Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

¿Pedaleas ou camiñas?

Unha saída da ruta de BTT, na Bandeira.

A pé ou a pedais, o caso é andar e gozar dos encantos que ofrecen o patrimonio natural e artístico ao tempo que se practica deporte. Cada vez son máis as rutas sinalizadas e recorrelas é sinónimo sempre de aventura, como a que tiveron ocasión de vivir onte os participantes en dúas delas: Unha de BTT por terras de Silleda e outra de sendeirismo polos Sobreirais do Arnego.

Algúns participantes na ruta de BTT, a punto de tomar a saída. Xan Salgueiro

O deputado Gorka Gómez, xunto á concelleira de Deportes, Mónica González Conde, e un representante de Xesta Natureza.

Na primeira había 160 inscritos, polo que a saída foise dando de xeito gradual desde as nove da mañá, coa presenza do deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez. Logo de recolleren os seus dorsais, os ciclistas partían desde o campo de fútbol da Bandeira, ao que regresaban horas despois, logo de percorrer arredor de trinta quilómetros, cunha dificultade alta, derivada dos máis de 800 metros de desnivel acumulados. A ruta iniciábase cunha subida por carballeiras e camiños estreitos ata o punto máis alto do itinerario, para logo descender ata a igrexa de O Castro e poñer rumbo cara o mosteiro de Carboeiro. A continuación, cruzaron sobre o río Deza e entraron no veciño territorio de Vila de Cruces e volveron ao punto de partida despois de pasar polo principal reclamo natural de Trasdeza, a Fervenza do Toxa.

Participantes na ruta polos Sobreirais do Arnego. Galicia Senderismo

Por outra banda, arredor de trinta persoas participaron no Roteiro do Sobreiral do Arnego organizado por Roteiros de Lalín e Galicia Senderismo. Os participantes procedían de diversos lugares de Galicia. O percorrido circular de trece quilómetros permitiu admirar as sobreiras, despois da saca da cortiza, con fermosos tonos vermellos. A extracción da cortiza, un labor con moita tradición no val do Arnego, realízase durante o verán, desde xuño ata mediados de setembro. O procedemento consiste en realizar un corte polo medio do tronco empregando unha machada de corticeiro. A outra ferramenta imprescindible é un pau de madeira resistente, de freixo, polo xeral, para espir a sobreira con tino para non realizar cortes no tronco, que afectarían aos vasos polos que circula o zume. Foi, sen dúbida, un dos momentos máis gozados por boa parte dos camiñantes, sobre todo aqueles que non tiveran ocasión de contemplar os troncos nús destas maxestousas árbores. Tamén houbo visita guiada á vella igrexa de Santa Baia, restaurada en anos recentes, e ao castro de Palio. En definitiva, “unha fermosa experiencia que deixou unha moi boa sensación por un lugar especial por natureza e patrimonio”, resume desde Roteiros de Lalín.

Os camiñantes contemplan troncos descortizado. Galicia Senderismo

Compartir el artículo

stats