Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

A estación rupestre de Chao de Petus catro anos despois do grande incendio

Un dos elementos patrimoniais. A.P.

No verán de 2017 produciuse un gran incendio na zona do Castro Montaz-A Cornoa (extremo Norte da Serra do Candán), que ocasionou grandes danos materiais e un gravísimo desastre medio ambiental, do que non se libraron os restos de caracter arqueolóxico existentes: varias mámoas, moitas estacións de Arte Rupestre e algún castro. Un deses xacementos medianamente afectado foi a estación de Arte Rupestre de “Chao de Petus”, un nome realmente evocador, que aparece mencionado no século VIII, cando o bispo lucense Odoario realiza unha vasta campaña de colonización nas Terras de Deza.

Os petróglifos que hai en Chao de Petus ou Petos non foron coñecidos ata a década dos anos 80 como resultado de dúas circunstancias:

Foron descubertos logo de coñecerse outros de maior visibilidade na contorna, como os de Pena Longa, unha vez que os veciños da zona foron conscientes da importancia repercusiva que podían ter.

Estiveron tapados por capas de musgo, que cubrían o penedo no que se localizan, un musgo que desapareceu logo dos primeiros incendios que empezaron a asolar estes montes na década dos 70-80, unha vez que se abandonou a súa explotación (do monte) como integrante do ciclo agrícola tradicional. A desaparición do musgo, eliminado polos incendios, puxo ao descuberto algúns grabados desta estación, que pronto foron recoñecidos polo vecindario e logo polos investigadores (Xulio Carballo, Daniel González, Israel Picón, etc).

Pois ben, se os incendios foron a causa do seu descubrimento, tamén poden ser a causa da súa ruina, da súa destrucción. Os grandes incendios da década dos 80-90, estranamente planificados para abrir canteiras de granito no monte (época do “boom” das canteiras de granito na Comarca de Deza), puxeron ao descuberto totalmente este xacemento, pero os incendios posteriores, caso dos de 2010 e 2017, significan un grave perigo para a súa supervivencia.

Outro dos bens. A.P.

Nas fotografías que figuran a continuación pódese visualizar a Estación en mollado, afectada pola chuvia de hai dous días (8-9-2021), desde distintos enfoques, e algún penedo dos arredores, afectado polo “proceso de descamación” causado polo incendio de 2017. Ese proceso de descamación, debido á elevada temperatura dos incendios sobre os penedos, é un perigo moi real.

O Concello de Silleda que se preocupou por participar no descubrimento e difusión destas estacións de Arte Rupestre, debería dar un paso máis e proceder a súa limpeza e mantemento anual, para prevenir os posibles efectos dos incendios que poidan darse no futuro.

Compartir el artículo

stats