Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Villaverden | Responsable da área láctea do SLG

"Cada vez que pecha unha granxa, déixame unha ferida; é unha sangría"

“Queremos plantexar que se unha industria non paga, tampouco poida ter axudas públicas”

Manuel Villaverde posa subido a un trator.

Naceu en Graña de Umia-Quintilláns (Forcarei) e aínda que hai cinco anos montou a súa propia granxa, non esquece que a 250 metros atópase a de seus pais, onde se criou, onde aprendeu a amar aos animais, a tratalos, a coidalos e a respetalos. Non é estraño, polo tanto, que, cos seus 40 cumpridos, acabase nun posto de responsabilidade no sector, xa de por sí abatido pola falta de relevo xeracional. Aínda que puido seguir cursando estudos universitarios, tivo sempre claro que a súa vida estaba irremediablemente ligada a gandaría. Confesa que os animais son a súa grande paixón: “teño una relación moi especial con eles”. Afronta con ilusión e esperanza o seu novo cargo como responsable da área láctea do Sindicato Labrego Galego (SLG) para os seguintes catro anos, nos que aposta polo diálogo como cabalo gañador.

–Como afronta esta nova etapa?

–Non había moita competencia. Agora ningún quere cargos nin responsabilidades. Os gandeiros fuxen diso. Pero afróntoo con ilusión e con esperanza. A día de hoxe aínda o estou asimilando. O mundo e o sector cambiaron e a maneira de facer sindicalismo tamén. Non podemos deixarnos arrastrar por lousas do pasado que non nos deixen evolucionar.

–Cales son os desafíos aos que se enfronta o sector despois dunha pandemia?

–Para min o primordial é que non haxa un so gandeiro ou granxa que non cobre polo seu traballo. Hai moitas grandes con impagos. Non pode ser que un gandeiro non cobre un mes tras outro o seu leite. Queremos pelexar por unha lexislación que evite que unha empresa ou industria non lle pague aos gandeiros que lle proporcionan o leite e despois poidan ter acceso a subvencións públicas. Queremos plantexar que se unha industria non paga, tampoco poida obter axudas públicas.

–A día de hoxe, cales son as demandas máis urxentes no ámbito agropecuario?

–Hai unha que para min é fundamental. O meu desexo é que algún día nos puideramos sentar todos aqueles actores públicos e privados que formamos parte do mundo rural para falar do vaciado xeral da nosa poboación. Porque é unha problemática que nos afecta directamente a todos. Se non hai xente moza, non hai servizos, se non hai servizos, a xente moza non quere ou non pode vir.

–Antes da pandemia, o peche de granxas xa era acusado, pero agora incrementouse o número que mes a mes decide rematar a súa actividade, cales son as alternativas que fagan frear a situación?

–Para min, cada vez que pecha unha granxa, déixame unha ferida Está sendo unha sangría. Moitas granxas cerran porque non lles pagan e non poden soportar os custes de producción e otras, moitas, cerran pola falta de relevo xeracional. É aí onde temos que poner todas as nosas forzas.

–Se tivera mañá unha reunión con algún responsable da Consellería do Medio Rural, cal é o primeiro tema que abordaría, que lle diría?

–Pois diríalle que cando se empeza un traballo, acábase.

–En referencia a que?

–Estamos en pleno proceso coa concentración parcelaria. Empezou en 1999 e aquí seguimos. E agora queren darlle carpetazo e deixala como está. Temos camiños que van dar a un río e non temos unha ponte pola que cruzar. Temos parroquias que sabemos que van quedar como están. Iso, o traballo hai que rematalo.

–Cando pensa no futuro do sector e das acción que quere levar a cabo, que se lle ven á cabeza?

–En conseguir que os responsables lexislaran escoitando aos implicados. Arestora, calquera plan que se saca sobre o noso sector, apróbase sen contar con nós, cos gandeiros. Un exemplo moi claro é a implantación dos parques eólicos en Galicia. Iso é algo que vai a afectar ao mundo rural en xeral e aos gandeiros en particular. Por que non se conta con nós? Próvase a devandita normativa, cambiando o uso da terra agraria e forestal para facer parques eólicos.

–Como se atopa a situación do sector nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes?

–Moi envellecido. Son dos máis novos con granxa. A sangría de peches aquí é brutal. Das catro cooperativas que había, agora só quedan dúas con xente moi maior. Con todo, sigo apostando porque esta é unha zona con moito futuro.

Compartir el artículo

stats