Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Pola vida no rural, non á invasión eólica

Non é nova en Terra de Montes a problemática dos parques eólicos. Hai bastantes anos que se instalaron os cinco parques que existen hoxe e que converteron montes senlleiros, como o Seixo e o Candán, en polígonos industriais. Os beneficios non se viron nin en traballo, nin en compensacións económicas dignas, nin nas facturas da luz que non deixan de aumentar. O declive demográfico seguiu o seu curso a pesar da chegada de tanto “progreso”.

Asistimos agora a unha nova avalancha de proxectos. Por esta razón, un grupo de veciñas e veciños nos organizamos para informarnos e defendernos ante a falta de información e a connivencia entre administracións e empresas. Naceu así a asociación “Alarma na Terra de Montes”.

A falta de información é o primeiro obstáculo a superar. Ante o desleixo das administracións, só con traballo voluntario e con axuda doutras asociacións sabemos que existen máis de vinte proxectos de parques con intención de instalarse en montes comunais e terreos privados. Como nos afectaría isto?

A nosa comarca veríase desfigurada pola presenza de grandes aeroxeradores, subestacións de transformación, pistas para a mobilidade nos parques e a comunicación soterrada entre os eólicos e as subestacións. Por non falar das varias liñas de alta tensión que percorrerán quilómetros fracturando o territorio.

O sector agrogandeiro e forestal perderían terras útiles. Tamén o sector turístico se vería gravemente prexudicado. Actividades como a Rapa das Bestas ou a dos observatorios astronómicos de Forcarei e Cotobade tamén correrían perigo.

As propiedades incluídas nas poligonais dos parques poderían perden ata 40% do seu valor, pasando a ser recalificadas e quedando a expensas de ampliacións futuras. As zonas polas que pasan as liñas eléctricas de evacuación tamén quedan impedidas de ter outros usos.

Nalgúns casos os muíños, de case 200m, atópanse moi preto de lugares habitados ou doutras instalacións como granxas. Son especialmente graves os casos de Cuíña (Quireza) ou Reigosa (Aciveiro). Radio, televisión ou telefonía tamén se poden ver afectadas. A presenza próxima dos aeroxeradores ou das liñas de alta tensión asóciase a problemas de saúde.

A construción dos parques e infraestruturas poden afectar aos recursos hídricos (brañas, regos, traídas…) dos que nos abastecemos para consumo humano e actividades económicas.

Os hábitats de diferentes especies serían atacados por estas instalacións industriais. A nosa paisaxe veríase gravemente desfigurada.

Os proxectos tamén afectan ao rico patrimonio histórico da comarca. Mámoas, gravados rupestres, castros, patrimonio arquitectónico ou etnolóxico poden ser danados ou o seu contexto deformado. O patrimonio cultural inmaterial vinculado a eles correría maior perigo de perderse definitivamente.

Frente a estes prexuízos, contrasta o número limitado de postos de traballo xerados; pouco vinculados, ademais, ao territorio. Pola contra, os danos a outros sectores económicos son evidentes e a presenza desmesurada destas instalacións pode dar lugar á perda de empregos, ao peche de negocios, ou impedir a creación de novos postos de traballo.

As “compensacións” económicas son escasas en comparación cos beneficios obtidos por empresas que nin sequera tributan en Galicia. Son ofrecidas, ademais, nun contexto de chantaxe ás comunidades coas que as empresas “negocian” desde a posición de forza que dá a ameaza da expropiación, por non falar dos vínculos entre gobernos e empresas (caso de Beatriz Mato, ex-conselleira da Xunta e nova directiva de Greenalia).

En canto á xustificación ambiental: son tan inocuos e verdes? É protexer o medio instalar parques eólicos en zonas de grande valor natural e ambiental? Favorecen a necesaria biodiversidade os danos provocados por estas instalacións nos hábitats? Que ten de ecolóxico instalar parques eólicos en territorios que están a centos de quilómetros dos lugares que se queren abastecer de enerxía? Liñas eléctricas tan longas perden de 8% a 15% da electricidade producida. Por que despilfarrar cando o normal é que un parque eólico se instale preto da zona a abastecer? E quen se vai facer cargo da retirada, reciclaxe e restauración do entorno cando finalicen a actividade?

Hai alternativas que o poder político e económico non queren desenvolver. Pódese optar por pequenos parques eólicos comunitarios, menos agresivos, destinados a satisfacer as necesidades reais do seu entorno e xestionados pola veciñanza ou os concellos. Temos dereito a xestionar os nosos recursos de forma racional e para favorecer o ben común.

É o momento de actuar e de facer forza xuntándonos. Témonos que organizar e mobilizar para impedir que sigan a destruír a nosa terra e a condenar a morte o rural galego. Esperamos que as institucións, e en primeiro lugar os nosos concellos, se poñan ao noso lado con toda a súa forza, nin de frente nin de perfil. O noso benestar e o das xeracións que veñan está nas nosas mans.

Compartir el artículo

stats