Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gaiteiros na Porta do Alén

Os gaiteiros tocaron no enterro de Maruja Troitiño. Bernabé/Ana Agra

“Cando morra quero que vaian os gaiteiros. Facede unha festa e non choredes por min”. Maruja Troitiño era unha desas mulleres de forza sobrehumana e sonriso indeleble. Malia á súa longa enfermidade, era unha persoa “moi alegre e moi familiar” que soubo afrontar a vida cun sorriso. Así a recordan os seus fillos, que quixeron cumprir o desexo expreso de súa nai e levaron gaiteiros ao enterro. A curiosidade, ou a sincronía, fixo que Maruja non se fora soa, senón acompañada da súa cuñada Silvia Pérez. Vivían xuntas e morreron o mesmo día. E as dúas foron despedidas con profundo agarimo e amor en Parada, a parroquia de Silleda na que vivían.

“Incluso ingresaron no hospital o mesmo día”, explica Berta Troitiño, filla de Maruja. Segundo continúa relatando, o seu tío e a súa muller Silvia vivían en Venezuela e regresaron a Galicia hai tres anos. Debido ás súas dificultades económicas, Maruja acolleunos na súa casa. “Durante o confinamento non se sentiron sós porque se tiñan os uns aos outros”, di a súa filla.

Maruja Troitiño co seu home, falecido no 2018. Cedida

Berta, nun acto de xenerosidade, relata a vida de súa nai e lémbrase dela con palabras cheas de amor. “Tivo unha vida dura, traballou toda a súa vida no campo, pero sempre estaba contenta”, explica. Ao mesmo tempo, recorda a súa infancia e asegura que tanto ela como os seus irmáns foron felices, pese a algúns episodios que tinguiron a vida de Maruja de tristeza. “Eramos catro, pero un morreu con só sete anos”, lembra Berta, quen engade que seu pai, Celso, tamén morreu hai tres anos. Porén, esta muller de sorriso perenne foi quen de gozar dos seus catro netos e mesmo de tres bisnetos.

Profundo agradecemento

Berta, os seus irmáns e o resto da familia quixeron darlle as grazas á xente que os acompañou no velatorio e no funeral. “Sentímonos moi arroupados por todos e por iso queremos agradecerlles que nos deran tanto agarimo”, di Berta, ao tempo que segue recordando, con palabras cargadas de sentimento, a súa nai. Unha muller que, sendo natural de Vilatuxe, en Lalín, mudou a Parada, de nova, antes de que seu pai emigrara cara a Venezuela.

As despedidas, sexan como sexan, enchen de tristura. Implican dicir adeus ás persoas máis queridas. Porén, Maruja, antes de marchar, deu toda unha lección de vida. “Non choredes por min. Facede unha festa”, volve dicir Berta. Dúas frases nas que se resume a filosofía dunha muller forte, loitadora e optimista. Capaz de ver máis alá e asumir con valentía a vida e a morte. Por iso, Maruja non quixo marchar de calquera maneira, senón ao son das gaitas. Da música máis senlleira e profunda da terra. A mesma que tocaron os seus amigos e coñecidos, que despediron con honores e lembranzas a unha muller que os seguirá enchendo de vida.

Compartir el artículo

stats