Pasados uns minutos das 21.30 horas, daba comezo no palco instalado para a ocasión -con rotulación dianteira que levaba o nome do grupo en letras grandeiras de metracrilato- no campo da festa de Cercio (explanada diante do local social) a XXIII Mostra de Baile Tradicional A Carballeira co título Xa dunha vez saímos... (en alusión á gripe do 1918). Acudiu numeroso público, tanto da parroquia coma doutras do entorno, amais da presencia trasdezá de Manuel Núñez, Noni Araújo e membros do grupo Xirandola; ou o tenente de alcalde de Vila de Cruces, Julio López. Por parte do Concello de Lalín asistiron o alcalde, José Crespo; a tenente de alcalde, Paz Pérez; e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, ambas as dúas oriúndas de Cercio.

 O acto, presentado e conducido por Javier Blanco Carballal, membro de A Carballeira, deu comezo coa interpretación por parte deste grupo de baile tradicional con dúas pezas. De seguido tivo lugar a entrega dos XVI Premios A Carballeira á defensa da cultura tradicional. As tres galardoadas foron chamadas a subir ao escenario, colleron elas mesmas a súa Folla de Carballo (dando cumprimento ás medidas anti-COVID) e dirixiron unhas palabras aos presentes.

O público, sentado, gardou as distancias de seguridade. Cedida

Cristina Collazo, premio no ámbito de Deza, agradeceu enormemente o galardón e tivo recordos para a súa familia e a súa nena (acaba de ser nai). Recibiu o galardón outorgado pola súa colaboración continua con numerosas asociacións culturais da comarca, combinando a miúdo o seu traballo de actriz con outras manifestacións culturais como a música das nosas bandas. Tamén destaca a súa faceta como profesora de grupos afeccionados de teatro e as súas representacións propias, sempre empregando a lingua galega.

Cristina Collazo, na súa intervención, con Javier Blanco Carballal detrás. Cedida

Charo Golmar, premio no ámbito de Lalín, pronunciou unhas emocionadas verbas cheas de cariño para A Carballeira e para Cercio, onde foi mestra durante tres intensos e inesquecibles anos. Visiblemente emocionada pero moi contenta, Golmar indicou que “Cercio e as persoas que aquí vivides quedastes para sempre ancoradas no meu corazón desde a miña xuventude”, dicindo que tratou con Varela Buxán e que “con el comecei a querervos”. De Carnota veu para Cercio como mestra “e aquí formei unha familia grande”. “Dese tempo vivido ao voso carón teño recordos inesquecibles, por iso volvín sempre que me foi posible e a vida despois foi crecendo no cruce de camiños lazos de unión que xunguiron espazos ...”, en alusión a que coñece a moitos dos integrantes do grupo desde pequeniños “uns sodes de Cercio, de Cangas, de Bermés, de Galegos, do Cello, outros viñestes da miña parroquia, Santiso, outros chegastes desde A Bandeira, O Souto, Doade e os seus arredores”. “Hoxe non podo soñar mellor paraíso que esta Carballeira e non vos podo estar máis agradecida porque non hai premio mellor que unha folla de carballo, compartindo vivencias...”, salientou.

Destacou tamén que a parroquia deu persoeiros ilustres como o trobador Nuno Eanes de Cerceo que no século XIII procedía dunha linaxe desta localidade, Varela Buxán que atopou aquí o seu lar definitivo ou Rocío García Eiras, “icona do deporte mundial”. Tamén citou ás representantes municipais Paz Pérez e Begoña Blanco. Louvou o traballo realizado pola asociación tamén na organización das carrozas da Feira do Cocido. “Sodes un exemplo a seguir polo denonado esforzo en perpetuar valores xenuínos que definen a nosa identidade, o noso particular xeito de vivir, sentir e facer as cousas”, subliñou. “Sodes unha comunidade modelo, que se fai oír e que leva o nome de Lalín e de Galicia pola Península Ibérica e que insufla nos máis novos o orgullo de pertencer a un lugar marabilloso”, fixo fincapé. Rematou facendo extensivo “este premio aos docentes que desde distintos ámbitos como o voso contribúen a poñer en valor a nosa cultura e os nosos referentes; vós tamén sodes mestres”.

Charo Golmar e Blanco Carballal. Cedida

O xurado destacou, no caso de Charo Golmar, o seu traballo en pro da literatura galega e a súa loita pola lingua galega, tanto como escritora como tamén poñendo en valor o seu traballo feito na difusión da cultura galega na súa etapa de mestra. Así mesmo tamén se incide na súa participación en diferentes entidades culturais como A Solaina de Piloño ou a Fundación Neira Vilas.

Concepción Castro 'Chiruca', veciña da parroquia, recibiu a distinción de socia de honra, dedicando breves pero sentidas palabras a que este festival continúe por moitos anos. O xurado decidiu entregarlle a distinción pola súa incansable colaboración co grupo, levando moitos anos traballando con el para calquera cuestión que lle é requirida e sendo fundamental para organizar a loxística das mostras de baile.

Chiruca Castro recolleu a distinción de socia de honra. Cedida

De seguido, Blanco Carballal chamou á representación municipal a dirixir unhas palabras. Foi a concelleira de Cultura, por indicación do alcalde, quen as pronunciou. Begoña Blanco Blanco remarcou que “é un privilexio que A Carballeira permanecera durante todo este tempo -o grupo de baile creouse en 1996 e a asociación conta con algo máis de 40 anos- máis unida que nunca e que esta situación de pandemia, que podería perfectamente desfacer un grupo, pero que neste caso seguen máis xunguidos que nunca”. “Cercio é unha parroquia onde a cultura sempre prevaleceu e a unión tamén entre os veciños e polo grupo, que é unha gran familia, que move non só os grupos da casa senón que tamén move a todos os veciños que colaboran sempre con eles”, sinalou. Amosou os parabéns ás premiadas.

A continuación, Blanco Carballal chamou ao alcalde e a tenente de alcalde a subir ao escenario para facer, xunto a concelleira de Cultura, a foto de familia coas premiadas e lanzou un reto a Collazo de pronunciar un “Viva”, ao ser a actriz nativa das terras da tradición dos Xenerais, que superou sen menor dificultade.

Membros da Carballeira, logo dunha actuación. Cedida

No festival bailáronse distintas pezas por grupo de idades (desde os máis pequeniños con 3 anos aos adultos -o de maior idade ten 71 anos-), aderezado con anécdotas contadas polo mestre da cerimonia sobre a gripe española, temática elixida este ano no festival, logo do parón do pasado pola pandemia. Rematou algo máis alá das 23 horas aínda que o campo da festa de Cercio foi testemuña de moitas conversas de amizade entre os presentes que chegaron á medianoite.

 Presentación da Premier de mediometraxe “A miña Xoia”

O día 30 de xullo de 2021 as 21.30 horas no Pazo de Liñares A Carballeira de Cercio celebra a premier da súa mediometraxe titulada A miña Xoia. Inicialmente esta presentación farase limitada as invitacións realizadas dende a agrupación co gallo de manter as condicións de aforo tendo en conta a situación sanitaria. Posteriormente, buscarase a formula de difundila entre o resto da xente de Lalín e a contorna.

Esta mediometraxe foi producida e dirixida por dúas compoñentes do grupo, Nerea Fiuza e Adela Otero, que son profesionais da comunicación audiovisual e que, dun xeito desinteresado, mergullaron aos membros da agrupación nun proxecto gravado en pandemia como formula de manter a chama do folclore prendida entre os membros do grupo. Conta a historia no tempo dun aderezo (xoia) que pasa de mans de nais a fillas, está mesturada con bailes, cantares e música do grupo e foi gravada en diferentes localizacións do concello, como a Capela e Carballeira da Pascuilla en Lamas, a igrexa de Bermés, o museo Casa de Patrón ou o Pazo de Liñares, entre outros. A banda sonoraé de Benxa Otero. Segundo Nerea Fiuza, “pretende a través da súa historia poñer en valor o papel da muller na historia e na cultura tradicional en Galicia”.