Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando dona Emilia Pardo Bazán visitaba Merza

Villar Calvo dixo que visitaba ao seu tío-avó Ramón Somoza e que a súa voda con José Quiroga estreitou os seus vínculos cos Deza

Retrato de Emilia Pardo Bazán.

Un ilustre fillo de Merza, Xoaquín Villar Calvo (1935-2015), publicou en 1999 o seu fundamental e documentado estudo Por terras do Baixo Deza. A parroquia de Sta. María de Merza e os seus contornos, en que non faltan referencias á relación de dona Emilia Pardo Bazán, a quen lembramos no centenario de seu pasamento en 1921, con esa freguesía cruceña: “Dª Emilia Pardo Bazán veu visitar varias veces a seu tío-avó D. Ramón Somoza. Cóntase que gostaba de guindar foguetes na festa do San Campio.” O libro inclúe tamén a sección “Os Somoza e o bisavó de Dª Emilia Pardo Bazán”, con interesante información xenealóxica. De don Ramón Andrés Somoza Piñeiro dinos Xoaquín Villar que “foi testemuña na voda de Emilia Pardo Bazán e D. Xosé Quiroga en 1868”. Este matrimonio con José Quiroga Pérez de Deza, celebrado en Meirás, reforzaría os vínculos de dona Emilia coa comarca de Deza, pois a familia do marido posuía aquí importantes propiedades.

A casa Villar Somoza de Merza, á que Emilia Pardo Bazán viña a visitar a seu tío-avó. | // BERNABÉ / J. LALÍN

Por outro lado, cóntanos igualmente Armando Vázquez no seu libro Vila de Cruces. La Tierra de Carbia (2000) que a condesa de Pardo Bazán “en varias ocasiones visitó a sus parientes de Merza, de donde se llevó más de una receta de la gastronomía local”. Realmente, das súas estadías en Merza debeu levar non só receitas de cociña, senón tamén, segundo o seu costume, moita outra información sobre a convulsa vida social e política de comarca naqueles primeiros tempos da Restauración borbónica e, directa ou indirectamente, coñecería os seus protagonistas e figurantes, como o conflitivo alcalde “conservador” de Lalín Antonio Taboada Iglesias e o irmán deste, José Taboada, veciño de Orza (Sabrexo), que o foi de Carbia.

Presentación do libro de X. Villar en Merza (1999). Á esquerda, Socorro Taboada, neta do alcalde de Carbia, J. Taboada. | // CEDIDA POR J. A. PORTO TABOADA

Estas vivencias e informacións obtidas por dona Emilia durante as súas visitas a Merza achan o seu reflexo, mais ou menos alterado, na súa obra literaria, incluíndo a súa máis celebrada novela, Los Pazos de Ulloa (1886). En primeiro lugar, é fácil relacionar o topónimo dese título co río Ulla que limita o país polo norte e mesmo cos señores da Ulloa que no século XV baixaron “con las aguas del río desde su castillo de Pambre y terminaron alzándose con el señorío de la comarca” (Armando Vázquez). Tamén é posible identificar o “camino real de Santiago a Orense” mencionado no primeiro parágrafo da novela co “camino real que de Santiago bajaba a Gres por el puente de Ledesma” (A. Vázquez) para continuar até Ourense. Igualmente, no primeiro capítulo de Los Pazos de Ulloa deparamos xa co topónimo Cebre, recorrente na obra literaria da Pardo Bazán, que podemos considerar anagrama imperfecto de Carbia, onde tiña a súa sede o concello até o seu traspaso á Vila de Cruces en 1944.

Imaxe da Virxe de O Corpiño, mentada na obra. | // BERNABÉ Bernabé

Estas hipóteses poderían parecer demasiado arriscadas e mesmo pouco escrupulosas, pero despois de establecidas as anteriores conexións entre Ulla e Ulloa, o camiño real de Santiago a Ourense que pasaba pola comarca e o aludido na novela, así como entre Carbia e Cebre, debemos aínda referirnos a un particular personaxe de Los Pazos de Ulloa.

Nalgúns relatos adivíñanse visitas de dona Emilia ao Mosteiro de Carboeiro. | // BERNABÉ / ANA AGRA

No capítulo VI da novela, verdadeiro cadro de costumes, descríbese a festa do patrón de Naya, a que asiste Julián, o novo capelán dos pazos. Era a hora do xantar e á mesa “le rodeaban unos quince curas y sobre ocho seglares, entre ellos el médico, notario y juez de Cebre, el señorito de Limioso, el sobrino del cura de Boán, y el famosísimo cacique conocido por el apodo de Barbacana, que apoyándose en el partido moderado a la sazón en el poder, imperaba en el distrito y llevaba casi anulada la influencia de su rival el cacique Trampeta, protegido por los unionistas y mal visto por el clero. En suma, allí se juntaba lo más granado de la comarca”.

Máis adiante, no capítulos XXIV, XXV e XXVI, a autora desenvolve o tema do caciquismo e as loitas políticas e electorais na comarca, co enfrontamento entre os caciques Barbacana e Trampeta, xa referidosf

En 1887, dona Emilia publica así mesmo a novela La madre naturaleza, continuación de Los Pazos de Ulloa, aludindo novamente a “Barbacana, el cacique más temible que hubo en el país”. E engade: “Hoy en día, a Barbacana ya lo llevan acorralado y se cree que trata de levantar la casa e irse a morir en paz a Orense... Porque va viejo y no le dejan respirar sus enemigos” (capítulo X).

Pois ben, tivemos ocasión xa de mencionar os irmáns Antonio e José Taboada Iglesias, alcaldes que foron, respectivamente, de Lalín e de Carbia. No seu traballo “Lume, pistolas e dinamita. Violencia social e política no Deza”, dinos Manuel Igrexas: “vemos aparecer os primeiros atentados políticos na nosa comarca nunha serie de sucesos acontecidos arredor de 1880: na noite de 1 de xuño de 1880 lanzan unha bomba de dinamita contra a casa do alcalde de Lalín, Antonio Taboada Iglesias, que destrúe a maior parte do edificio, aínda que o alcalde e a súa familia resultaron ilesos.”

Ese suceso é relatado tamén por Antonio Vidal baixo o título “El atentado contra el alcalde de Lalín D. Antonio Taboada Iglesias”, proporcionando esta relevante información: “alcalde de Lalín, desde 1875 a 1882, representante del Partido Conservador, conocido por el apodo de Barbarroja, por actuar en el Ayuntamiento como un pirata e imponer su dominación tiránica y despótica.”

Agora xa podemos establecer nova correspondencia entre Antonio Taboada Iglesias, alcalde de Lalín coñecido polo alcume de Barbarroxa, e “Barbacana, el cacique más temible que hubo en el país”, personaxe de Los Pazos de Ulloa.

Natural de Santa María de Bermés (Lalín), Antonio Taboada Iglesias pertencía a unha estirpe da vella fidalguía galega. O seu avó Manuel Taboada de Brandariz, veciño de Santa María de Oirós, dono da casa e torre de Brandariz (San Pedro da Baíña, Agolada) e descendente daqueles señores da Ulloa que chegaran do seu castelo de Pambre, probara a súa nobreza diante da Real Chancelaría de Valladolid, obtendo en 1778 real provisión de fidalguía (véxase Las probanzas de hidalguía antes y después de 1836, de Manuel Taboada Roca, conde de Borraxeiros, casualmente tataraneto de Manuel Taboada de Brandariz e cuxa familia era a posuidora do citado castelo de Pambre que inspirara ao cóengo compostelán Antonio López Ferreiro a súa novela de 1895). Antonio Taboada Iglesias deixa en 1882, un par de anos despois do atentado contra a súa casa, a alcaldía de Lalín e en 1884 é electo deputado provincial, trasladando a súa residencia a Pontevedra, onde falece, con 72 anos, en outubro de 1888.

Pero volvamos a Emilia Pardo Bazán, quen en 1891, tres anos despois da morte de Antonio Taboada Iglesias, Barbarroxa, publica o seu conto “Viernes Santo” no primeiro número da revista Nuevo Teatro Crítico (seguimos a edición de Juan Paredes Núñez dos Cuentos Completos): “Fue el cura de Naya, hombre comunicativo, afable y de entrañas excelentes, quien me refirió el atroz sucedido.” Aparecen aquí novamente personaxes e lugares que xa coñecemos: “Bien se acordará usted de aquel Trampeta y aquel Barbacana que traían a Cebre convertido en un infierno.” Agora, en comparación co que dicía en La madre naturaleza, a autora permítese unha aproximación maior á historia real: “Barbacana, que está que no puede con los calzones, como se la tenían jurada unos cuantos y salvó milagrosamente de dos o tres asechanzas, al fin ha determinado irse a pasar la vejez a Pontevedra, porque desea morir en su cama, según conviene a los hombres honrados y cristianos viejos como él. ¡Ja, ja...!”

Con todo, “retirados o poco menos estos dos pejes, quedó el país en manos de otro, que usted también habrá oído de él: Lobeiro.” Como veremos, Antonio Taboada aparece neste conto desdobrado nos personaxes literarios de Barbacana e do propio Lobeiro que acabamos de coñecer

Ademais, no conto poden aínda rastrexarse outros vestixios das estadías de dona Emilia en Merza, algúns suxeitos a interpretacións e outros transparentes, como certa invocación do cura de Naya: “¡Madre mía, Virgen del Corpiño, el espanto que cayó sobre nosotros!” Como se sabe, “a uns seis km de Merza, nun outeiro, está o santuario do Corpiño, famoso pola concorrencia dos que cren no meigallo e polos exorcismos que fai o cura” (Xoaquín Villar). O santuario sitúase na parroquia lalinense de Santa Baia de Losón, que confina coa cruceña de San Pedro de Losón, e é fácil presumir que sería visitado máis de unha vez pola escritora cando se hospedaba cos seus parentes de Merza. É tamén motivo recorrente na súa obra literaria, como se ve no conto “El peregrino” (1891), en que se citan, nas proximidades de Santiago de Compostela, os santuarios da Escravitude, Santa Minia de Brión e o Corpiño, ou en “La capitana” (1902), sobre a mítica Pepa a Loba, “capitana de numerosa y bien organizada gavilla”, cuxa táctica se baseaba nun “cálculo habilísimo”: “Montada en su cuartago, iba a la feria, provista de banasta para las adquisiciones, como una honrada casera del conde de Borrajeiros o del marqués de Ulloa. En la feria aguardábanla ya los de su gavilla, bajo igual disfraz de labriegos pacíficos.” Pero o que máis nos interesa agora é que neste conto deparamos novamente con Cebre e coa coñecida invocación: “Madre del Corpiño!”

E é de notar aquí que noutros relatos se adiviñan igualmente visitas de dona Emilia ao veciño mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), situado na ribeira do Deza, cuxa propiedade tras a desamortización “pasaría ás familias Somoza e Fares” (X. Villar).

Pero diciamos que Antonio Taboada Iglesias aparece en “Viernes Santo” desdobrado nos personaxes de Barbacana e Lobeiro porque no fin da narración somos sorprendidos nada menos que polo motivo da casa do cacique dinamitada, que dona Emilia novamente tería documentado na vida real a propósito do atentado contra a vivenda do alcalde de Lalín en 1880. “Mientras Lobeiro, su hija y sus satélites estaban de parranda, con mucho tiento, al pie del balcón mayor, “habían” depositado veintiséis cartuchos de dinamita –lo bastante para volar una fortaleza– y su mecha correspondiente.” A destrución sería formidable: “A la noche, recogida ya la familia, silencioso todo, “alguien” cogió el cabo de mecha, le prendió fuego y desvió con mucha calma. De los veintiséis cartuchos sólo diez o doce se inflamaron. Pero fue más de lo preciso.”

Segundo cita Antonio Vidal, o xornal La Correspondencia de España informaba a propósito do atentado contra a casa de Antonio Taboada que a explosión se producira “a eso de las dos de la madrugada” e se sentira “como si fuera un temblor de tierra”, pero a diferenza do acontecido en 1880, no conto “no se salvó alma viviente. Entre los escombros de la casa yacían el cadáver de la mujer de Lobeiro, el tronco mutilado del criado y el cuerpo de Micaeliña, muerta como una paloma que le dan un tiro, con su sangre en las sienes, tendida al lado de su padre”.

Agora, cunha visión máis xeral do cadro, pode apreciarse como encaixan os diferentes elementos do conxunto e, consecuentemente, as hipóteses apuntadas non parecen tan arriscadas. Emilia Pardo Bazán, efectivamente, tomaba boa nota, durante as súas visitas a Merza, da realidade xeográfica, histórica e mesmo xenealóxica que a rodeaba e da axitada vida social e política do país, o que finalmente se reflicte na súa obra literaria, a comezar pola súa novela Los Pazos de Ulloa e a seguir por un número importante doutros relatos, nomeadamente o significativo conto “Viernes Santo”. Por iso, no centenario do seu pasamento lembramos aquí cando dona Emilia Pardo Bazán visitaba Merza, terra dos seus parentes que ela debeu ter en moi grande estima e mesmo sentir como propia.

Compartir el artículo

stats