A Carballeira de Cercio recupera a súa XXIII Mostra de Baile e os XVI Premios “A Carballeira”. Despois dun ano de parón que impediu á formación desenvolver as súas actividades habituais, a mostra de baile volverá a celebrarse o próximo sábado ás 21:30 horas no campo da feira de Cercio. Esta 23ª edición, que foi denominada “Xa dunha vez saímos”, aínda estará limitada polas restriccións actuais, posto que non será posible a participación dun grupo de fóra e non haberá cambios de vestiario. Cabe mencionar que a escolla do título está enteiramente relacionada coa temática da actuación, que se vai centrar en contar que tempo atrás tamén se viviu unha situación similar con máscaras e distanciamento social. A través de novos bailes, da música das gaitas, das pandeiretas e da percusión tratarase de mostrar unha comparación entre as dúas pandemias, cun punto de vista optimista sobre a saída desta crise sanitaria.

Así mesmo, tamén se fará entrega dos XVI Premios “A Carballeira” a Cristina Collazo no ámbito da Comarca do Deza e a Charo Golmar no do Concello de Lalín. As premiadas foron elixidas mediante unha votación que abrangue a todos os membros da agrupación maiores de 16 anos. No primeiro caso, o xurado escolleu a Cristina Collazo dada a súa colaboración con numerosas asociacións culturais da Comarca, combinando o seu traballo de actriz con outras manifestacións culturais relacionadas con bandas de música, grupos de baile, etc. Ademais, tamén se recoñece a súa labor como mestra de grupos afeccionados de teatro e as súas representacións propias, guionizadando e protagonizando a maior parte delas e empregando a lingua galega como canalizadora das mesmas. “O seu traballo por poñer en valor a cultura tradicional e a cultura do reino rural é impresionante”, afirmaba Javier Blanco, membro do grupo A Carballeira.

Pola súa parte, a agasallada no Concello de Lalín será Charo Golmar, escritora que vén de publicar a súa última obra Nobelo de luz e que destaca polo seu compromiso coa literatura e a lingua galega. O xurado tamén recoñeceu a súa traxectoria como mestra, na que fixo unha ampla difusión da cultura galega entre os nenos e nenas. O seu traballo tamén se espalla cara diversas entidades comarcais do ámbito cultural, como a Solaina de Piloño ou a Fundación Neira Vilas e o seu vencellamento co grupo tamén é importante, sendo mestra ata dalgúns dos integrantes do grupo tempo atrás. Dados os recoñecementos que está recibindo no último ano, Javier Blanco sinalaba que “seguramente no último ano se lle está recoñecendo todo o que se lle tiña que haber recoñecido anos atrás, pero estas cousas a veces chegan todas xuntas”.

Xunto a estes galardóns, a xunta directiva de A Carballeira decidiu facer socia de honra a Concepción Castro, máis coñecida como Chiruca. Deste xeito, o grupo recoñécelle a esta integrante o seu compromiso e a súa dispoñibilidade á hora de axudar no necesario, sempre de boa maneira e cun soriso na boca. Por outro lado, tamén existe a vontade de convocar un premio especial á defensa da cultura tradicional en pandemia unha vez remate a actual crise sanitaria.

Unha mediometraxe centrada nas mulleres

Á par da mostra de baile e os premios, a agrupación de Cercio tamén deu a coñecer a mediometraxe Miña xoia, protagonizada polos propios integrantes do grupo e dirixida tamén por dúas compoñentes do mesmo, Adela Otero e Nerea Fiuza. O fío condutor do filme céntrase nunha xoia que pasa de nais a fillas de xeración en xeración, unha historia que é acompañada con bailes, cantares e música da formación e que foi gravada en diferentes localizacións do concello lalinense: a Capela e a Carballeira da Pascuilla en Lamas, a igrexa de Bermés, o museo Casa do Patrón ou o Pazo de Liñares. Deste xeito, as directoras pretenden destacar a presenza a muller na cultura e facela protagonista, posto que no mundo da música tradicional a súa figura é moito máis importante do que se adoita mostrar habitualmente. A estrea da peza celebrarase o día 30 de xullo ás 21.30 horas no Pazo de Liñares. A presentación estará limitada ás invitacións realizadas dende a agrupación co fin de manter as condicións de aforo, aínda que posteriormente se buscará a maneira de difundir o filme ao resto de cidadanía de Lalín e a contorna.