José Antonio Dono López | Médico y político

“O tempo que un médico lle pode adicar a un paciente agora mesmo é máis corto do desexable”

O estradense xubílase despois de 38 anos exercendo la medicina, 32 deles no Centro de Saúde da Estrada

José Antonio Dono, nunha entrevista concedida a FARO.  | // BERNABÉ

José Antonio Dono, nunha entrevista concedida a FARO. | // BERNABÉ / L.D.

L.D.

–Chega o momento da xubilación. Tocaba por idade?

–Si, xa cumpría os anos para xubilarme e decidín marcharme. Levaba xa moitos anos e debo recoñecer que estaba canso. Nestes momentos ademais na Atención Primaria hai moita presión sobre os profesionais. Resulta bastante esgotador para os médicos. A iso súmase que non hai moitos médicos nestes momentos en situación de paro, así que non se poden cubrir as plantillas como debería facerse. A situación non é a mellor. Tendo en contaba que xa estiven moitos anos de traballo en diversos campos creo que chegou o momento de deixalo.

–Deixa tanto o público como o privado?

–O centro privado fundeino eu fai moito tempo con Villaverde pero xa o deixara e o tiña alquilado. Agora hai outras persoas alí. Eu xa non penso en volver. Agora vou adicar a ser xubilado, que non é unha mala profesión.

–Mirando cara atrás, de onde lle veu o de ser médico? Xa foi algo de pequeno?

–Non, veu a raíz dun primo meu, Javier Suárez Dono, que comezou con isto. Logo fomos máis da familia e hoxe en día xa somos moitos na familia. Non é que tivese a idea de ser médico pero el, que si que quería desde pequeno, foi o que nos foi levando aos demais, incluído a min, que nunca pensara nesa posibilidade. Logo viñeron os estudios en Santiago de Compostela.

–Como foi o seu salto á práctica da medicina.

–Daquela non era fácil empezar. Hoxe a mobilidade na xente que termina de estudar é moi grande pero naqueles anos era peor aínda. A min tocáronme uns anos de aquí para alá, desde o ano 83 cando acabei para diante. Estiven en Redondela, Lalín, Vila de Cruces, Caldas, Moraña... en cincuenta mil sitios. Ao principio non había traballo para tantos médicos e había que repartilo. Había que ir a onde se podía. Foi no 89 cando collín finalmente a interinidade na Estrada. Estiven 32 anos e pico aquí.

–Como recorda aqueles primeiros anos no ambulatorio da Estrada?

–O ambulatorio naquel momento era un ambulatorio, non un Centro de Saúde. A forma de facer medicina era diferente e non había os recursos que hai agora. Non había ambulancias nin transporte sanitario. Creo recordar que naquela época non había nin electrocardiograma. Os recursos eran moi limitados. O que cambiou todo isto foi a Lei Nacional de Sanidade. A partir de aí foi cando se empezou a falar de Centro de Saúde. Foi un cambio radical do panorama. Hoxe en día é moi diferente, tanto pola organización como polos medios.

–Tamén cambiou a atención aos pacientes?

–Nestes trinta e pico anos a medicina cambiou moito e tamén a maneira de atender aos cidadáns. Hoxe en día tanto os médicos como os pacientes reclamamos máis tempo para facer as consultas. Nos meus comezos era algo do que non se falaba moito a pesar de que é un tema prioritario. Co COVID a situación agravouse un pouquiño pero o certo é que hai moita presión asistencial e non hai reforzo de profesionais como sería desexable e polo tanto o tempo que un médico lle pode adicar aos pacientes agora mesmo é máis corto do desexable. Necesítase un tempo de media mínimo para poder ter a atención de calidade que queren todos os cidadáns e todos os profesionais e a verdade é que nestes momentos estase facendo difícil polo aumento desa presión asistencial e pola falta de profesionais. Probablemente non se trataron ben no seu momento e agora están noutro sitio, pero ese é outro tema.

–Foi unha despedida movida a súa con todo o do COVID e o cambio de Centro de Saúde. Como o viviu?

–Si, a verdade é que desde que apareceu esta epidemia de COVID complicouse todo un pouco. Co cambio de centro non. Foi un gran cambio. É un centro moderno que ten as dotacións e o espazo suficiente. Iso beneficiou moito. Creo que o centro da Estrada o merecía. O Centro de Saúde da Estrada está moi ben dirixido desde fai anos e creo que ten unha boa calidade asistencial. É probable que por eses motivos dos que falabamos antes esa calidade se deteriore un pouco pero é porque aumenta a presión e non están aumentando os recurso en persoal. Quitando iso o centro ten unha gran dirección e é un gran Centro de Saúde e creo que o vai a seguir sendo nos próximos anos con total seguridade.

–Vostede foi durante máis de trinta anos médico no seu pobo. Iso condiciona á hora de atender aos pacientes?

–Por outros motivos ademais deste coñecía a moitos pacientes, non só na consulta senón tamén fóra dela. Iso ás veces facilítache o traballo pero tamén ten os seus inconvenientes. Moitos pacientes chamábanme por exemplo directamente ao meu teléfono particular a calquera hora e calquera día. Iso é unha presión que se cadra un médico que está en Santiago ou mesmo outros médicos que non son de aquí non teñen por non coñecer a tanta xente. Só coñecen aos seus pacientes e se cadra desde fai pouco tempo. Iso é algo con todo que fun levando bastante ben.

“Destes anos quédome coa muller, cos fillos e cos netos”

–Sentiuse respectado en todos estes anos pola súa labor como médico?

–Si, por suposto. Xamais tiven un problema. Eu sempre respectei aos meus pacientes en todo o que podía e eles sempre me responderon a min moi ben. Tiven sempre moi boa relación coa inmensa maioría deles. Tamén foi perfecta a miña relación cos compañeiros. Nunca tiven un problema con ningún, nin sanitario nin non sanitario. Tiven compañeiros que eran e son grandes profesionais, de primeiro nivel, e moi boas persoas.

–En todos estes anos como médico seguro que houbo moitas cousas que lle quedarían gravadas na memoria, cal é a primeira que lle ven á mente?

–Se tivese tempo para pensalo seguro que sacaba unhas cantas pero así de golpe non me acorda ningunha. Indubidablemente claro que ves de todo. Pasas por todo tipo de situacións. Tamén hai outras desagradables. Pasan sempre cousas que non se prevén. Hai sempre algún caso que te deixa impactado, especialmente cando falece alguén. Tiven por exemplo un caso en Urxencias no que faleceu un rapaz de vinte e poucos anos que esteaba xogando un partido de fútbol. Son cousas duras que sempre te marcan.

–Con que se queda de todos estes anos?

–É difícil de dicir. Quédome con todo o que vivín pero especialmente coa miña muller, cos meus tres fillos e cos cinco netos. Non teño ningunha amargura que contar pero tampouco o vou botar de menos. Agora comezo unha nova etapa da miña vida que terá outros problemas. Agora seguro que son eu o que teño problemas de saúde pola idade. Se quero entreterme teño onde facelo. Hai moitas cousas que facer na vida. De aburrimento, nada de nada.

Suscríbete para seguir leyendo