Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da feira de Silleda ao fondo do Pozo do Avogado

Hai case noventa anos faleceron nas augas do Deza tres tratantes de gando e os animais, durante un traslado en barca

O río Deza, ao seu paso pola zona coñecida como Pozo do Avogado.

A parroquia de Ponte, no nordés do concello de Silleda, foi paso secular de viaxeiros entre ambas beiras do río Deza, unindo as terras de Trasdeza coas do Corpiño. Por Ponte pasaron centos de romeiros e devotos da Virxe que se venera neste último lugar, pero tamén multitude de persoas que precisaban cruzar este río por diferentes motivos. Entre estes camiñantes atopábanse os numerosos tratantes de gando que acudían á hoxe desaparecida feira de Silleda. Para cruzar o Deza, empregaron as distintas pontes que existiron ou algunha das barcas que atravesaron esta corrente de auga. Precisamente, o suceso fatal acontecido hai case noventa anos a tres destes feirantes na principal barca que cruzaba o río á altura de Ponte constitúe o eixo central deste artigo.

Como xa se mencionou noutras ocasións, a parroquia de Ponte debe o seu nome a unha antiga construción levantada no lugar coñecido como A Insua para cruzar o río Deza cara a San Pedro de Losón (na actual Vila de Cruces). Desaparecida en tempos inmemoriais, tense constancia de que foi substituída sucesivamente ao longo da historia por outras dúas, augas arriba do lugar no que estaba esta. A primeira en construírse foi a Ponte do Preguntoiro, que serviu de paso entre Ponte e as parroquias de Losón e Anzo, no actual concello de Lalín. Descoñecemos o momento da súa construción, mais temos certezas de cando se produciu a súa desaparición.

En agosto de 1930, o Concello de Silleda solicitou á Deputación de Pontevedra a reconstrución desta ponte, que se atopaba en ruínas e que fora previamente reparada en 1927 polo propio concello. En outubro do citado 1930, o organismo provincial outorgou unha subvención de 4000 pesetas para tal cometido, que se abonaron finalmente en novembro de 1935. Mais esta obra de reconstrución non se levou a cabo, tal e como evidencia a petición da Deputación ao consistorio silledense en outubro de 1939 para que devolvese a cantidade concedida ou executase a obra no prazo dun mes. Entre os motivos para non levantar de novo a Ponte do Preguntoiro podería sinalarse a existencia da segunda das substitutas da Ponte da Insua. Na década de 1930, varios veciños levantaron a Ponte do Pozo Negro, a carón do pozo do mesmo nome. A pesar do encaixado relevo que a rodea, esta ponte permitía unha viaxe entre Silleda e as terras do Corpiño máis directa que pola Ponte do Preguntoiro. Na actualidade, a Ponte do Pozo Negro apenas conta con tránsito de xente máis aló de troiteiros e sendeiristas, ao carecer dun acceso apropiado por ambas beiras.

Pero non sempre houbo a posibilidade de cruzar o Deza usando unha ponte ou, habendo algunha destas construcións, tamén había outras alternativas. En épocas estivais e en determinadas zonas, era posible cruzar o río a pé sen apenas mollarse, como por exemplo moi preto da Insua, no sitio chamado Portacalde (o propio topónimo xa ilustra este feito). Ademais, existiron en diversos puntos do río varias barcas para poder atravesalo.

Animais para Inglaterra

Certa fama acadaron a barca de Juanito, apelativo de Juan Soto, veciño de San Pedro de Losón e tataravó de quen escribe estas liñas; ou a do Avogado, esta última instalada no pozo homónimo, tamén chamado do Pego na beira de Ponte. Este pozo fora construído para derivar a auga do río cara o Muíño do Avogado, alcume que recibía a familia Taboada de San Pedro de Losón debido ao oficio dun antigo e destacado membro. Polo seu bo emprazamento, a barca alí situada era empregada xeralmente polos tratantes de gando procedentes da zona de Arzúa para cruzar as vacas que mercaban na feira de Silleda, que formaban longas comitivas polos camiños e carreiros que conducían ao embarcadoiro. Os camiños que se dirixían a esta barca ou á Ponte do Pozo Negro foron coñecidos como “Camiño da Feira”, en clara alusión á orixe dos mesmos no citado mercado silledense, que se viña celebrando os días 6 e 23 de cada mes. Sobre os animais que compraban estes feirantes, adoitaba dicirse que non volvían verse nas feiras da contorna, xa que eran embarcados no porto da Coruña con destino a Inglaterra.

O paso, na zona máis ancha

O suceso que motivou o presente artigo tivo como tristes protagonistas a tres tratantes que acudiron á feira de Silleda o 23 de agosto de 1932, tal e como supoñemos que terían feito noutras ocasións. Serafín Couso Garea e José Doamo Santiago, veciños da parroquia de Boente (Arzúa), e Vicente Mato Amboage, do lugar de Rendos en Pezobre (Santiso), trataron e adquiriron un certo número de vacas na mencionada feira e, finalizada esta, nas primeiras horas da tarde dispuxéronse a regresar á súa terra cos animais que mercaran. Para iso, percorreron o traxecto entre a carballeira do lugar de Outeiro, onde tiña lugar a feira, e a barca do Avogado, un itinerario que fixeran e facían numerosos tratantes e do que foron testemuñas durante decenas de anos as xentes de Ponte. O paso na barca, que se realizaba na zona máis ancha do pozo, non contaba cunha maior dificultade que a de manter os animais quietos e tranquilos, os cales adoitaban ser subidos na barca por parellas. Pero debido ao calor e ás moscas, un par destas vacas comezou a moverse e desestabilizou a barca, provocando que dese a volta e que se afundisen na auga os que ían nela. O barqueiro logrou chegar nadando á beira, pero menos sorte tiveron os demais ocupantes da embarcación. Os animais, que ían atados entre si, e os tres gandeiros pereceron nas profundidades do pozo. Precisamente un dos descendentes do avogado que deu nome ao pozo foi o encargado de recuperar os cadáveres e, incluso, foi capaz de rescatar un zanco ou pata traseira dunha das vacas.

Aínda que a feira se celebraba pola mañá, pola tarde aínda eran numerosas as persoas que permanecían na vila de Silleda e que ollaron con asombro ás persoas que acudiron mercar os cadaleitos a algún dos comercios da vila que contaban con estes útiles. Os féretros foron transportados seguindo o mesmo percorrido que realizaran horas antes os malogrados tratantes, que foron amortallados neles e levados para a igrexa de San Pedro de Losón (nesa altura pertencente ao antigo concello de Carbia). Segundo as testemuñas da época, foron soterrados no adro desta igrexa, un dato que non puidemos confirmar documentalmente polo momento.

O regreso aos seus fogares dos presentes na vila, coñecedores como eran do suceso, deu pé a que a noticia do accidente se propagase rapidamente polas terras centrais de Galicia. Esta foi unha nova da que se fixeron eco algúns medios impresos da época, coma os xornais Progreso e El Pueblo Gallego nas súas edicións do día 30 de agosto ou a revista Vida Gallega no seu número do 9 de setembro.

O acceso actual

Oitenta e nove anos despois deste tráxico evento, as cousas mudaron considerablemente. A feira de Silleda e a carballeira que a albergaba desapareceron, substituída a primeira pola Central Agropecuaria de Galicia (dentro do recinto da Feira Internacional de Galicia) e a segunda por unha sinxela praza que ata non hai moitos anos conservaba no nome unha referencia ao extinto mercado.

No Pozo do Avogado non navega ningunha embarcación e o acceso ao mesmo é bastante dificultoso debido á abondosa maleza. E os medios e formas de transporte do gando cara o citado recinto feiral silledense defiren moito dos empregados por tratantes coma os desafortunados protagonistas desta historia. Unha historia coma tantas outras que poñen de manifesto algúns dos perigos e dificultades que afrontaron os nosos antepasados para poder saír adiante. Unha das tantas historias que tamén nos trae á lembranza aqueles antigos mercados tradicionais, que tiñan lugar á sombra de grandes carballeiras, e as xentes que a eles acudían, cuxa sorte e destino se rexían en moitas ocasións pola célebre frase “As contas da casa non ditan coas da feira”.

Compartir el artículo

stats