Recentemente, o xurado do VI Concurso ‘Balbino’ de Relatos deu a coñecer no Pazo de San Roque o gañador desta edición. O premio recaeu en Xosé Alfredo Naz Fernández coa súa obra O afiador, da que o tribunal salientou o suxestivo ganduxado de diveras historias que teñen como común denominador a figura emblemática do afiador.
–Como recibiu a nova de ser o premiado do VI Concurso ‘Balbino’ de Relatos?
–Con moitísima alegría. É un certame que me gusta moito pola súa temática, a cuestión do rural e demais e xa o intentara nalgunha ocasión. Os meus relatos flúen nese ámbito rural dada a miña experiencia vital. A pesar de que son urbanita, nacín na xeración dos 70 e aínda puiden vivir a aldea cos seus relatos e as súas historias. Todo iso quedoume gravado na memoria e nalgún momento xurdiu de maneira produtiva en forma de relatos. É un premio que recibo moi agradecido.
–O afiador é a obra coa que se ergueu como gañador. Sobre que versa?
–É unha mestura de realidade e ficción. Como mencionaba antes, son pequenos detalles que me quedaron aí latentes da infancia, de historias, relatos, vivencias... Por exemplo, da matanza do parco, historias sobre seres irreais, etc. Todo iso quedoume na cabeza de neno e o que fixen foi, partindo deses fíos, xustificalo con ciencia ou meterlle ficción. Facer un conglomerado cos relatos que me contaban meus pais ou meus avós no seu momento e a imaxinación que me veu coa madurez que teño agora. Combínase todo nunha serie de historias, que ao final, teñen unha conexión entre elas. Esa unión é o afiador, que simboliza unha xustiza vista un pouco “daquela maneira”.
–Pódese dicir entón que os relatos parten da súa experiencia persoal?
–Si, pero baseadas tamén nas tradicións orais. Eu cando ía a aldea non tiña televisión, entón o que había era a xuntanza dos maiores, que contaban relatos, contos e cousas que escapaban a realidade. Xunto con eses pequenos restos que quedaron, fun ampliando.
–As súas outras obras seguen esta mesma liña temática ou non teñen que ver?
–Son diferentes. Son tamén relatos pero de distinta tipoloxía e temática, dende eróticos ata ficticios e demais. O sorriso de Hitler, por exemplo, é máis ben histórico e non ten nada que ver. Por iso, este certame en especial, que conta cunha temática bastante pechada, resulta interesante.
–Quizais chame a atención que a súa principal ocupación sexa a docencia no ámbito das matemáticas...
–A miña profesión é a de mestre de matemáticas, eu non me considero escritor. Son profano totalmente, pero teño moita imaxinación e atopei o xeito de plasmala, a base de relatos, escribindo á miña maneira e completamente autodidacta. Gústame moito a lectura, tamén os cómics, que foron os que me engancharon a ela. Chegou un punto no que desbordou o vaso e dixen: ao mellor podo facer algo eu. Afortunadamente, parece ser que gusta nouros sectores, pero non teño pensado vivir disto. É un pouco para manter a estabilidade mental, aínda que soe un pouco raro. Funciona tamén como unha forma para liberar a presión.