Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Benito Vilas Estévez | Arqueólogo

“Cando dis que eres arqueólogo, a xente pensa: ‘pero diso vívese?”

“As empresas e institucións tampouco son conscientes de que é unha actividade laboral”

Benito Vilas (á dereita) con outros arqueólogos, onte, no Pazo de Liñares. | // BERNABÉ/ANA AGRA

O Pazo de Liñares acolleu na xornada de onte os eventos organizados pola Deputación de Pontevedra co motivo do Día Mundial da Arqueoloxía, que se conmemora todos os 28 de xullo.Baixo o lema Arqueoloxía en pandemia e en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA), interviron varios arquéologos co obxectivo de dar a coñecer as distintas iniciativas que teñen lugar no noso territorio e para plantexar unha reflexión sobre o presente e o futuro da actividade arqueolóxica en Galicia. Un deles foi Benito Vilas Estévez, arqueólogo da sociedade cooperativa Árbore, Arqueloxía e Restauración, que ofreceu unha conferencia sobre a arqueoloxía en Lalín en tempos de pandemia.

–En qué se baseou o coloquio que ofreceu hoxe no Pazo de Liñares?

–O seminario centrouse nos problemas derivados da pandemia en diferentes actuacións que fixemos en Lalín. Falamos de varios lugares, comezando pola metrópole de Lalín de Arriba e continuando coa mámoa de O Coto do Xilo, así como outras intervencións en Donsión ou Bermés. Traballar nalgúns casos en pleno confinamento foi unha situación algo estraña. Non se sabía moi ben nada, había inseguridade e paranoia, non gozabamos do suficiente abastecemento en mascarillas e hidroxel... En Lalín pasounos un pouco de todo. En ocasións tamén daba a impresión de que non eres ninguén, nin parte facultativa da obra nin doutros traballos... Ao final parece que si que é o que a xente realmente pensa, que é unha afección na que andas por aí perdido ou que traballas para a Xunta e non eres unha empresa.

–Afectou en grande medida a chegada da pandemia ao seu sector?

–Por suposto que si. Entendo que hai outros secores que non se tiveron en conta e que ao mellor o noso tampouco é tan grande, pero vímonos cunha serie de dificultades importante, dependendo de outros ámbitos e sen poder facer nada. Despois tamén mencionaba algún compañeiro, nós por sorte non, que a facturación chegara a baixar sobre un 60%, e algo é moi grave.

–Cal é a principal actividade que levan a cabo na súa coorporación?

–Sobre todo arqueoloxía e labores de restauración, é dicir, posta en valor de xacementos, controis de obra, sondeos...Despois tamén existía unha parte, que agora se veu abaixo, centrada na didáctica do patrimonio. Levábanse a cabo visitas guiadas, obradoiros nos colexios e museos... Dende o ano pasado ese tipo de actividades non foron posibles.

–Que idea cre que ten a sociedade sobre a arqueoloxía?

–Cando dis que eres arqueólogo a xente pensa: “pero diso vívese?”. É algo que acontecía xa antes da pandemia e penso que vai seguir nos próximos anos. Dise que non hai traballo, pero eu estou traballando neste ámbito. Nesta situación vimos que as propias empresas e institucións tampouco son conscientes de que a arqueoloxía tamén é algo laboral e que existen as empresas de arqueoloxía.

–Por que se decidiu por esta profesión?

–Creo que a todos de pequenos se nos deu polo tema da arqueoloxía e os dinosaurios, aínda que non traballamos con iso. Tivemos esa paranoia nalgún momento e en min nunca morreu, aínda que é certo que daquela época saíran os filmes de Indiana Jones e encanábanme. Despois nada ten que ver con iso, é moi distinto. Puido influír tamén que me guste moito a natureza e o monte, non son nada de praia.

–Como ve a situación da arqueoloxía en Galicia?

–Nestes últimos anos é certo que estaba subindo un pouco, pero freou coa pandemia. Tamén parece que empeza a repuntar agora vinculada ao mundo da construcción, pero aínda así é unha situación complexa. Un dos grandes males segue sendo que se fan case sempre actuación puntuais, labores de mantemento ou de conservación que logo quedan un pouco varadas. Realmente queda moitísimo traballo por facer e o que pretende por exemplo AEGA é visibilizar o traballo das empresas. Tamén se debería de saber, tanto por parte dos cidadáns como das institucións, que a arqueoloxía non é un inmigo. Que se me van parar a obra, que se non podo facer nada... Iso non é certo. Hai moitas cuestións que interveñen nesas decisións, como a natureza por exemplo, e non todo ten por que ser urbanizable.

Segunda xornada de ‘Arqueoloxía en Pandemia’

Durante o día de hoxe, o Pazo de Liñares acollerá a segunda xornada do evento Arqueoloxía en Pandemia, enmarcado nos actos de celebración con motivo do Día Mundial da Arqueoloxía. A primeira sesión foi inaugurada onte pola deputada de cultura, Victoria Alonso, a tenente alcalde de Lalín, Paz Pérez Asorey e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía, Ángel Concheiro. Cabe destacar que a escolla do Pazo de Liñares para o desenvolvemento das xornadas en que ver con que “no Deza está localizado o maior número de xacementos de toda a nosa provincia, ademais de que nesta comarca existen numerosos colectivos de defensa do patrimonio castrexo froito da implicación e o interese veciñal”, sinalaba Victoria Alonso. A maiores, o Pazo acolle ao Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico impulsado pola Deputación, que se puido visitar en formato de portas abertas onte e tamén hoxe de 10:00 a 13:00 horas.

O seminario comezaba coa conferencia Chove sobre mollado. Unha peme da arqueoloxía e xestión de patromonio en pandemia, a cargo de Israel Picón, de Citana Arqueoloxía e tesoureiro de AEGA. Logo continuaron Yolanda Álvarez e Luis Francisco López de Terra Arqueos e Benito Vilas, de Árbore, Arqueoloxía e Restauración. Na segunda quenda tiveron lugar outras 3 conferencias, entre as cales se atopa Encontros ao are libre; visita guiada ao Castro de Doade, Lalín, impartida pola directora de escavación Vanesa Trevín, de Cadro Arqueoloxía. Precisamente pola tarde, as persoas participantes puideron visitar o Castro de Doade. En canto ao día de hoxe, está previsto que persoal de Tempos Arqueólogos amose como é a arqueoloxía en pandemia. Cristina Seoane pechará o ciclo de charlas cun relatorio sobre a Investigación en tempos de pandemia: o esqueuomorfismo como xeito de achegarse aos materiais arqueolóxicos e a xornada rematará cun obradoiro con materiais no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico.

A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende amosar o seu compromiso co sector que sufriu, de xeito case invisible, os efectos derivados da crise sanitaria. É neceario ter en conta a súa vinculación coa cultura, a investigación e o turismo responsable. De feito, un dos puntos do Plan Estratéxico de Turismo é o fortalecemento da gobernanza mediante a colaboración público-privada, así como a oferta de productos de turismo cultural e científico nos que a arqueoloxía xoga un papel moi importante.

Compartir el artículo

stats