A literatura galega está de celebración. O Premio Manuel García Barros suma un novo nome á súa ampla nómina de galardoados. O escritor e político Alberto Lema Suárez conseguiu coroarse no certame de novela que concede o Concello da Estrada cunha obra que leva por título Pazo de Inverno. Tal e como trasladou onte o xurado, que se reuniu para dar a coñecer o nome do autor premiado, trátase dunha novela de ficción que aborda as luces e as sombras do poder político, empresarial e xornalístico da cidade de Faro, que podería ser un reflexo da Coruña.

“É unha novela coral que retrata unha sociedade e un período concreto da historia de Galicia que, ademais, é moi recente”, salientou Carlos Lema como un dos integrantes do xurado. Dentro dos personaxes que conforman a trama, que pertencen na súa inmensa maioría ao mundo da política e contan “cun atractivo especial”, o xurado do certame quixo salientar o xornalista Miranda e a alcaldesa da cidade de Faro, Elena.

“Son personaxes moi poderosos e moi ben caracterizados. Os diálogos son moi atractivos. É unha narrativa poderosa na que se mesturan outros xéneros”, engadiu outro dos membros do xurado, Armando Requeixo. O crítico literario tamén fixo fincapé na “elaborada escrita” de Alberto Lema, que logrou conquistar o García Barros. “O poder, as maquinacións e os contraluces. Eses son os grandes temas desta novela”, resumiu Requeixo.

"Lectura amena"

Unhas palabras ás que se sumaron os compañeiros do xurado, que tamén salientaron unha obra “de lectura amena e aberta”. “O lector é libre de interpretar o que se está a dicir. Non te condiciona”, apuntaron. “Engancha, tira de ti. Sobre todo porque o conta dende dentro”, incluíu Anxos Sumai.

Dende logo, e tal como se desprende das palabras do xurado, o escritor Alberto Lema conseguiu que Pazo de Inverno seducira un galardón consolidado como é o García Barros, que este ano cumpre a súa XXXIII edición. De feito, no acto de presentación celebrado onte, o xurado quixo facer especial alusión ao “récord de participación”. Este ano presentáronse 41 traballos literarios, cando a media do certame se sitúa na vintena. “Isto demostra o prestixio do premio e a posta en marcha da narrativa galega”, sinalaron dende o xurado. Os membros tamén quixeron desvincular esta explosión de obras presentadas coa pandemia. “Non ten nada que ver. Nos últimos anos hai unha expansión da literatura galega considerable. Son públicos maioritarios que se achegan á literatura con absoluta normalidade”, indicaron dende o xurado, tratando de atopar as causas do aumento no número de obras presentadas respecto a anteriores edicións.

Un autor con traxectoria

Alberto Lema, que recibirá o galardón o vindeiro mes de decembro nun acto que se celebrará no Teatro Principal da Estrada, non é un nome novidoso na industria literaria galega. Segundo sinalaron os membros do xurado, trátase “dun autor con traxectoria”. “É un poeta e narrador con obra publicada nas mellores casas editoras”, apuntaron os membros. Pero non só iso, senón que moitos dos seus libros foron traducidos a outros idiomas.

Pazo de Inverno, “probablemente un dos seus mellores textos”, súmase á lista de obras que se esconden detrás da man de Alberto Lema. O escritor, que tamén compaxina o seu traballo literario co labor político, publicou varios poemarios, como Plan de fuga e Crónica do chan. No que repecta a novelas, Lema ten dende hai anos varios títulos no mercado: Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar. Algunhas destas obras tamén foron premiadas, demostrando que o nome de Alberto Lema tamén quedará escrito nas páxinas da literatura galega.