Cada vez son máis os proxectos que buscan mergullarse no Camiño de Inverno e descubrir o patrimonio cultural que se agocha ao longo desta ruta. Un deles é a webserie A paso de Muiñeira polo Camiño de Inverno, que, coa chegada á Porta Santa na Praza da Quintana en Santiago de Compostela, poñía fin á súa rodaxe. A iniciativa botaba a andar o pasado 15 de agosto na localidade de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras.

Baixo a dirección da lalinense Adela Otero e a producción de Edicón Consultores, o proxecto pretende ser unha voz máis de difusión da beleza do Camiño de Inverno e do interese das súas xentes, que sen dúbida é unha das grandes riquezas de calquera dos itineriarios que conducen a Santiago. Ademais, tamén busca valorizar a nosa cultura tradicional a través do folclore galego.

Dividida en oito capítulos duns dez minutos de duración, a serie aséntase no obxectivo de achegarnos á situación da saúde da cultura e o folclore tradicional nas diferentes etapas do Camiño de Inverno. Como nexo de unión, emprégase a busca de puntos de baile e música tradicionais por parte de dous peregrinos, Julián e Anabel Montouto, que veñen facendo a ruta e son ensinados por diferentes persoeiros relacionados co mundo do folclore en distintas localidades. Deste xeito, pasarán por Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), Montefurado (Quiroga), Monforte de Lemos, Algo do Faro (Chantada), Rodeiro, Lalín, Bandeira e Santiago de Compostela.

Ademais, Anabel Montouto, graduada en Belas Artes, fixo debuxos das persoas e situacións vividas que serán expostas durante a presentación oficial da peza. A serie da consultora lalinense forma parte dos proxectos audiovisuais realizados ao abeiro dos Fondos de proxectos culturais Xacabeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O resultado final presentarase publicamente o próximo 2 de outubro ás 11:30 horas no Pazo de Liñares, en Prado (Lalín). Acompañando este acto, tamén se mostrará unha exposición cos debuxos realizados durante os días de rodaxe. Posteriormente, a serie será emitida a través dunha canle de Youtube e na páxina de Facebook “A Paso de Muiñeira...” entre os días 17 e 24 de outubro.

Cabe sinalar que, precisamente dende o pasado 15 de agosto que se iniciou a gravación da webserie, púidose seguir o proceso mediante esa mesma páxina de Facebook. Funciona como unha especie de diario de rodaxe, que aínda se poderá consultar durante as vindeiras xornadas ata o día da estrea. Amais, incorporará entrevistas, anécdotas, curiosidades, adiantos e todo tipo de información relacionada co proxecto.