El nunca camiña só, aínda que non leve a ninguén ao seu carón. Xosé Luna é desas persoas capaces de ver o camiño; de percibilo con esa súa sensibilidade que fai da experiencia de camiñar unha oportunidade para gozar da viaxe. O último poemario deste estradense presentouse onte en Compostela, cun pano de fondo ben escollido para a ocasión. Foi no Hotel Monumento San Francisco, a poucos pasos da catedral á que se encamiñan cada día milleiros de peregrinos coma o autor, que camiñando fai camiño, percorrendo a Estrada da vida “sen empurrar nin pasar por riba de ninguén”. “Facéndonos universais na lingua de noso. Separando o xusto do inxusto. Sabendo que toda a gloria do mundo colle nun grao de millo. Sabendo que ás veces estase mellor perdendo que gañando. E que a ética, a dignidade, a honradez, a solidariedade… deben presidir as nosa vidas”, dixo onte Luna Sanmartín.

Camiñando, Camiñado é un poemario en gran formato, un deses libros que un quere tocar e cheirar, que invitan a ollar con atención para presenciar a comuñón entre os versos e as ilustracións. Publicado por Bolanda, os poemas de Luna van da man da arte a todo cor de Olaya Naveira, que amosa a súa perfecta sintonía cos versos deste estradense con ilustracións ateigadas de alegría. Dende estas páxinas o autor invita a contemplar “os verdes prados e os reiseñores, a lúa e as marés, os días azuis e o sol da infancia”, como recolle na contraportada o crítico literario Armando Requeixo, tamén presente onte na presentación da obra.

Na Estrada da súa vida

O libro é tamén todo un aloumiño á Estrada, protagonista de varios poemas. “Arestora, igual debería falarvos deses versos de Nicolás Guillén que dan título a este poemario. Ou da poética lorquiana que dende a miña infancia foi o meu guieiro (naquel libro de Senda da editorial Santillana que moitos de vós lembraredes).Ou tal vez debía reparar nos derradeiros versos de Antonio Machado atopados nun papel, na súa chaqueta (no gabán), o día do seu pasamento, estes días azules y este sol de la infancia. Ou igual teríamos que ficar mudos e escoitar o tanxer das campás estradenses de Liripio, herdeiras desas outras campás de Bastabales coas que Rosalía conseguíu que todas e todos os galegos morrésemos de soidade… Ou tal vez debería reparar neses Camiños de Amor, ou nos bulevares parisinos ou no meu barrio de Bedelle, ou nos Haikus en flor... Mais arestora só posúo palabras de agradecemento”, dixo Luna Sanmartín.

O autor non quixo esquecer a ninguén. Dende a súa irmá, a quen adica esta obra, ata a súa Raíña e o seu fillo Nico, agradecendo o traballo de Bolanda na procura das emocións, a conexión e o “sublime” traballo de Olaya Naveira, as palabras de Armando Requeixo ou o apoio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “unha persoa moi importante no meu camiñar pola estrada das letras e moi importante no meu camiñar pola estrada da vida”, dixo. Aplaudiu a fermosura da performance poética das súas amigas poetas Rosalía Morlán e Charo Golmar, xunto co vídeo de Xosé Neira Vilas do creador Juan Pedro Pérez. Camiño pola estrada da vida/ entre palabras e emocións/ Remato feliz o camiño/e amodiño abro o corazón. Así, poñendo a alma en cada paso, Xosé Luna invita cunha nova obra a seguir camiñando ao seu carón.