Amosar a saúde da cultura e o folclore tradicional nas diferentes etapas do Camiño de Inverno é o cometido de A Paso de Muiñeira, unha webserie producida pola firma lalinense Edicón Consultores que foi presentada onte no Pazo de Liñares. Ao acto acudiron, ademais do equipo de traballo da serie, membros do elenco, informantes e a tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez Asorey, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco Blanco.

Trátase dunha serie de oito capítulos duns 15 minutos de duración dirixido pola tamén lalinense Adela Otero Vázquez. O nexo de unión é a procura de puntos de baile e músicas tradicionais por parte de dous peregrinos (Julián e Anabel Montouto) que veñen facendo o Camiño de Santiago, ensinados por diferentes persoeiros relacionados co mundo do folclore nas localidades de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), Montefurado (Quiroga), Monforte de Lemos, Alto do Faro (Chantada), Rodeiro, Lalín, A Bandeira e Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, Anabel Montouto, con grao en Belas Artes, veu realizando debuxos das persoas e situacións vividas.

A webserie pretende ser unha voz máis de difusión da beleza do Camiño de Inverno e do interese das súas xentes, sen dúbida, a gran riqueza de calquera das rutas xacobeas, amais de valorizar a nosa cultura tradicional a través do coñecemento do noso folclore. Esta iniciativa foi beneficiaria dos Fondos de proxectos culturais Xacobeo 21-22, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Na presentación de onte, na cal se emitiu o primeiro capítulo da serie, fíxose un percorrido por parte do xerente da consultora lalinense, Javier Blanco Carballal, sobre como xurdiu a idea orixinal e como “se convertiu nun proxecto persoal para cada unha das persoas que traballaron na mesma, xa que todas eles aparte da súa profesión están vencellados ao mundo do folclore”.

Participación de Xirandola

A webserie conta coa participación de membros do grupo Xirandola, de A Bandeira, en varios dos seus capítulos, ao ser esta unha agrupación senlleira moi viculada a última parada do Camiño de Inverno antes de chegar a Compostela. Para a cabeceira da mesma empregouse a peza Muiñeiras, do traballo discográfico Trece cancións bonitas, de Benxamín Otero e Germán Díaz, a quen tanto Javier Blanco como Adela Otero quixeron agradecer dun xeito especial a súa colaboración.

Así mesmo, presentouse a exposición de nove retratos dos diferentes informantes que en cada etapa colaboraron de xeito desinteresado en afondar na cultura de raíz da súa localidade de orixe. Estas obras realizadas pola artista Anabel Montouto, de Oca (A Estrada), permanecerán expostas na solaina do Pazo de Liñares ata o mércores 13 de outubro para desfrute dos seus visitantes.

A Paso de Muiñeira será emitida na canle de Youtube e na páxina de Facebook do mesmo nome entre os días 17 e 24 de outubro, colgándose cada novo capítulo ás 19:00 horas de cada día. Dende o 15 de agosto, cando comezou a rodaxe, pódese seguir nesa mesma páxina de Facebook, un diario de rodaxe, entrevistas, anécdotas, curiosidades, adiantos e toda a información relacionada coa mesma.