Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Chaves Cuiñas | Escritor, pintor e coleccionista de xoguetes tradicionais

“O xoguete é a iniciación á cultura”

“Durante a pandemia, os xogos axudaron a fortalecer as relacións entre pais e fillos, facilitaron a convivencia”

Antonio Chaves, cun dos xoguetes da súa colección, onte no Museo do Xoguete. | // BERNABÉ/ANA AGRA

O próximo sábado terá lugar a inaguración do Museo do Xoguete no Pazo de Liñares. A colección exposta no emprazamento contará con máis de 1.000 pezas, a maioría delas cedidas por Antonio Chaves. O cambadés, que reside en Vigo dende pequeno, é dono dunha das maiores coleccións de xoguetes de toda España.

–Cando xurdiu ese interese polos xoguetes?

–A miña paixón e admiración pola cuestión dos xoguetes naceu cando comecei a desfrutar precisamente dos xoguetes que me traía o meu pai, que estaba emigrado en Holanda. Cando viña traíanos xoguetes alemáns e doutros países que visitaba. Non tiñan nada que ver cos xoguetes que nós estabamos afeitos a ver aquí, entón eran pezas que che chamaban a atención. Por exemplo, eu vin xogar a miñas irmás coas primeiras barbies cando aquí en España chegaron moitos anos despois. Xa como coleccionista, cumplín recentemente 62 anos e levo máis da metade da miña vida coleccionando xoguetes, xogos e outro material relacionado co mundo da infancia.

–Xuntar unha colección tan grande de pezas debe de resultar complexo...

–Chega un momento no que tes que ter un criterio de coleccionista no sentido de que empezas a ter xoguetes de abondo e xa procuras estar documentado sobre as pezas. Comezas a ter relacións tamén con persoas vencelladas ao mundo do coleccionismo. Lévome moi ben coa xente que leva o tema do Museo Valenciano do Xoguete en Ibi ou Tomàs Pla, que leva o Museo de Historia do Xoguete en San Feliu de Guíxols, entre moitas outras persoas. Unha vez que asumes que eres coleccionista de xoguetes tes que manter unha relación que sabe e que comparte esa afección que ti tes.

–En que contexto nace a Fundación Raquel Chaves?

–Eu comecei primeiro facendo mostras a nivel persoal. A Fundación creouse despois para darlle un certo criterio. Leva o nome dunha irmá miña, que se chamaba Raquel, porque unha das fotos que se conserva dela é precisamente xogando nun bambán. Tamén tiñamos claro o valor cultural e pedagóxico do xoguete e a partir de aí foi cando en 1994 se constituiu a Fundación Raquel Chaves. Dende aquelas, colaboramos con museos e participamos en eventos importantes, como o II Congreso Internacional de Museos do Xoguete e a Infancia. Logo tamén estamos moi vencellados ao mundo das ludotecas e, por suposto, puxemos en marcha moitas exposicións. Mesmo constituimos o Museo Castelán-Manchego do Xoguete en Toledo.

–Como foron evolucionando os xoguetes durante estes últimos anos?

–Cada época ten os seus xoguetes. De feito, son un reflexo do mundo real. O xoguete tradicional, popular e artesanal de toda a vida é a raíz na que se asentan os xoguetes que xorden despois. Moitos deles adpátanse ás novas tecnoloxías para seguir. Un caso pode ser o do patinete, que hai uns anos tivo un gran número de ventas. Simplemente a un xoguete tradicional se lle incorporou unha nova tecnoloxía para adaptalo aos nosos tempos. A pesar diso si que existe unha problemática, e é que os rapaces e rapazas de hoxe en día están máis afeitos aos xoguetes que xorden directamente das novas tecnoloxías e aférranse máis a eles. Hai unha publicidade que está sempre presente, ademais de que os pais tamén axudamos a que se acheguen a les, xa que ao fin e ao cabo somos os que os mercamos.

O xoguete tecnolóxico está moi presente, pero tamen hai que mencionar que colectivos de mestres están facendo un esforzo inxente para que os máis novos descubran os xoguetes tradicionais, cos que xogaron os seus avós. Ademais, cando se atopan eles é como unha festa, porque algúns teñen unha característica moi importante que é que favorecen o proceso de socialización.

–Nestes tempos, a cultura tivo un papel fundamental á hora de axudarnos a lidar coa situación. Para os máis pequenos, o xoguete tamén exerceu esa función?

–Evidentemente. Hai que ter en conta que o xoguete é a iniciación á cultura, como dicía Baudelaire. É importante como agora a cuestión da pandemia serviu para fortalecer a relación entre pais e fillos. En grande medida, o tema dos xogos facilitou a convivencia e axudou a reforzar a comunicación nas familias. Ao final, nada malo é negativo se diso aprendemos.

De feito, unha cuestión relevante que hai no museo que se vai inaugurar proximamente en Lalín é que propicia o diálogo interxeracional, é dicir, ata tres xeracións poden falar dun mesmo xoguete. Postúlase como un elemento que serve de ponte entre xeracións, cun valor cultural e pedagóxico que ademais do lúdico é moi importante, que ademais os mestres destacan bastante.

–Cantos xoguetes da súa colección van estar dispoñibles para visitar no Pazo de Liñares?

–Para Lalín levamos unhas 4.000 pezas. Expostas vai haber máis de 1.000, que se irán ou be rotando con outras exposicións ou ben ampliando segundo se queira.

–Que relevancia teñen este tipo de iniciativas?

–Os museos de xoguete cada vez van tendo máis importancia. En España case é un fenómeno novo, dos anos 90 para adiante, pero a reacción que está habendo entre o público en xeral é fantástica. Son museos que nos manteñen humanizados e resulta importante, porque tamén son capaces de abrir portas á identidade.

Compartir el artículo

stats