Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ritmos do mundo no lugar máis emblemático de Agolada

Rapaces e rapazas durante unha clase nun dos pendellos.

Rapaces e rapazas durante unha clase nun dos pendellos. Bernabé / Ana Agra

As rúas de Agolada e sobre todo Os Pendellos acollen estes días o Merza Percusión, un dos cursos máis importantes en Europa no seu ámbito. Repartido en pequenos grupos e en dúas modalidades, unha máis amateur e outra avanzada, o alumnado entraba onte por primeira vez en contacto co profesorado das diferentes aulas ás que van asistir as próximas xornadas.

Os alumnos e alumnas do Merza Percusión realizan o primeiro contacto co profesorado durante as primeiras clases. Os Pendellos acollerán estes días as diferentes sesións do curso

Dende a música tradicional, onde se pretende que entren en contacto coa música galega e cos instrumentos que participan dela, ata a música moderna, centrada en compoñer temas coa electrónica e onde tamén ten cabida a improvisación, os estudantes poderán experimentar con diferentes estilos de música e interaccionar con diversos instrumentos.

Participantes cunha das profesoras nunha clase de música electrónica. | //BERNABÉ/ANA AGRA

Cabe destacar a importancia que ten para o curso a implicación da tenda Pustjens Percussion Products do holandés Henny van den Abbeelen, que dende os comezos do Merza Percusión é un dos seus principais patrocinadores.

“Buscamos que vexan un tipo de música que igual non tocan tanto”

Lucas de Centi e Sandra Pérez - Profesores de música moderna

decoration

Lucas de Centi e Sandra Pérez Bernabé / Ana Agra

Nun dos pendellos, os estudantes teñen a ocasión de probar e mercar distintos instrumentos a un prezo reducido, unha oportunidade –a de probalos– que non é posible na meirande parte das tendas. “É unha experiencia moi motivadora para os estudantes na que poden coñecer a grandes profesores nacionais e internacionais”, comentaba tamén o holandés.

“Están moi ben as clases ‘ensemble’, gústame o formato”

Simón Ferreiro - Alumno de Catoira

decoration

Simón Ferreiro Bernabé / Ana Agra

O certo é que moitos alumnos do curso profesional destacaban o gran nivel dos docentes que participan no seminario, especialmente da francesa Adélaïde Férrière, que visita por primeira vez a nosa comunidade e do timbaleiro Marinus Komst.

“É a primeira vez que veño e espero desfrutar da música e da percusión”

Adélaïde Férrière - Profesora e percusionista francesa

decoration

Adélaïde Férrière. Bernabé / Ana Agra

Dentro desta modalidade avanzada, os estudantes terán ocasión de desfrutar de varias masterclass destes profesionais da percusión, xunto con outros docentes como Noè Rodrigo, Irene Rodríguez ou Pablo Paz.

“O alumnado de avanzado goza de clases de cámara e de orquestra”

Irene Rodríguez - Profesora e organizadora

decoration

Irene Rodríguez. Bernabé / Ana Agra

Un dos principais organizadores do seminario e tamén membro de Odaiko, Fran Troncoso, comentaba que é unha alegría que os profesores de hoxe fosen alumnos de hai anos, que desenvolven as súas carreiras profesionais tanto a nivel docente como artístico e agora están aquí dando clase”.

“O nivel dos profesores é impresionante; non podiamos faltar”

Miguel Martínez e Luis M. Rivera - Alumnos de Alicante e León

decoration

Miguel Martínez e Luis M. Rivera. Bernabé / Ana Agra

A comunidade formada polos alumnos e alumnas tamén é moi diversa. Abarcando dende os 10 ata os 45 anos, os estudantes chegan de distintos puntos de Galicia e de España para poder gozar do Merza Percusión e dos concertos que teñen lugar en Agolada estes días. Uns coñecérono por iniciativa dos seus profesores nas escolas de música ou nos conservatorios e a outros chegoulle a través das redes sociais, pero todos eles sinalan a gran oportunidade e experiencia que supón participar nestas xornadas.

“É o terceiro ano que veño e está moi ben, gústame moito”

Aina - Alumna do País Vasco

decoration

Aina. Bernabé / Ana Agra

A intensidade á que quizais se poden ver sometidos estes días reláxase polas tardes, con actividades máis lúdicas e de carácter aberto. Un exemplo son as chamadas “percuolimpiadas”, nas que participan ámbalas dúas modalidades, ou talleres de danza e de percusión africana, así como outros eventos que complementan a formación.

“O esencial é que se relacionen coa música galega”

Alba Rodríguez e Marico Cortizo - Profesores de música tradicional

decoration

Alba Rodríguez e Marico Cortizo Bernabé / Ana Agra

Tras máis de 15 edicións, o Merza Percusión consolídase como unha vivenza moi positiva para os participantes, sobre todo a nivel persoal. A experiencia que todos resaltan é o grupo humano co que se relacionan. “Para eles, o curso supón saír desa burbulla na que están inmersos todo o ano, podendo coñecer a percusionistas de toda España e forxando unha experiencia moi enriquecedora”, comentaba Fran Troncoso.

Compartir el artículo

stats