Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rubén Troitiño nnficha personal | Pregoeiro da Festa do Gaiteiro

“Hai que manter a Festa do Gaiteiro no tempo pero sen perder a súa esencia”

O músico e historiador dirixirá unha charla-coloquio sobre la figura dos Gaiteiros de Soutelo

Rubén Troitiño posa con algúns dos elementos recuperados dos Gaiteiros de Soutelo.

O próximo 21 de agosto o Concello de Forcarei pasa a asumir a que será a 42ª Festa o Gaiteiro, declarada de Interese Turístico Galego en 2010 e que está destinada a honrar aos gaiteiros de Soutelo e, de modo especial, ao que foi distinguido como o mellor gaiteiro de Galicia en 1924, con só 25 anos. O encargado de facer o pregón desta festa será o músico e historiador Rubén Troitiño, quen tamén se encargará de dirixir una charla coloquio sobre a figura de Avelino Cachafeiro.

–Como valora a recuperación desta Festa do Gaiteiro por parte do Concello?

–A festa realmente so estivo parada uns anos gracias á asociación Can de San Roque, que seguiu organizándoa. Agora volve de novo a organizala o Concello de Forcarei. Todo o que sexa tirar para diante e traballar para a recuperación e consolidación no tempo é bo. As veces pasa que dáslle moito empurrón as cousas ao principio pero logo van cansando. Cunha festa é como nunha carreira de fondo. Hai que mantela no tempo sen perder a esencia da Festa do Gaiteiro.

–Neste ano tócalle ademais facer o pregón, como se sinte?

–Ben, aínda que non estou acostumado a falar, o meu é tocar. Sen embargo vou estar entre veciños. De alí é a miña familia e moita xente xa me coñece dende pequeno. Estarei como na casa. De momento debo dicir que non preparei nada do que vou dicir porque ando máis centrado en preparar a charla que temos pola tarde.

–Como marchan eses preparativos?

–Agora mesmo estou mirando todo o material que vou levar. O que quero é que sexa cómodo para que a xente o vexa co tema do Covid. Estou dixitalizando moitas cousas como fotografías e demais porque tampouco se poden achegar todos a velas.

–En que consistirá?

–Eu penso que vai quedar moi ben, especialmente polas dúas persoas que estarán comigo nesa charla. Por un lado está Xosé Manuel Rivas Troitiño, autor da biografía de Avelino Cachafeiro, a única que hai. Dará unha visión de como construíu el esa biografía porque non chegou a coñecer a Avelino. Fíxoo a través de familiares, amigos e veciños do gaiteiro. Daquela era moi novo e a verdade é que sacouse unha biografía moi boa. Son máis de 130 páxinas amosando o que foi a faceta artística de Avelino. Non se quedou so no músico. Tamén falou do pintor e do escultor. Iso hai moita xente de fora do pobo que non o coñece. É algo que percibo desde que vivo fora. Descoñécese a súa figura como empresario, como poeta, como pintor... era una persoa moi rica a nivel artístico. O outro é Bautista Alberte, que é familia directa de Avelino Cachafeiro e é quen xestiona o seu legado cultural. Incluso chegou a coñecelo e a tocar con el.

–E vostede é o terceiro dese trío de poñentes.

–Si, eu son o máis novo. Pola miña parte vou amosar todo o que teño recopilado a nivel físico. É dicir discos, instrumentos, revistas da época orixinais... E falarei de cousas que se foron publicando sobre el e que non están de todo correcta. Por exemplo datas. Fixen unha recopilación de máis de 400 notas de prensa da época falando de Avelino e dos Gaiteiros de Soutelo. Aportáronme moita información para ver que, cando e onde fixeron. Moitos dos eventos dos que se falan si que poden ser correctos pero non as datas. Ademais aportarei algúns datos novos sobre eles que non se sabían.

“A miña intención é dar forma de libro a toda a información que fun recollendo nestes anos”

–Como, cando e por que comezou este traballo de investigación histórica?

–Pois todo foi un pouco de rebote. Pensaba que todo o relacionado cos Gaiteiros de Soutelo estaba máis que buscado e contrastado. Pola casa de Avelino Cachafeiro pasou moita xente da música tradicional galega en busca de información e demais. Eu a verdade é que me estaba centrando noutros músicos de Terra de Montes para darlles visibilidades. É certo que os Gaiteiros de Soutelo tiveron moita relevancia pero tamén houbo outros músicos coñecidos na zona pero que non tiveron tanta sona. Pero un día fun a casa de Avelino Alberte a preguntarlle información sobre o grupo que el creou nos anos oitenta, que se chamou tamén os Gaiteiros de Soutelo en homenaxe aos orixinais, no cal eu tamén participei cando era rapaz. Falando sobre iso mostroume os punteiros do Gaiteiro de Soutelo. A partir de aí comezamos a falar e vin que había moita información que non era pública. Logo comecei a buscar máis información. Acumulei moitas cousas e coa chegada do confinamento decidín poñerme a ordealas, a dixitalizar todo e a transcribir todas as entrevistas que fixen. Así me din conta de que tiña máis información da que pensaba. Ademais, comezaron a chegarme máis cousas, como revistas antigas ou instrumentos da época. Ao final teño material para facer un traballo. Agora a miña intención é dar forma de libro a toda esa información que fun recollendo nestes anos. Aínda que está publicada esa biografía do Gaiteiro de Soutelo da que che falaba antes a miña intención é ampliar esa información con novas cousas. Cando Rivas Troitiño fixo o seu traballo non había os medios que hai agora. Con internet agora todo vai moito máis rápido. O traballo de búsqueda segues tendo que facelo pero todo é máis rápido e sinxelo de conseguir. A miña intención no futuro sería publicar toda a información que teño sobre os Gaiteiros de Soutelo.

“Aquí sempre houbo moita relación coa música”

–De onde considera que ven esa imaxe da relación entre Forcarei e Soutelo coas gaitas?

–Na zona de Terra de Montes sempre houbo moita relación coa música. Por exemplo, sempre que se fala de Cerdedo, onde naceu meu pai, sempre se fala das bandas de música. Si se fala de Forcarei, relaciónase cos gaiteiros. Iso é porque en épocas pasadas houbo certos colectivos que lle deron moita visibilidade. Todo ven arrastrado do saber popular. Facemos caso ao que nos contan os maiores do que ven de atrás. Da zona de Soutelo nos contan que había uns gaiteiros e iso queda en nós. Sen embargo, se indagas un pouco ves que había bandas de música en Cerdedo pero tamén había gaiteiros e en Forcarei tamén houbo moitos acordeóns, con melodías que veñen de moi atrás. Creo que é unha zona moi rica a nivel cultural e artística pero no soamente nun instrumento ou nunha forma determinada. Aquí houbo músicos moi importantes, algúns dos cales tiveron que irse e seguiron tocando alá onde foron. Outros reinventáronse, como o propio Avelino, que tivo moitos negocios. O caso sen embargo dos Gaiteiros de Soutelo foi diferente. Estamos falando dunha época que vai desde os anos vinte ata o 1936, cando estoupou a Guerra Civil, tiveron unha repercusión brutal. Hai moitas notas en prensa deles, moitas veces con foto. Foron facer unha xira a América e tiñan incluso coche propio para poderse desprazar. Tocaron en festas moi importantes. Era como se hoxe en día contratas unha orquestra importante. Facían un espectáculo. Era un pack completo no que facían de todo un pouco. Todas as comisións de festas os querían ter. Logo estaba a prensa, con referencias a eles que sempre eran similares. Todos escribían case o mesmo deles pero o que facían era exaltar a figura dos Gaiteiros de Soutelo. Todo se magnificaba.

Compartir el artículo

stats