Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Efrén lorenzo pérez | Violonchelista

“A min a música deumo todo, grazas a ela convertinme noutra persoa”

O xoven músico lalinense participará no Encontro da Orquestra Sinfónica Segle XXI

Efrén Lorenzo, tocando o violonchelo na súa casa.

Con tan só 16 anos, Efrén Lorenzo Pérez é unha das promesas a nivel galego no mundo dos violonchelistas. Rematou este ano o conservatorio en Lalín cunha matrícula de honra e forma parte da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Os próximos días asistirá en Cataluña ao XXXII Encontro da Orquestra Sinfónica Segle XXI.

–Cando e como recibiu a nova de que o seleccionaran para o encontro?

–Dende hai un ano e medio, empecei a tocar na Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e dende aí informáronme deste encontro. A verdade é que non me esperaba ser seleccionado, porque cubrín a inscrición un pouco tarde, pero á saída dun concerto coa Sinfónica de Pontevedra chamáronme para confirmar a miña asistencia. De feito, xa intentaran contactar conmigo, pero levaba toda a semana recibindo chamadas de propaganda e ao ver o móvil descoñecido non collín. Cando finalmente respostei á chamda dinme conta de que eran eles polo acento catalán.

–En que van consistir as xornadas que pase alí?

–En principio imos estar en Sabadell do 8 ao 16 de xullo, ensaiando tanto de maneira conxunta como por seccións e por cordas coa Orquesta Sinfónica Segle XXI. Ademais, os últimos tres días haberá tres concertos, sendo o derradeiro deles no Palau da Música de Barcelona.

–Como se sinte estes días previos á viaxe?

–A verdade é que estou un pouco nervioso porque vou un pelín xusto. A semana pasada estiven nun campamento de ciencia en Lugo e non puiden tocar, pero tan pronto viñen xa imprimín as partituras e púxenme a ensaiar coma un tolo. Tamén é unha experiencia nova e tocar no Palau ponme un pouco a pel de galiña, pero faime moita ilusión a verdade.

–Que agarda desta experiencia?

–Espero coñecer xente, abrir un pouco os contactos e seguir buscando orquestras. Logo en setembro teño pensado presentarme a unhas probas para acceder á Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.

–Rematou este ano o conservatorio con matrícula de honra...

–Si. Ao acabar no conservatorio danche as notas medias de toda a túa etapa, incluíndo a escola, o grao elemental e o grao profesional, e ao pasar do 9 –a miña foi de 9,22– obtés a matrícula de honra. A raíz disto, danche a oportunidade de presentarte aos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, Danza, Artes Plásticas e Deseño, pero aínda non teño moi claro se me vou presentar, xa que non sabía que ía ir ao encontro e vou ter menos tempo para preparalo.

–Da súa traxectoria no conservatorio de Lalín, destacaría en especial a algunha persoa?

–Si, a Tatiana Cuccerenco. Comecei traballando con ela dende os 4 anos e no conservatorio sempre dicimos que é como unha segunda avoa para nós. Hoxe [por onte] hai un concerto de homenaxe e de despedida para ela, xa que se xubila e volve para Moldavia.

–É doado compaxinar a música cos estudos?

–Eu empecei con 4 anos e aínda que antes o traballo que me esixía tanto o colexio como o conservatorio era menor, si que me tiña que organizar. Ao principio son sobre tres días, pero ao final acábase convertindo toda a semana, incluso algún sábado ou domingo. Ademais, fóra desas clases obrigatorias que tes, na casa tamén lle dedicas un tempo importante. Pero aínda que sexan moitas horas tanto de instituto como de conservatorio, eu sempre digo que a min a música deumo todo, porque coñecín moitos amigos, e quizais sen ela non me tería organizado igual de ben.

–Nun futuro, ten pensado estudar algún grado relacionado coa música?

–Sería unha das miñas grandes opcións, pero bótame algo para atrás porque tería que marchar para fóra e non é algo que me entusiasme, pero se hai que facelo faise. En Galicia existen algunhas posibilidades, pero a min gustaríame estudar no Reina Sofía, en Madrid; no Musikene, en San Sebastián; ou en Zaragoza, non tanto polo nivel que poidan ter, senón polos profesores que imparten clase alí.

–Plantexouse algunha vez deixar a música a un lado?

–Non. Empecei porque miña irmá ía e eu tamén quería ir, de pequeno era como unha actividade máis. Co paso do tempo empecei a notar que o necesitaba, de feito cando estaba enfadado ou de mal humor poñíame a tocar porque me apetecía e me relaxaba. Convertinme noutra persoa. Hoxe en día sígoo facendo, si que teño que estudar porque cada vez esíxenme máis, pero fágoo porque me gusta. Eu creo que ningún músico sería capaz de aguantar tanto tempo por obriga e non por gusto, por que é unha actividade para a que precisas moito sacrificio.

Compartir el artículo

stats