Os arrieiros foron a inspiración para poñer á Estrada no mapa dos festivais musicais. Foron unha figura clave no século pasado para o comercio do viño e sal entre vilas galegas. Cruzaban a Galicia interior ata chegar a Compostela, detendo o seu andar para comercializar e intercambiar aqueles produtos que levaban consigo. Unha destas paradas era A Estrada, unha florecente vila na que se cruzaban os camiños e na que os arrieiros se mesturaban cos peregrinos que escolleran a Geira Romana para levar os seus pasos de Braga ata Santiago, converxendo antes de abrazar ao Apóstol coa ruta dos arrieiros que levaban o viño do Ribeiro á cidade compostelá. Este arrieiros non só foron vehículo para o comercio. Tamén o foron para a cultura, recollendo nos seus cantares experiencias e trazos propios dos lugares polos que pasaban. A súa música volta á Estrada, renovada e coa experiencia do camiño andado; con moito acento. 100% galego.

O Son dos Arrieiros. É o nome dos festival que se celebrará na Estrada os días 29 e 30 de outubro. Será na Fundación de Exposicións e Congresos, que mellorará a súa acústica para a ocasión e ofrecerá unha coidada posta en escena. O público estará sentado, cun aforo aproximado de 550 persoas e con servizo de bebida. É tamén o primeiro festival de mediano formato do ano, cunha participación artística e técnica 100% galega, nun momento no que a industria cultural o precisa máis que nunca.

Camiño

Da man destes arrieiros, búscase fomentar o paso pola Estrada do Camiño da Geira, ademais de darlle un impulso á hostelería e á restauración local. Esta primeira edición está coorganizada por Dotbeat! e o Concello da Estrada, nacendo no marco dos espectáculos culturais que se inclúen na programación do Xacobeo. O evento foi presentado onte no Teatro Principal polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o alcalde, José López Campos, e a xerente de Dotbeat!, Patricia Hermida.

O rexedor estradense lembrou que A Estrada tentou, na medida das súas posibilidades, apostar pola cultura no “inverno de 18 meses” co que o COVID-19 conxelou múltiples actividades. Sinalou a aposta por celebrar xa as festas patronais de San Paio con eventos culturais en 2020, recuperando a actividade no Teatro Principal e incorporando cada vez máis propostas.

Jacobo Sutil destacou o feito de que se trate dun festival integramente galego, tanto a nivel artístico como técnico, así como a calidade da súa oferta con nomes como Novedades Carminha, Bala, Heredeiros da Crus, Agoraphobia, Terbutalina e Señora DJ. Trátase, ademais, dunha das 17 iniciativas subvencionadas pola Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

O Son dos Arrieiros da tamén un paso adiante a prol da deslocalización temporal dos festivais. Os artistas actuarán nun espazo amplo que permitirá a adaptación aos protocolos sanitarios vixentes. A Fundación de Exposicións converterase nun gran salón de concertos, con servizo de barra e restauración para os asistentes.

Bonos de lanzamento

Os artistas distribuiranse nestes dous días consecutivos de música, aínda que a organización non quixo adiantar onte cómo será o cartel de cada xornada. O que si anunciou é que será dende esta mañá cando se poderá optar á compra dun dos 100 abonos de lazamento, a un prezo de 30 euros máis gastos de xestión para poder asistir á totalidade dos concertos. Con este ticket premiarase a confianza cega dos espectadores. Xa dende o venres 1 de outro darase a coñecer a distribución por días dos grupos e abrirase a venda para candasúa xornada, se ben xa a un prezo de 22 euros máis gastos. A venda activarase hoxe ás 12.00 horas en ataquilla.com.

Ademais, o festival contará cunha programación complementaria, gratuita e para todos os públicos, que será desvelada durante os vindeiros días e que completará unha experiencia integral para a última fin de semana de outubro.

A conexión dos artistas que estarán presentes no festival coa figura dos arrieiros é clara. Aqueles que subirán ao escenario son tamén arrieiros e arrieiras encargados de espallar a cultura galega nos máis altos niveis.

Os horarios do festival tampouco trascenderon aínda. A xeito de anticipo, Patricia Hermida sinalou que para a sesión do venres 29 terase en conta que é unha xornada laboral e que haberá xente que se desprace ata A Estrada. Calcúlase que a o pano de O Son dos Arrieiros suba cara as 21.00 horas, mentres que na xornada do sábado se agarda que comece antes.

Agadic, Concello e a empresa promotora convidaron aos estradenses en particular e aos galegos en xeral a secundar esta cita coa cultura galega; unha aposta por incluir á Estrada no circuito dos festivais musicais galegos e tamén un xeito de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. De feito, o evento asina un compromiso coa repercusión económica da contorna, contando na meirande parte da súa realización con tecido empresarial estradense.

Novedades Carminha.

Novedades Carminha

Tras arrasar nos premios MIN do 2020, onde se alzaron, entre outros, co premio ao mellor directo, Novedades Carminha vén de consolidarse como a proposta galega máis competitiva a nivel estatal, sendo cabezas de cartel en moitos dos festivais máis prestixiosos da península. As súas cancións, nadas na escena underground, chegan a un público que cada vez é máis masivo.

Bala

Bala

Bala é unha banda de stoner/rock composta por Anxela Baltar (guitarra e voz) e Violeta Mosquera (batería e voz). Veñen de sacar o seu terceiro largo, Maleza avaladas polo máis prestixioso selo de rock do mundo, Century Records, co que están acaparando as mellores críticas dos medios especializados que as sinalan como unha das bandas máis destacables deste 2021.

Herdeiros da Crus.

Herdeiros da Crus

A piques de cumprir os 30 anos enriba dos escenarios, a banda vén de interromper unha xira para conquistar escenarios de todo o mundo. Xenebra, Londres, París, Madrid e Barcelona foron os últimos concertos prepandémicos, cheos absolutos, que retomarán en canto a situación o permita. O da Estrada será o único concerto en formato eléctrico que ofrecerán este ano en Galicia.

Agoraphobia

Agoraphobia

Con varias xiras internacionais no seu haber e seguindo un imparable avance, Agoraphobia entrega un directo que golpea sen atenuantes e continúan presentando Unaligned, un rotundo disco de rock contemporáneo no que abranguen distintas tendencias para configurar o seu propio estilo, mentres preparan o que será o seu terceiro largo, que verá a luz no 2022.

Terbutalina

Terbutalina

Esta banda de Esteiro (Muros) vén de pasear o seu rock’n’roll por festivais como o Son Do Camiño, Fuzzville, Rock Platja D’aro ou Actual de Logroño, entre outros. Os máximos expoñentes do garage en galego, teñen un longo percorrido por todo o estado, facendo valer unha proposta compacta e polivalente integramente desenvolvida en galego.

Señora DJ

Señora DJ

Señora DJ nace no ano 2016 co #Festivala. A súa é unha música feita, cantada e tocada por mulleres. Na súa música soa un estilo ecléctico, aínda que cunha evidente inclinación polo indie-rock. O seu estilo e proxecto deixouse escoitar neste verán por diferentes recunchos galegos. Ela encargarse de abrir o festival e actuará tamén entre as bandas.