A Algarabía retoma a súa actividade e prepárase para poñer en marcha un encontro repleto de acticidades culturais. Despois de verse na obriga de cancelar a edición do 2021, o próximo sábado 4 de setembro celebrarase a chamada “Algarabía pandémica” cumprindo con todas as medidas de seguridade. Aínda así, o evento verase máis reducido que en ocasións anteriores. “Quédanos unha Algarabía un pouquiño rara con respecto ao que adoitaba e debería ser”, sinala Luis Blanco ‘Jimi’ dende a Asociación Cultural O Naranxo, organizadora do acto.

Como é a habitual, a xornada comezará co pregón de inauguración e coa colocación da placa na Praza das Pipas. Posteriormente, poderase desfrutar na terraza do Casino de Lalín de diferentes concertos. En primeiro lugar actuará Xemelgas, un grupo de zanfonas, e posteriomente Úrsula Rial a dúo con Virxilio da Silva. Todos os anos se leva a cabo un picnic no Parque de Loriga e nesta ocasión non iba ser diferente. Aínda sen poder xuntarse todos para comer, farase o picnic igualmente, pero con distanciamento social.

Competición de videoxogos

A pesar de verse reducida pola situación sanitaria, a Algarabía soubo adaptarse e conta este ano con algunhas novidades. A partir das 16:00 horas do sábado, terá lugar no Casino de Lalín unha sesión de videoxogos antigos organizada por Pitu. Ocupará gran parte da tarde e serán competicións de Tetris e de Street Fighter. Esta idea preséntase como unha alternativa aos xogos de rúa que se adoitaban facer e nos que resulta imposible gardar as distancias.

Para continuar coa programación, a formación Varacunas ofrecerá un pasacalles polas rúas animando á xente a acudir ata as Galerías Colón, onde se presentará a mostra de arte deste ano. Unha vez remate, pechará o evento o grupo Pitilín, de novo na terraza do Casino. Dadas as limitacións de aforo, recoméndase reservar espazo para acudir ás actuacións.

Organizar o evento non foi doado. “Tivemos que facelo moi simple, de xeito que non fose complexo cancelar o evento, xa que non sabemos como irá avanzando a situación”, indica Jimi. Durante estes días, tamén se están a montar as distintas exposicións nos locais lalinenses que colaboran coa iniciativa. Preto de 23 artistas exhibirán as súas obras, das cales se poderá ver un avance nas Galerías Colón. Cabe sinalar tamén que a mostra do Ramón María Aller, que pretendía homenaxear aos artistas participantes do ano pasado, tivo moi boa acollida. “É unha ledicia porque nos axuda a pensar en preparala máis anos”, comenta Jimi.