A Fundación Xosé Neira Vilas traslada un ano máis ás Insuas de Gres a presentación, hoxe ás 19:30 horas, da obra gañadora do seu premio de novela curta. Edicións Embora achega ao público lector A conxura, obra da poeta, editora e narradora Diana Varela Puñal. O cantautor silledense Rodrigo Ramos pechará o evento coa interpretación de temas musicais baseados en poemas de Neira Vilas.

A novela impúxose a un total de quince orixinais que foron avaliados por un xurado formado por Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández –membros do Padroado da Fundación Neira Vilas– e polo crítico Armando Requeixo. A conxura constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticos e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, malia a súa certa autonomía, logran enfiar con solvencia o inicio e o final. A trama resólvese, ademais, dun xeito maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados outros procedentes dos eidos da música ou do cinema.

Varela Puñal suma o premio Neira Vilas a outros logrados anteriormente, coma os de poesía Díaz Jácome, por Afirmación en nove contos, e Uxío Novoneyra, polo poemario Fíos. Amais, xa fora galardoada no 2012 co Premio Estornela de Teatro por Arlequino Viceversa, que naquela altura convocaba a fundación de Gres. No eido da narrativa, publicou Fin de festa e Diario sen datas dunha aborixe galega.

O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta está dirixido a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil, co obxectivo de estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega, así como proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.