Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxío Grande Sierra | Xosé Manuel López Fernández

Relevo histórico á fronte do IES Laxeiro

Uxío Grande e Xosé Manuel López, onte, na entrada do instituto lalinense. BERNABÉ/JAVIER LALÍN

O IES Laxeiro de Lalín vive uns días especiais cun relevo importante na súa dirección. Despois de 22 anos, dos cales exerceu 16 como director, Uxío Grande despídese do instituto no que investiu todo o seu esforzo e dedicación.

O centro pasou de limitarse simplemente á Formación Profesional a contar cunha ampla oferta académica que segue aumentando. Ante a xubilación do eterno e moi aprezado director, onte tomaba o relevo Xosé Manuel López, profesor de inglés que xa formaba parte do equipo anterior e que sitúa a atención á diversidade como o principal obxectivo do centro.

“Voume coa tranquilidade de que todo saíse ben”

Uxío Grande Sierra - Director durante 16 anos do IES Laxeiro

decoration

O director do IES Laxeiro ata hai uns días abandona o seu posto e deixa atrás máis de dúas décadas de vinculación a un centro ao que xa permanecerá ligado para sempre. O pasado mércores, día 30 de xuño, Uxío Grande non só daba por rematado un curso escolar, senón que tamén iniciaba unha ben merecida xubilación.

–Algunhas persoas en Lalín comentaban que lle ía resultar difícil deixar o centro...

–Non é que me custe deixar o posto, pero si que vou ter morriña del. Foron moitos anos de traballo nos que non saía de aquí, sobre todo co tema das obras. A miña presenza no instituto era continua. Non teño pena de marchar, senón un sentimento de paz. Sinto que é un momento importante na miña vida, pero voume coa tranquilidade de que todo saíse ben. Podería continuar porque me atopo moi ben, pero hai que saber marchar a tempo.

–Como foi evolucionando o Laxeiro durante todos estes anos?

–Penso que se foi desenvolvendo á par que Lalín. Cando viñen para aquí eramos 34 profesores e o centro contaba soamente coa Formación Profesional. Hoxe hai 90 profesores e conseguimos contar co Bacharelato e ampliar a oferta en ciclos e FP. Isto vén a dicir que hai máis ensino e que os mozos de aquí teñen á súa dispoñibilidade moitas máis opcións.

"O éxito para min son as amizades que deixo o bo ambiente e que os alumnos me queiran"

decoration

–Cales considera os peores e mellores momentos da súa traxectoria?

Dentro dos malos momentos o falecemento de Luis Gustavo [Rodríguez Taboada], que era un irmán para min. Tamén foi complexo este ano a causa do coronavirus. Dentro do que cabe foi un éxito, posto que non tivemos moitos contaxios, pero foi un ano atípico. Tivemos que aprazar intercambios, erasmus, viaxes... É a espiña que me queda cravada. En canto aos mellores momentos, teño claro que están relacionados cos alumnos, cos compañeiros e coas actividades que se fixeron. O meu maior premio é que os alumnos me queiran e que estivesen contentos aquí. O bonito é o recordo que teño neste centro, as amizades que deixo e o seu bo ambiente. Iso é o éxito para min.

–Como valora a súa relación co profesorado e o alumnado?

–Os profesores teñen que cumprir coa súa obriga; uns vincúlanse máis co centro e outros menos, pero o que se lles pide é que sexan responsables. En xeral non teño ningunha queixa. Agora ben, o alumnado é fundamental para min. Sempre intentei achegarme a aos alumnos e tratar de axudarlles nos seus inconvines. O estudantado foi o que me deu as forzas para seguir. A miña filosofía baseábase en mellorar o centro sempre para o beneficio dos alumnos.

–Agora que coñecemos que o novo director é Xosé Manuel López, como ve a súa incorporación como máximo responsable do instituto?

–Para min é unha sucesión moi correcta. Considero a Xosé Manuel non soamente un compañeiro, senón tamén un amigo. Estivo comigo no equipo e foi director anos atrás, polo que xa ten experiencia. Agora quédalle tirar cara adiante. Sei que conta con todas as capacidades e soamente lle pedín que mantivera ese bo ambiente que hai no centro, posto que sen a axuda dos pais e do profesorado non se consegue nada. Penso que sabe como facelo e estou convencido de que todo vai saír ben.

“O centro non se parece en nada ao dos seus inicios”

Xosé Manuel López Fernández - Novo director do IES Laxeiro

decoration

Xosé Manuel López trasladaba onte libros e documentación ao seu novo despacho coa axuda do seu predecesor. O profesor de inglés, veterano tamén no centro, estreaba o cargo de director coa entrada do novo mes.

–Despois dun longo período con Uxío na dirección do instituto, como valora a súa traxectoria?

–É moi difícil valorar o que fixo en toda a súa dimensión. Fixo moitas cousas, estivo moito tempo no centro e creo que o Laxeiro é o que é grazas ao seu traballo. Palabras como inconmensurable poderían definir a súa traxectoria perfectamente. É como unha especie de xigante que nos vai dar sombra e nós, para empezar, temos que seguir o seu camiño.

–Tiña clara a idea de presentarse como novo director ou foi un proceso máis complexo?

–Nestas cuestións nunca se sabe. Eu levo no equipo directivo con Uxío sete anos, pero tamén tiña outros proxectos en mente, outras alternativas. Por exemplo, estaba estudando a oposición para inspector. Outra posibilidade era seguir con Luis Gustavo, que estaba tamén no equipo, pero non puido ser. Isto é como un proceso, non sei se natural. As cousas van caendo polo seu propio peso. Tampouco é que fose unha intención dende hai moito tempo, pero estou encantado de ter decidido optar pola praza e que saíse ben. Realmente estou no meu pobo e seguir traballando aquí é un pracer.

–Como se sinte ante a nova etapa que se lle presenta?

–Seguir os pasos de Uxío non vai ser doado, porque a súa capacidade de traballo é enorme. Hai temas que eu non levaba e vou ter que poñerme ao día, pero traballo, ilusión e dedicación non van faltar. Nervios si hai, pero é normal. Esparemos ir completando o traballo pouco a pouco.

"A docencia ten que seguir sendo a referencia; sen ela, o resto do traballo pode perder sentido"

decoration

–Vai continuar impartindo clase?

–Si. Os cargos directivos teñen unha redución nese sentido, pero si que quero seguir dando clase. Penso que os directores non poden perder ese contacto coa docencia, xa que é ao que vimos aquí. Hai moitas labores de xestión que teñen que complementar o que é dar clase, pero ten que seguir sendo a referencia. Esa ancoraxe e vinculación hai que seguila mantendo. Ten que ser unha proporción axeitada para poder realizar ambas tarefas axeitadamente e está pendente de ser fixado na prepración do curso que vén.

–Despois da remodelación levada a cabo no centro, cales son os próximos obxectivos a desenvolver?

–Un dos principais obxectivos é manter a oferta educativa, especialmente en Formación Profesional, que é variable en función do alumnado. Neste sentido, temos novas ensinanzas este ano, ámbalas dúas de FP: un ciclo superior de acondicionamento físico, que poderá impartirse no Lalín Arena grazas á sinatura dun convenio e unha FP dual, tamén de ciclo superior, con cinco empresas da comarca.

A nivel xeral, como centro de ensino público que somos, temos que atender a todo o alumnado que entra pola porta. Agora que todo o mundo está escolarizado faise necesario atender á diversidade. Os retos do ensino hoxe en día baséanse nisto, en que todas as persoas teñan as súas necesidades específicas atendidas. Ofrecer un ensino equitativo e inclusivo, no sentido de ter en conta a diversidade, é o noso principal desafío.

 

Compartir el artículo

stats