O PSOE da Estrada considera que usar os fondos ReacPon da Deputación de Pontevedra para financiar as novas pistas de atletismo é “pouco acertado”. Segundo expresou onte o portavoz estradense, Luis López Bueno, “non ten sentido”. “Son cartos que se poden destinar practicamente a calquera investimento”, engadiu o socialista. Tamén indicou que hai outras actuacións “moito máis urxentes e importantes”, como as resdes de saneamento do rural ou a traída das parroquias.
Porén, López Bueno cree que é importante que o municipio conte cunhas instalacións coma estas, que acollan a deportistas e actividades que nestes momentos non contan cun espazo axeitado. Aínda así, considerou que os ReacPon son fondos “versátiles” e non axeitados para destinar a esta obra. “A Xunta debería ter moito máis protagonismo no financiamento xa que a AGASP será beneficiaria directa das instalacións”, asegurou o socialista.
O voceiro tamén considerou “precipitado” o anuncio do alcalde da Estrada, José López Campos. “Aínda hai que aprobar o proxecto e ten que pasar a fase de valoración na Deputación xa que os fondos do ReacPon distribúense por concorrencia competitiva entre os proxectos que presenten os concellos da provincia”, concluíu López Bueno.