Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luchi Iglesias | Artista e artesán

“Os veciños poden modular e facer súa a miña proposta”

“Laxeiro infundiume un sentimento de querer imitalo e de dedicarme a isto”

Luchi Iglesias durante a presentación dos Cabezudos no Museo Ramón Mª Aller. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Inmersos nun contexto de conmemoración de Laxeiro no 25º aniversario do seu falecemento, o artista Luis Javier Iglesias Rodríguez, máis coñecido como Luchi Iglesias, sumouse á homenaxe coa creación dos coñecidos como Cabezudos de Laxeiro, inspirados no seu cadro A familia da Romea.

–Como entrou en contacto coa obra de Laxeiro?

–Primeiro chegoume a influencia da súa personalidade, que era moi potente. Recordo que cando viña a eventos da familia a xente murmuraba “mira, é Laxeiro, está Laxeiro”. Daquelas xa me din conta de que algo pasaba con ese personaxe, que gozaba dunha gran admiración e recoñecemento, e preguntei quén era e qué facía. Contáronme que era debuxante e fixo que, para min, cambiara a perspectiva sobre os pintores e me quixera dedicar a iso. Logo xa foi con 13 ou 14 anos cando comecei a interesarme pola súa obra.

–Entón, dalgún xeito a súa figura levouno a decantarse por esta profesión...

–Si. A min gustábanme moito as cousas plásticas e as artes manuais, debuxaba moi ben. Antigamente na EXB soamente tiñamos unha hora de debuxo, que era impartida por una profesora de matemáticas. Simplemente nos daban unhas láminas e nós limitabámonos a copialas. Non sabía nada de debuxo nin de pintura. Ao ver que eu lle pegaba ben, dicíame: “Iglesias, si le dieras tan bien a las matemáticas como le das al dibujo, otra cosa sería, porque el dibujo no vale para nada”. Cando me din conta de que Laxeiro era debuxante, non fixen caso ao que me dixo esa profesora. Si que me infundiu un sentimento de querer imitalo.

–Como xurdiu a idea de crear os Cabezudos?

–Pois por unha banda porque son admirador de Laxeiro e gústame moito a súa obra. Por outra, pola relación que teño co mundo dos monicreques, dos xigantes, dos cabezudos... Esas dúas combinacións fixeron que ao ver ese cadro, o que eu realmente vise fosen cabezudos. Entón dixen, por que non?

–Por que se decidiu polas figuras do cadro A familia da Romea?

–Pareceume moi axeitado, sobre todo polo tema da escala e polo tipo de retrato, cun carácter cortesán onde había ananos, grandes... Como un retrato de familia moi dantesco e surrealista. Había outros cadros con moita forza e moitas personaxes, pero neste en concreto vía que todos eles podían ser utilizados na súa totalidade, a diferenza de outros. Ademais, é o da familia Romea e Laxeiro incidía moito nese sitio soñador e fantasioso que tiña el sobre esa especie de marquesado.

–No acto de presentación comentaba a dificultade á hora de traballar na escala das figuras...

–Si. A algúns personaxes tiven que abrirlle a boca para que os manipuladores puidesen ver. Outros deles teñen que mirar polo sombreiro, entón tiven que facer outros cabezudos ananos que non fixera nunca. Púxenme a buscar outros cabezudos que me inspiraran e atopei algunhas referencias. Foi un traballo de investigar e investigar.

–No que se refire á vestimenta dos Cabezudos, onde buscou a inspiración?

–É un tipo de vestiario de época, mesmo de corte. Ese marquesado fantasioso da súa mente levouno tamén a ese mundo. Estiven mirando cadros de Rubens, Goya, Velázquez, etc. Referencias de onde puido el extraer ese tipo de traxes. Busquei un pouco por aí para atopar a confección, o cromatismo, a textura... Co cabaleiro inspireime nos cabaleiros clásicos, pero sobre todo no Entroido dos xenerais. Tamén el nalgúns cadros fai referencia a eles. O entroido é un tema moi recorrente na súa obra e creo que por aí tamén vén un pouco a súa inspiración. Pareceume que era axeitado buscar aí, no Entroido dos Cabaleiros do Ulla, de Merza... Tamén houbo en Cristimil antigamente. Témolo moi cerca aquí.

–Hoxe haberá un pasacalle polas rúas de Lalín protagonizado polos Cabezudos de Laxeiro, en que vai consistir?

–Nesta ocasión contamos coa agrupación A Carballeira de Cercio, xa que quería que os portadores soubesen bailar e puideran darlle unha gracia e un toque festeiro e lúdico aos Cabezudos. Que non soamente sexan manipuladores, senón que os fagan bailar. Irá unha agrupación, supoño que con gaita, tamboril e bombo, catro bailadores dentro de cada cabezudo e eu irei movendo o cabaleiro. Faremos algunha parada para algún baile e despois un pasacalles presentándoos. É a primeira toma de contacto dos Cabezudos cos veciños de Lalín, entón hai que incidir bastante en presentalos. As primeiras veces temos que facer bastante fincapé niso, dentro duns anos xa os coñecerá todo o mundo e non precisaremos eses recursos.

–Como se configurou a personalidade de cada figura?

–Os nomes xa lle van dando a súa personalidade. Un deles é un “acaudalado nobre”, que mira moito cara arriba cunha personalidade de altivo, de “eu estou por enriba”. Despois o militar é un destes un pouco decadentes, que foron almirantes ou xenerais que viñeron a menos. Teñen esa nostalxia dun tempo no que todo o mundo lle rendía honra e agora ninguén lle rende nada. Logo o “chapirote” é un taciturno literato, como dicía Laxeiro. Unha persoa á que lle gusta moito a poesía e a filosofía, dedicado á lectura e a pasear polos xardíns. O outro tamén ten unha vinculación coas letras, é académico da lingua nunha nación inventada por Laxeiro.Os ananos son xente máis de letras. Logo está o cabaleiro que é critico de arte e director de museos, que exerce a súa paixón polos cabalos, e que dalgún xeito tamén emerxe nese mundo burgués e nobre.

Aínda así, todo isto tamén se irá perfilando. A xente vai dando claves, non solo é o que ti propós. Eu podo propoñer algo aos veciños de Lalín, pero os veciños de Lalín pódena cambiar, modular e facer súa. Fixen unha proposta e agora a ver que acontece.

Compartir el artículo

stats