan. Seica están preto da Fonte de Ríos, xunto ao regueiro de Mourelos. Eran mornas, segundo me indica Pilar Couto, que llas deron cando era pequena e seica sabían mal, mais hoxe non sabería ben onde están. A xente deixou de acudir a elas e a construción das pistas de concentración mailas distintas obras feitas posteriormente acabaron por tapalas e facelas pasar á historia. Un médico titular da praza en Silleda, D. Julio Morales, ten dito, segundo nos comenta Ramón Pérez Troitiño (Moncho de Moire) veciño de Mourelos, “que esas augas, previa análise feita, eran tan boas como as do Carballiño e que aconsellaba tomalas”. Disto deron testemuña Carmen Vila Pérez. da Ferretería Valiño, e Perfecta Grela, do antigo e desaparecido Café-Bar O Refuxio, situado na rúa Trasdeza, fronte á Casa do Concello.

Pía de Carboeiro, ao lado do río.

Pía de Carboeiro, ao lado do río. Alfredo Abeledo Penas

Agradecementos

Para rematar, quero dar un agradecemento especial a todos os que colaboraron comigo para poder dar algo de luz a estes mananciais a punto de esmorecer. Tratei de redescubrilas porque se non se divulgan acabarán soterradas, comestas polas silvas ou cubertas polas augas dos ríos. En condicións hixiénico sanitarias axeitadas, teñen unas propiedades curativas que ninguén pon en dúbida e cando menos son complementarias a calquera tipo de tratamento actual. Vai dedicado este traballo á memoria dos nosos usuarios. Ana Rosa Cornado, Pilar Couto, Luis Taboada, Rosa García, Ana Luisa González, Ramón Pérez, Javier Presas, Dalia Regalade, Antonio Rodríguez, José Ramón Salgueiro, Ramón Sánchez, Jesús Rosino. Ogallá algún día sexamos recordados por ir nós a tomar as augas e non por frases como: “Dicían os meus avós que estas augas eran boas para... e viñan buscalas de...” A todos, grazas. Internet e algún traballos relacionados servíronme de gran axuda e quero destacar, sobre todo, a Guía de Balnearios e Fontes de Galicia, de Mª Jesús Vila e Tomás Ares (Galaxia, 1997). 

Informe de Jesús Rosino sobre as fontes de Pazos e Carboeiro

Jesús Rosino, hidroxeólogo, asesor en termalismo e experto en augas mineromedicinais con máis de 30 anos de experencia profesional, foi contratado polo Concello de Silleda en 2016 para analizar as fontes que puideran ter algún aproveitamento terapéutico. Para iso procedeu a recoller e analizar as augas das fontes máis importantes existentes, se ben daquelas non se puideron mostrar máis que as máis doadas de ver, como as de Crestelle, Pazos e Carboeiro. Unha pequena parte do seu informe vai exposta nas liñas que seguen:

Manantial de Pazos: Posee aguas de baja mineralización, sulfuradas frías, bicarbonatadas, sulfatadas y sódicas, probablemente de interés terapéutico también por su probable contenido en Radón. Sus aguas han sido utilizadas tradicionalmente para la cura de afecciones de la piel. En condiciones de salubridad, mediante aplicación externa tienen efectos desinfectantes, cicatrizantes y antialergénicos por lo que serían apropiadas para el tratamiento de afecciones dermatológicas, como psoriasis, dermatitis, etc. También podrían ser útiles en reumatología, ya que se les presume un efecto reparador de las articulaciones desgastadas o inflamadas. Estas aguas, en condiciones higiénico-sanitarias adecuadas, podrían ser útiles en bebida para el tratamiento de afecciones hepáticas, trastornos metabólicos y diabetes, entre otras; mediante enjuagues, gargarismos y lavados podrían ser utilizadas para el tratamiento de afecciones respiratorias; mejoran también el riego de las encías y disminuyen la placa bacteriana bucal, por lo que en las condiciones mencionadas, también podrían ser utilizadas en odontoestomatología y otorrinolaringología.

Manantial de Carboeiro: Sus aguas son de baja mineralización, sulfuradas frías, bicarbonatadas y cloruradas, y probablemente ricas en radón. Tradicionalmente han venido siendo utilizadas para la cura de afecciones de piel. Limón Montero en 1849 indicó que las aguas de este manantial tienen buenos efectos medicinales, aunque en su época eran frecuentadas tan solo gente pobre por las escasas infraestructuras e instalaciones existentes en la zona. Por su carácter sulfurado, estas aguas tienen acción antiséptica y desinfectante, y antialérgica, por lo que están indicadas, junto con las natas blancas que generan (baregina), mediante uso externo, para el tratamiento de múltiples afecciones dermatológicas. Mediante baño también son útiles en reumatología, ya que tienen un efecto reparador de las articulaciones desgastadas o/y inflamadas. Su ingesta en condiciones higiénico-sanitarias adecuadas podría ser útil para el tratamiento de afecciones hepáticas, trastornos metabólicos y diabetes, entre otras. Igualmente, serían útiles para el tratamiento de afecciones respiratorias como asma, EPOC, etc.

Diferencias entre augas termais, sulfuradas e sulfurosas

Hai moita tendencia a chamarlle augas termais a todas as augas de uso terapéutico, cando a realidade é que a estas deberíaselle chamar mineromedicinais, polas súas propiedades, sexan quentes ou frías. A palabra termal significa “quente” e para que así sexa considerada, a temperatura da auga debe estar 5 graos por riba da do solo na que se atope ou das que discorren pola súa superficie, tal como publica a Xunta no DOG. Son exemplos de augas destas características As Burgas, con 67ºC, ou Santa Comba de Bande, con 46º. As de Lobios acércanse aos 80º e as da Brea sobrepasan os 25º, sendo consideradas termais, mellor dito, hipotermais, con outras propiedades terapéuticas. En termos xerais, a clasificación das augas atendendo a temperatura é a seguinte: Frías, cando abrollan a menos de 20ºC; hipotermais, cando están entre 20 e 35ºC; mesotermais, entre 35 e 45; hipertermais, entre 45 e 100; e supertermais, entre 100 e 150.

Por outra banda, é bo distinguir entre as augas sulfuradas e as sulfurosas, como se coñecen popularmente. Augas sulfuradas son as que teñen un importante contido en xofre, o seu cheiro é o característico de ovos podres e a súa concentración é menor de 1 mg/litro. As augas sulfurosas teñen un alto contido en xofre, superiores a 1 mg/litro e o seu cheiro tamén nos recorda a ovos en mal estado; son augas claras, brandas e untuosas ao tacto, cun sabor salado.

Visto isto, hai que destacar que todos os mananciais existentes en Trasdeza son de augas frías, entre 15º e 17º, e teñen contido de xofre os de Carboeiro, Pazos, Penedo do Leite e As Caldelas. Polos comentarios dos veciños, serían tamén, pois cheiraban mal, as de Mourelos e Galán, que se poden considerar desaparecidas. Segundo as análises feitas pola empresa AGMA, tan só as de Crestelle non responden a estas características de augas brancas, tendo a consideración de bicarbonatadas sódicas. En función dos lugares por onde pasan teñen diferentes tipos de mineralización: ferruxinosas, carbonatadas, cloruradas... Pero, por cuestións de espazo e temática, iso sería motivo doutras páxinas.

Compartir el artículo

stats