Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

INMACULADA GALEGO | Animadora sociocultural de Agolada xubilada

“Hai que procurar que o turista non visite só os Pendellos”

“Na casa dos meus pais había sempre un diccionario enriba do estante da cociña”

Inma Galego, nunha foto de arquivo, nos Pendellos. Bernabé

Os libros e as bibliotecas estiveron ligados á vida de Inmaculada Galego. O seu pai xa traballara como funcionario no consistorio de Agolada, cando este ocupaba a actual Casa da Cultura e biblioteca, onde ela traballou dende 1993. Neste inmoble ela fora ademais a clases do antigo párvulos (hoxe Infantil) e no concello de Crecente, onde traballou durante seis anos, a súa actual biblioteca e sala de informática ocupa o espazo onde se ubicaba a casa na que vivira, xunto ás antigas vivendas dos funcionarios.

–En novembro de 1993 comezou a traballar na biblioteca de Agolada, recén aberta, como auxiliar. Este centro estivo funcionando ata o 2012, cando pechou polo plan de axuste económico. ¿Como foron mudando as demandas e os fondos deste servizo?

–Cando arrancamos había o fondo que mandaba a Consellería, e despois fixéronse adquisicións, pero poucas. Non había nos orzamentos unha partida específica para bibliotecas. Durante todos eses anos centreime en facer concursos, xogos e actividades de animación á lectura para os nenos, e o certo é que tiveron moito éxito. Coido que é moi importante o complemento de actividades de animación á lectura. En canto ao público, os pequenos xa contaban dende hai tempo cunha biblioteca fabulosa no CEIP e os lectores maiores non tiñan moito ónde escoller entre os nosos fondos, porque non había actualizacións. É como un bucle: non había movemento na biblioteca, e entón non se lle prestaba atención. Co peche en 2012 tamén quedaron suspendidas as propostas de animación, e agora semella que o Concello quere reabrir tanto a biblioteca como a aula de informática. Considero que é moi necesaria dita aula, para que os veciños e veciñas poidan facer trámites ou imprimir documentos. Nos últimos anos, ten habido moitas propostas de dinamización á lectura en concellos veciños co programa Ler conta Moito. Esta proposta xa coincidiu ainda coa biblioteca aberta, pero por entón o centro agoladés xa non tiña moito tirón.

–Vostede estivo case 28 anos traballando no Concello de Agolada, primeiro como auxiliar de biblioteca e despois tamén como animadora sociocultural. Hai que recalcar que o seu nome está entre os que puxeron en marcha a Mostra de Artesanía.

–Así é. Antes de arrancar a Mostra, Agolada tiña os circuitos culturais da Xunta. Algúns compañeiros como Carmen Ansedes ou Toto propuxéronme organizar a Mostra de Artesanía. Lembro que fixen o cartel a man desta primeira edición, que seguiu adiante con axudas económicas e concertos. que iamos conseguindo. O certo é que foi dando resultados e xa hai 25 anos que comezou.

–A Mostra serviu, sen dúbida, para dar a coñecer o recinto dos Pendellos.

–Asi é. De feito, a restauración dos Pendellos, da man da Deputación, arrancou coa Mostra de Artesanía xa consolidada. Agora mesmo, hai algúns pendellos que presentan problemas estructurais, e coido que se van arranxar. Durante anos eu fixen de guía dos turistas que viñan aos Pendellos, e recibíamos dende participantes do programa provincial En ruta coa Depo ata autocaravanistas, que aproveitaban para recoller setas e logo as preparaban para cear neste recinto feiral.

–Non cabe dúbida de que Os Pendellos e a igrexa de Ventosa son os principais reclamos turísticos de Agolada. Pero, ¿cómpre impulsar outro tipo de turismo que explote os valores naturais deste municipio, en vista de como mudou as demandas turísticas a pandemia?

–Antes do estoupido do COVID, Agolada participaba nas rutas do programa Goza do Ulla, no que interviñan outros concellos polos que tamén discorre este río. Pero co coronavirus, esta proposta quedou suspendida. Antano, nalgunha ocasión tamén tiñamos feito rutas polo Sobreiral do Arnego, e sei que nos últimos tempos se estaba preparando unha ruta polas Torrentes de Mácara, que se ubican entre Agolada e o concello veciño de Antas de Ulla. Creo que o ideal, e xa o fixéramos algunha vez, é complementar unha viaxe turística cunha ruta de sendeirismo, ou propoñerlle aos visitantes outros destinos como o pazo de Borraxeiros, para que poidan pasar o día en Agolada e non limitarse a vir ver os Pendellos. Hai que procurar que o turista non visite só os Pendellos. Neste sentido, gostaríame lembrar que dende hai moitos anos e ata meses atrás eu tiña unha colaboración con Radio Melide, na que daba a coñecer as actividades culturais máis inmediatas do municipio. Era unha forma moi boa de difundilo e dalo a coñecer.

–Nos últimos meses, antes de xubilarse, volveu traballar na biblioteca de cara á súa próxima reapertura. Está claro que a súa vida profesional está ligada aos libros.

–E tamén a persoal. De feito, só regalo libros. Lembro que o primeiro que me regalou o meu pai, cando eu tiña seis anos, era El cuento de la lechera. Ademais, cando era nena, enriba do estante da cociña da casa dos meus pais había sempre un diccionario, por se en calquer momento da lectura ou durante unha conversación había que consultalo para aclarar dúbidas. O meu pai leía moito, moitísimo. Agora herdei eu a vivenda de Órrea, e ata teño caixas de libros gardadas debaixo das camas.

Compartir el artículo

stats