Plarapluie, de Ramón D. Veiga, e A for da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de poesía para a infancia que promoven conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación Gálix e a empresa Deleite. Os poemarios premiados, que serán publicados pola editorial Embora, comparten unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade, segundo os promotores do evento. O premio Arume retoma un galardón creado hai vinte anos por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas e que constituiu un caso único de poesía para os máis novos. A obra de Ramón D. Veiga é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores. No caso do libro de Manuel López, trátase da súa primeira incursión na literatura infantil. A obra constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes da historia.