Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberto García | Guitarrista de Cuarta Xusta

“Tratamos de cantar as inxustizas que vemos no día a día”

O grupo está a preparar o seu segundo disco, que contará con varias colaboracións

Cuarta Xusta ofrecendo un concerto no Auditorio Municipal de Agolada.

Nada no 2016, a banda de rock Cuarta Xusta vai retomando pouco a pouco a súa actividade. A formación, composta polos agoladenses Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo), ademais de Aida López (vocalista), Marta Sánchez (violín e guitarra) e Lúa Aguete (batería), actuará o próximo sábado 21 de agosto no Armadiña Rock. Ademais, o grupo está traballando no seu segundo disco tras a publicación no 2018 do seu primeiro traballo, titulado Un novo espertar.

–Como xorde a idea de crear un grupo de rock?

–Pois somos todos amigos, coñecímonos tocando xuntos por aí. Nunha ocasión, un pub de Melide, o Gatos, organizou un festival e faltáballes un grupo. Como temos unha amiga alí, comentounos se poderíamos preparar un par de cancións e xuntámonos. Tocamos as primeiras pezas, á xente gustoulle e dixemos “se funcionou unha vez, pode funcionar máis veces”. Ao final decidímonos a crear a banda.

–Por que o nome de “Cuarta Xusta”?

–Pois porque ao principio eramos catro e ademais tamén fai referencia ao intervalo musical, non hai moito máis.

–Chama un pouco a atención ver un violín con instrumentos máis característicos do rock...

–Cando comezamos co proxecto, tiñamos en mente facer un estilo que se achegase ao rock, punk e ska. O normal é que este último conte con trompeta, trombón e saxofón, é o mítico. Como ningún dos compoñentes tocabamos algún deses instrumentos, apostamos polo violín e integrouse sen problema.

–As súas cancións tratan diversas temáticas. De onde chega a inspiración?

–Cos temas que facemos tratamos, basicamente, de cantar as inxustizas que vemos no día a día. Non é ningunha cuestión política, simlemente o que vemos que está mal, en lugar de publicalo nas redes sociais, expresámolo a través da música.

–Tendo en conta que todos os temas son en galego, cales foron os seus principais referentes?

–A maioría de nós escoitamos música en galego dende sempre e si que é certo que a meirande parte dos referentes que temos á hora de compoñer os temas e de escoitar día a día son galegos. De feito, no primeiro CD xa temos catro colaboracións moi importantes para nós e foi unha sorte contar con elas: Zënzar, Ruxe Ruxe, Nao e Heredeiros da Crus. Ao final, os grupos que máis escoitabamos de pequenos, tivemos a boa fortuna de poder contar con eles.

–Como se artellaron todas estas colaboracións do primeiro disco?

–A verdade e que foi bastante raro, máis sinxelo do que pensamos. No caso de Nao, como toquei a trompeta con eles non houbo ningún problema, xa nos coñeciamos de antes. Con Zënzar coincidimos no Eu presumo de galego en Melide, no Gatos, e a partir de aí tratamos de contactar con Bocixa, o vocalista, que estivo encantado de colaborar connosco, xa son como unha segunda familia. Logo o de Ruxe Ruxe saiu a través de Miguel, o anterior guitarrista do grupo. Foi o encargado de deseñar o disco, entón puidemos falar con Vituco, o cantante. O de Javi Maneiro xa foi totalmente á parte. Tocamos moitas veces en Corrubedo e Ribeira e dalgunha delas, el andaba por alí. Veuse presentar, saímos de festa con él e ao final acabou saíndo a colaboración.

–Participástedes en varias ocasións no Cantalingua. En que consiste?

–É unha iniciativa do Correlingua, que é a carreira polo galego que se fai todos os anos na que participan moitos colexios galegos. O Cantalingua é un concurso musical enmarcado dentro deste proxecto, no que se presentan diversas bandas que cantan en galego. Tivemos a sorte de quedar dúas veces de primeiros e outra de segundos, foi todo un pracer.

–Cando verá á luz o segundo traballo de Cuarta Xusta?

–Pois estamos traballando nel. Xa estabamos antes do confinamento, pero pillounos esta situación e complicouse todo. Agora está máis avanzado ca nunca. Trataremos de sacar este ano algún videoclip cos temas que imos ir avanzando. Ata o de agora, só temos o do confinamento e algún vídeo por aí solto, pero o dos videoclips vai ser unha das principais novidades e seguramente teñamos algunha colaboración bastante especial. De feito, no concerto de Combarro do próximo sábado xa avanzaremos bastantes pezas novas, a ver que tal reacciona a xente. Ademais tamén cambiamos a formación, temos unha rapaza nova e xa o daremos a coñecer todo alí en Combarro.

–Como foi esta tempada de pandemia?

–O tema cultural está complicado. Na xira de 2018 fixemos moitos concertos por toda Galicia presentando o disco, chegando case aos 100. Este ano, ademais do Armadiña Rock, temos o Canteira Fest en Vilaboa e outras 5 ou 6 datas que xurdiron un pouco da nada. A verdade é que non contabamos con tocar moito esta tempada, íamos dedicarnos a gravar e a ter todo preparado para o ano que ven.

Compartir el artículo

stats