Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Queriamos poñer en valor o produto de proximidade”

A tenda Mel e Canela comezaba onte a súa andaina apostando por artigos galegos e procurando a máxima sostibilidade posible

Raquel Fernández e Ana Blanco amosando algúns dos seus artigos. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Dunha conversa nunha cafetería adoitan xurdir moitas ideas, pero non sempre todas se poñen en práctica. Durante unha mañá, Ana e Raquel, compañeiras de traballo, conversaban sobre posibles quefaceres a desenvolver tras verse na obriga de abandonar os seus postos de traballo nunha empresa textil. Saíron á luz entón ideas como a de vender productos galegos. Algo que nun principio ía quedar no aire, acabou por facerse realidade. Acolléndose precisamente ao pensamento de incorporar artigos de proximidade, o proxecto comezou o seu camiño. A iniciativa tamén se viu impulsada polo feito de que a parella de Ana elabora mel baixo a marca Ribeira do Deza e Raquel comezou a afeccionarse á confección de mandís, sacas e demais pezas.

Comezar un proxecto destas características non é sinxelo, pero dada a oportunidade, as ganas e a ambición, as dúas compañeiras puideron inaugurar onte a súa tenda Mel e Canela, ubicada no centro de Lalín. O nome do comercio foi proposto por Raquel, baixo a idea principal de incluír a ambas e non quedar cun nome único. Deste xeito, a verba “mel” fai referencia a Ana, mentres que “canela” se achega a Raquel, xa non soamente pola vena de produtos a granel que se fai no establecemento, senón tamén polo seu grande entusiasmo polas especias. Esta combinación de termos, que apareceu navegando pola rede, identifica ás dúas principais responsables do proxecto.

Facendo un percorrido pola tenda atopamos unha importante diversidade de produtos, pero a maioría dos referentes á alimentación reúnen unha mesma características: son artigos de proximidade. Polo momento, soamente dispoñen dun pequeno apartado con comestibles sen gluten que non chegan dende a comunidade galega, posto que aínda non atoparon ningunha opción. Moitos dos alimentos, como o chocolate, o cacao en pó ou a crema de cacahuete xa chegan sen gluten e cada vez a cantidade de produtos elaborados deste xeito é maior. Mesmo algunhas das infusións dispoñibles non conteñen gluten. Aínda que non todos os produtos son ecolóxicos, un dos principais obxectivos é causar menor impacto posible no medio natural. Por exemplo, o propio envoltorio de moitas infusións é compostable. A presenza de plástico tenta ser a menor posible ou, polo menos, empregan plásticos que son biodegradables.

Amosando tamén apego polos produtos locais, están dispoñibles diferentes marcas da contorna. Por exemplo, hai leite e iogures artesanais da marca Kalekoi, un proxecto que tamén aposta pola calidade galega e se asenta nunha gandaría de Rodeiro. Tamén no ámbito dos lácteos se atopan os recoñecidos queixos de Pazo de Anzuxao e outros artigos como os ovos de Penagundín, de Vila de Cruces, o propio mel de Ribeira do Deza ou galletas feitas por unha veciña de A Estrada, que tamén comezou por mero entretemento. Unha das peculiaridades a destacar do negocio é a venta de xeados. Nun dos rincóns do emprazamento, existe un espazo para a marca Bico de Xeado, que colabora coa tenda dada unha relación que garda unha das donas con persoal da cooperativa. Ademais, trátase dun alimento nautral e sen gluten que non desntona na dinámica xeral do establecemento. Aínda así, cabe sinalar que é posible a adquisición doutro tipo de bens. Dende esponxas de luffa que chegan dende Caldas de Reis ás propias pezas que fai Raquel a man, o abano de produtos é moi diverso.

A posta en marcha da iniciativa non vai máis alá do desexo de Ana e Raquel de cumprir coas expectativas laborais nunha situación na que as facilidades merman e as dificultades se fan máis presentes. De tódolos xeitos, ámbalas dúas sinalan que “queriamos darlle importancia aos produtos galegos, conferirlle un valor ao noso”. A pesar de que son bens quizais máis custosos, posto que moitos deles non se poden adquirir noutras tendas, gozan doutro valor engadido. Partindo desa idea e na busca da maior sostibilidade, o municipio lalinense contará a partir de agora cunha tenda única e singular.

Compartir el artículo

stats