O Concello de Lalín inaugurará o venres 10 de setembro ás 20:00 horas a XV Bienal Internacional Pintor Laxeiro no Museo Municipal Ramón María Aller. Posto que se cumpren 25 anos do seu pasamento e 30 anos da Bienal, as obras de José Otero Abeledo, Laxeiro, protagonizarán enteiramente esta edición. A exposición contará con 40 creacións do pintor, 33 delas doadas por el mesmo ao pobo de Lalín sumadas a outras adquiridas ou regaladas por outras persoas.Aínda marcada polas restriccións sanitarias, a mostra pretende achegarse a Laxeiro no seu estado máis puro e xenuíno.

Dentro da exposición atópanse os carteis orixinais das edicións da Feira do Cocido correspondentes aos anos 1977 e 1993. Outra das obras, que foi adquirida no 1931, representa unha “alegoría da República”, época na que Laxeiro, con tan só 23 anos, recibiu unha bolsa do Concello de Lalín para estudar por lobre na escola de San Fernando en Madrid.

Entre a nómina de creacións tamén se atopan varios retratos. Pódense distinguir entre eles un dedicado á súa aboa, natural do lugar da Laxe, na parroquia de Bendoiro, a pesar de que reside en Botos. Precisamente dela toma o artista o seu nome: Laxeiro, o neto da Laxeiro. Ademais, atopamos máis retratos dedicados a familiares, a varios amigos e tamén autorretratos, entre outras de carácter diverso pero sempre con esencia galega.

Esta mostra ocupará dúas das salas principais, mentres que noutros habitáculos do Museo estarán expostos os Cabezudos de Laxeiro, realizados polo artista Luchi Iglesias. Estas figuras están inspiradas no cadro titulado “A familia da Romea” e que foron presentados durante a xornada de celebración dos actos do 25 aniversario do pasamento do pintor, celebrado o pasado 21 de xullo. Ademais, tamén puideron percorrer as rúas do municipio nunha primeira toma de contacto cos veciños e veciñas de Lalín. Os Cabezudos forman agora parte do patrimonio municipal e irán participando en distintos eventos levados a cabo no Concello.