Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Casderrei ao longo de cinco séculos

As primeiras referencias, de 1521, corresponden a tres foros outorgados pola Encomenda de Beade a outros tantos matrimonios sobre os bens que posuía neste lugar de Ponte

Cruce de camiños no lugar da Cachofa, que debe o seu nome ao tronco seco (cachopa) dunha árbore. | // DIEGO F.A.

A Orde Militar de San Xoán de Xerusalén (ou de Malta) aforou durante séculos e a través da Encomenda de Beade os terreos que posuía nas terras de Deza. Na marxe esquerda do río homónimo atopábase baixo a súa xurisdición o Couto de Rosende, dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar. Mais tamén contaba con bastantes propiedades fóra deste couto, como é o caso das que se situaban nas proximidades do lugar de Casderrei, que arrendaba en conxunto con outras que se atopaban en Trasfontao e Nonelle, todos estes pertencentes a Ponte. En Nonelle hai constancia da existencia de vivendas deshabitadas xa no século XVI, mentres que Trasfontao aínda permanece habitado na actualidade e será motivo de estudo nun futuro artigo. Pero nestas liñas centrarémonos en Casderrei, situado na parte central da parroquia e que é o lugar máis meridional da zona coñecida como San Miguel. Este lugar artellouse dende tempos inmemoriais ao pé de dous camiños: o que subía dende Trasfontao, de nordeste a suroeste, e o que bordeaba o agro ao que dá nome Casderrei, de noroeste a sueste. A confluencia do primeiro no segundo atópase no sitio chamado A Cachofa, que debe o seu nome ao tronco seco (cachopa) dunha árbore e no que se conserva un carballo de grandes dimensións. As vivendas deste lugar non se concentraron exclusivamente no entorno deste cruce, senón que tamén se construíron casas ao oeste (A Fonte de Outeiro) e ao sueste (As Carballeiras). Trala concentración parcelaria realizada nos anos 80 e 90 do século pasado, a disposición espacial deste lugar non cambiou moito.

As primeiras referencias de foros no lugar de Casderrei das que temos constancia (polo momento) datan de 1521 e correspóndense con tres foros outorgados polo comendador frei Ares López Fandiño. Dúas cuartas partes do lugar foron arrendadas a Lope de San Miguel e á súa muller María Fernández e a Juan Carballo e á súa muller Teresa Alonso, respectivamente, por unha renda de “4 celemines de centeno”. O terceiro dos documentos asignaba en réxime de alugueiro a metade dos bens de Casderrei ao matrimonio formado por Vasco Dandón e Marquesa Yáñez. Neste caso, o foro incluía unha listaxe dos bens arrendados: a metade do casal de “Cas de Rey”, coa metade das casas, cortes e resíos, así como once leiras de labradío, das cales aínda se conservan na actualidade algunhas das súas denominacións (A Cal, A Curuxa, O Seixo, O Mularedo, Laxes...). Adxudicábanselles tamén as cuartas partes do lugar de “Nuelle” (Nonelle), de todos os soutos de Casderrei e do souto do Castañal. Os bens destes foros foron revisados en 1541, cando tivo lugar un primeiro apeo ou deslinde das terras arrendadas vinte anos antes, un documento que nos dá unha valiosísima información sobre a toponimia da época. Ademais, neste documento dise que “(…) en el casal de Nonelle tiene un pardiñeiro (vivenda grande ou construción similar en ruínas), que está yermo y siempre lo estuvo”, como comentamos anteriormente. A existencia desta vivenda preservouse na tradición oral da parroquia, pois afírmase que co material dela foron pechados os prados e chousas que se crearon nesta paraxe. Sete anos despois, Lope de San Miguel e Álvaro Caldeiro prestaron declaración nun novo apeo, que ratifica os anteriores documentos, e en 1580 tivo lugar o derradeiro apeo do século XVI. Outros dous apeos dos bens de Casderrei redactáronse no século seguinte: un en 1603 e o outro en 1662, neste último citando soamente os nomes dos dezaseis foreiros.

Non foi ata 1701 cando se renovou o foro sobre o lugar de Casderrei. Así, “en el lugar de Lodeiro, feligresía de Santa María de Sotolongo, a nueve días del mes de julio de mil setecientos y un años”, o administrador da encomenda frei Lorenzo Yagüe de Molina outorgou escritura de foro ante o escribán Antonio de Caxide e Andrade a “Mateo Fernández como cabeza de foro, Pedro Conde, Alonso Amigo, Domingo Caballero y Domingo Caballero de Castro, vecinos de San Miguel de Ponte, para ellos y sus mujeres, hijos y herederos”. Os bens dos que se compoñía este foro eran: dúas casas cun celeiro en Casderrei que tiña arrendadas Mateo Fernández, ao igual que unha eira dun ferrado de superficie arredor destas; doce leiras situadas en distintas paraxes pero nas proximidades dos lugares de Casderrei ou Trasfontao (A Revoltiña, O Castañal, A Fonte da Ermida, A Chousa da Cal, O Mularedo, O Agro do Rodo ou Fonte de Outeiro, O Agro do Rego, O Agro de Trasfontao, Fonte Carroso, O Outeiro de Laxes, O Agro da Forxa e A Chamiceira), ademais dos terreos do casal de Nonelle. Ao final deste documento de foro, atópanse as condicións que tiñan que cumprir os foreiros, entre as que se atopaban a de non vender ningunha destas propiedades, a duración do contrato foral, correspondente coa vida de tres reis, sendo monarca naquel momento Filipe V de Borbón; ou a de perda do dereito de foro en caso de non pagar a renda.

Con todo, ningunha documentación ata ese momento nos serve para estimar o número de habitantes ou veciños que tiña este lugar. Será grazas ao Catastro de Ensenada (1752) que podemos confirmar a existencia de 12 vivendas en Casderrei a mediados do século XVIII. Os seus propietarios eran Domingo Conde (dúas casas), Dorotea López, Ignacio López, Jacinta López, Pedro Rodríguez (dúas casas), Romualdo Capinel (dúas casas) e Sebastián de Fondo de Vila (dúas casas), e probablemente ás aforas deste lugar tiña unha casa don Pedro José Montenegro de Catasós, no “lugar do Outeiro”, que parece corresponderse coa actual Fonte de Outeiro. Pola súa posición no centro da parroquia, Casderrei foi punto de reunións dos veciños de San Miguel como a que tivo lugar en maio de 1819 para outorgar un poder Ángel Fernández Palmou e Luis Fondevila, veciños deste mesmo lugar, para que realizasen os trámites necesarios nun preito cos veciños de Rosende de Riba e de Meixomence por causa do repartimento das contribucións. Ademais, Casderrei foi a sede da escola parroquial xa no século XX. Se ben non tivo un edificio propio, as aulas foron impartidas sucesivamente en senllas vivendas particulares do lugar. Nun primeiro momento na Casa de Casimiro, pasando posteriormente á primeira planta dunha das dúas vivendas da Casa de Fernández, onde permaneceu ata a inauguración do actual CEIP Plurilingüe de Silleda en 1971.

E rematamos este artigo falando sobre o nome do lugar. Esta denominación está composta por cas–, “casa” ( Cas de Rei > Casderrei > Carderrei. Aínda que nestas liñas empregamos a forma Casderrei, a última variante é a que se recolle no actual Nomenclátor de Galicia e débese ao rotacismo que se produce do “s” orixinal nun “r”, característico desta franxa lingüística. Así e todo, desde certas administracións trátase de deturpar o topónimo nos sinais de circulación coa forma errónea Casalderrei. Chamémoslle Carderrei ou Casderrei, este lugar garda unha interesante historia, vencellada principalmente á Orde de San Xoán, cuxos bens deron froitos e vida grazas aos esforzos, traballos e dedicación de moitas xeracións de persoas. A débeda que os habitantes deste lugar e do resto da parroquia temos con eles é incalculable e a súa herdanza conta cun inmenso valor, grazas á cal hoxe podemos estar lendo estes parágrafos.

Compartir el artículo

stats