Carmen García Facorro é unha actriz de Vila de Cruces que decide apostar pola súa carreira artística formándose na Escola de Teatro Pabulo de Santiago. Compatibiliza esta andadura con cursos como Secuencia propia en Buenafuente’ s Actors (Maite Buenafuente) e con Interpretación ante a Cámara da man na Coruña. O venres dará vida a Kiáliac, unha afouta guerreira prehistórica da Idade de Ferro protagonista de “Reino da Extinción”. Facorro explica que “nós dixémoslle a nosa idea á dramaturga Laura Porto, que foi a que me dixo que pensaba que o personaxe pegaba moi ben conmigo”. Facorro recoñece que “hai presión porque é a nosa primeira peza teatral a nivel profesional e tamén é normal”.

A xoven de Larazo lembra que “dende que era pequeniña, gustábame sempre tanto cantar como actuar. Eu vivín nun pobo toda a miña vida e si que creo que as veces é un pouco máis complicado adicarse á interpretación. Non temos as mesmas facilidades. Cando cheguei a Santiago descubrín que iso era o que realmente me enchía, é dicir, o de ser actriz”. Carmen Facorro tamén sinala que cando lle dixo a súa familia que o que quería realmente era ser artista “non é fácil de primeiras que acepten ao cen por cen que queira ser artista, porque non é fácil vivir disto, porque os pais sempre queren o mellor para ti. Agora si que me apoian. Son a primeira actriz da familia, pero espero que non sexa a última”.

“Reino da Extinción”, é unha peza teatral aceda que conta a perspectiva de catro persoas de diferentes momentos da Historia de Galicia que, forzadas a convivir nun Alén moi distinto do que imaxinaban, poñen a proba idea do que significa ser galegos para os propios Galegos e Galegas, vivir en Galicia e falar a lingua. Que define a Galicia?. Será a comida excelente, a dúbida constante ou… Quizais a xente?. E que é ser Galega ou Galego?. Como é posible que un personaxe da prehistoria sexa tan Galego coma un do século das Luces?. Foi Galicia o mesmo en tódolos momentos da súa Historia?. Cando comezou e cando rematará Galicia?. Carmen Facorro subliña que Amorodio naceu despois de que “tres de nós rematamos este ano os estudos e pensamos que habería que arriscarse para montar unha compañía de teatro. Este ano é aínda máis complicado pola pandemia, porque tampouco tivemos subvencións de ningún tipo. Este mes o que fixemos foi un crowdfounding para axudarnos económicamente”.

Cine e televisión

A cruceña Carmen Facorro engade que en Amorodio a maiores organizan talleres teatrais “e de feito estivemos en Dozón este ano dando talleres teatrais a nenos”. Facorro non descarta facer cine e televisión, aínda que recoñece que “non é o que máis me gusta porque o teatro é o que máis me apetece, pero obviamente creo que si te queres dedicar a isto está ben entrar en todas as facetas da profesión”. A actriz de Larazo pensa que tanto ela como o resto da compañía, que xurdiu na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia “nos enfocamos máis a isto que a buscar máis opcións no audiovisual”.

“Eu espero que agora sexa moito máis fácil poder facer teatro, porque penso que axuda dalgunha maneira a desconectar e a reconectar tamén. Ademais, a peza que nós facemos é unha comedia porque dixemos que queremos tamén levar algo de alegría nesta época a todos os territorios de Galicia”, remata. A obra “Reino da Extinción” tambén poderá verse en Sanxenxo, Fisterra e Caldas de Reis.