Codeseda recupera a súa capela da man do Museo Casa do Patrón. A vella capelanía desta aldea de Doade data de 1710, nunha edificación pequena da que xa non fican máis restos que a pía da auga bendita e as imaxes orixinais da Sagrada Familia. A nova capela, non sacralizada, ten un maior tamaño e dedicarase a exposicións e actos sociais e culturais do museo. De feito, o espazo bota a andar coa mostra Rito, culto e crenza: a importancia da lingua nas crenzas galegas, que terá carácter permanente.

O seu comisario, o antropólogo Rafael Quintía Pereira, interviu na inauguración celebrada onte ás 12:30 horas, xunto a Manuel Blanco Villar, xerente do centro etnográfico; Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora da Fundación Cidade da Cultura; Paz Pérez Asorey, tenente de alcalde de Lalín; o párroco de Doade, José Antonio Salgado Agromartín, que bendeciu contedor e contido; e máis dun cento de veciños. Os Trasnos de Doade puxeron a música tradicional. 

Os Trasnos de Doade puxeron a música tradicional. Bernabé/Javier Lalín

Lembrouse a figura de Jesús do Caseiro, bisavó de Manuel Blanco e a persoa que se encargou do mantemento da vella capela, nun emotivo acto no que estiveron presentes varios dos seus netos. A primeira misa que se oficie na nova construción dedicarase á memoria dos corenta veciños falecidos desde a desaparición da antiga, que tanto a querían, e a segunda será ofrecida por todos os defuntos soterrados nos dous cemiterios da parroquia: San Pedro de Doade e San Martiño.

Netos de Jesús do Caseiro diante da capela. Bernabé/Javier Lalín

Blanco indicou que o novo espazo é “o contedor axeitado para acubillar a exposición que estamos a presentar, unha orixinal colección visitable do patrimonio inmaterial galego máis vencellado ao mundo das crenzas, os ritos, a relixiosidade popular e a etnomedicina”. Engade unha nova dimensión á Casa do Patrón cunha mostra de corte modernista e a versatilidade precisa para converterse nun espazo válido para usos alternativos, desde exposicións temporais, coma os beléns de Nadal, ata cerimonias solemnes, como misas, bautizos, comunións, etc. As dúas ringleiras centrais de vitrinas con móviles, polo que permiten a colocación de reclinatorios, cadeiras ou bancos ou do mobiliario axeitado a calquera evento, deixando diáfano un espazo central similar ou máis grande ca o de calquera das capelas tradicionais. “Entre todos non só facemos grande esta parroquia, senón que estamos abrindo novos camiños aos nosos continuadores e construíndo Galicia”, rematou Blanco.