Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

DOUS MODELOS ARQUEOLÓXICOS CONTRAPOSTOS (E II)

Castro de Toiriz, “co ben que estaba...”

As actuacións executadas son totalmente inadecuadas e inútiles e crean un problema de futuro ao obstaculizar a roza da herba e disparar o coste dunha futura escavación | Só facía falta que o mantiveran limpo e que repuxeran os paneis

Bancos de aceiro corten instalados sobre o Castro de Toiriz, rodeados de mato e carballizos aos dous meses da inauguración.

Bancos de aceiro corten instalados sobre o Castro de Toiriz, rodeados de mato e carballizos aos dous meses da inauguración.

O 15 de abril o alcalde de Silleda e a presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañados doutras persoas, entre elas o arqueólogo Rafael Rodríguez, inauguraban as obras do castro de Toiriz, enmarcadas no proxecto do Ministerio de Fomento e do órgano provincial, que denominaron Trazas de Pontevedra. Nas semanas previas moita xente e colectivos sociais e culturais manifestáranse nas redes sociais e nos medios de comunicación en contra destas actuacións, e máis de 3.000 persoas asinaran un manifesto para suspender as obras; pero as administracións non atenderon á petición.

Nun artigo anterior falabamos do modelo de conservación e restauración dos xacementos arqueolóxicos ingleses e irlandeses, que apostan pola mínima intervención sobre eses bens culturais, mentres que as obras de construción que sexan precisas (aparcadoiros, edificacións) trasládanse a bastante distancia dos xacementos. Nestes últimos non hai lugar para os arquitectos, agás para as obras de construción propiamente ditas (edificacións para centros de interpretación, aparcadoiros e pavimentos); pero non para o deseño museolóxico, posta en valor e concepción do xacemento. No caso de Trazas de Pontevedra hai un erro de partida: que é meter aos arquitectos a executar as obras que eles consideren axeitadas para o xacemento, sen ter a formación adecuada sobre o patrimonio arqueolóxico. O erro non é dos arquitectos, senón de quen acorda, planifica e celebra un concurso de proxectos para valorar as ocorrencias creativas dos arquitectos. Que se xestione a través da Subdirección Xeral de Arquitectura do Ministerio de Fomento (agora Transporte), e non do de Cultura, xa di moito.

Bancos de aceiro corten instalados sobre o Castro de Toiriz, rodeados de mato e carballizos aos dous meses da inauguración.

Facía máis de trinta anos que as administracións públicas (Estado e Xunta) non poñían un proxecto de restauración e de musealización dun xacemento arqueolóxico en mans dun arquitecto. Estes non teñen porque posuír a formación adecuada en patrimonio cultural, en xeral, e no arqueolóxico, en particular. Coñezo a moi poucos arquitectos que saiban deste tema, e os que están formados para iso non necesariamente son tamén arquitectos creativos e modernos, que é o que valora un xurado constituído esencialmente por arquitectos non especializados na materia.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data 15/05/2019 autorizou o proxecto titulado Obras de restauración y musealización de los yacimientos galaico-romanos de Pontevedra. Trazas de Pontevedra, fase I, asinado por un arquitecto, no que se inclúe o castro de Toiriz, xunto a outros dous; é dicir un proxecto que debería estar redactado por un arqueólogo, conforme ao que dispón o artigo 95, f) da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, posto que ese artigo engloba entre as actividades arqueolóxicas “os labores de protección, acondicionamento, conservación, consolidación e restauración arqueolóxica, entendidas como as intervencións en xacementos... que permitan o seu desfrute e acceso público e faciliten a súa comprensión e uso social”. Esta cuestión xa foi recorrida en vía administrativa por un particular, arqueólogo; pero foille rexeitado o recurso polo conselleiro de Cultura (veciño de Deza), e agora só queda a vía do contencioso-administrativo, que sería cuestión de explorar por subscrición popular.

Panel difícil de ler polo reflexo do aceiro e o tamaño da letra.

Coido que Patrimonio tampouco requiriu experiencia na materia ao arquitecto redactor do proxecto, nin ningún dos demais requisitos dos proxectos de actuación nun ben cultural, de acordo co artigo 43 da propia Lei 5/2016, redactada e aprobada polo mesmo partido que goberna na Xunta.

Por que se titula entón de restauración e de musealización? Pero que cousas restauraron? Non as vexo

decoration

Na miña opinión, Patrimonio meteu a pata, aínda que non o queiran recoñecer publicamente a directora xeral de Patrimonio Cultural e o subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, responsables da resolución e do informe, respectivamente; porque, se non é un proxecto arqueolóxico, que é? Un proxecto de obra de amoblamento dun xacemento arqueolóxico? Por que se titula entón de restauración e de musealización? Pero que cousas restauraron? Non as vexo. E que musealizaron? Unicamente colocaron catro ou cinco paneis cun texto, do que logo falaremos. É esa a musealización? Pero se se tratase dun proxecto de obra tería outra tramitación, e non creo que fose autorizado.

Columna do tempo confusa ou errónea.

Columna do tempo confusa ou errónea.

Realmente o que debeu haber –coñecendo o funcionamento da Administración– é presións, tanto da Deputación, como do Ministerio de Transporte, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do estilo de “se non o aprobades, pérdese o diñeiro”. A resposta seria e coherente da consellería debera ser: pois que se perda, e se gaste noutras cuestións máis rendibles e relevantes, porque isto é tirar co diñeiro de todos.

As actuacións executadas polo Ministerio de Transporte son, na miña opinión, totalmente inadecuadas e inútiles, e crean un problema futuro, por unha parte, obstaculizando a roza da herba debido aos numerosos obstáculos metálicos que se chantaron no terreo, e por outra, que cando os arqueólogos queiran escavar nos lugares onde se instalaron os postes e zapatas de cimentación, terán que incrementar o seu orzamento. Por outro lado, non tiveron nin a vergoña de rozar o mato para a inauguración; o Ministerio non gastou un céntimo niso.

Elementos decorativos de metal branco sen ningún sentido.

Os propios traballos de control arqueolóxico confirmaron que as prospección xeofísicas que pagara a Deputación a unha empresa catalá, non tiñan o rango de certeza absoluta como pretendía o arqueólogo provincial, e como saben todos os arqueólogos con formación nesta materia. Sen escavación arqueolóxica, de momento, non hai certezas –senón hipóteses–, e querer fundamentar a forma e localización dos bancos de aceiro corten nesa prospección xeofísica resulta un exercicio banal e frívolo. Eses bancos non cómpren ningunha función, senón a meramente “estética”; pero estorban a todo.

Máis inútiles aínda son os elementos curvos de metal pintado de branco verdoso, ou os pavimentos de pezas de formigón con grandes xuntas abertas (coidado coas escordaduras de nocello!). Outra frivolidade inxustificada, a costa de crear novos obstáculos e barreiras para o castro, é fragmentar o espazo da croa.

Quizais o elemento que teña máis sentido sexa a barreira de entrada, aínda que o cubo de granito semella que ten un volume excesivo. A placa informativa de aceiro inoxidable colocada na súa cara superior ocupa un sitio inadecuado para ser visto por unha persoa de baixa estatura; pero niso non pensan algúns arquitectos, só no predominio da forma sobre a función.

Entrada principal ao xacemento situado ás aforas do núcleo urbano de Silleda.

E que dicir da decena de picas (postes) de aceiro corten?, que son completamente inútiles; non indican nada que non se vexa, e unicamente serven para colocar o logotipo de Trazas de Pontevedra. Por certo, levan de cimentación un dado de formigón baixo a rasante do terreo, que afectou a niveis arqueolóxicos.

Os camiños pavimentados con area foron acoutados cunha lámina de aceiro nos bordes, pero tan estreita e sobresaínte que vai producir algunha caída e algún corte na cabeza dalgún neno. Non sei se cumpre a normativa...

Os paneis informativos mestura de material (aceiro corten e inoxidable) non é nada novidoso; vense desde hai xa varios anos na sinaléctica dalgunhas cidades galegas e do norte de Portugal; mais resultan inadecuados para un castro situado no rural. Non cómpren a función didáctica nin divulgadora que deberan. En primeiro lugar, non atrae a súa lectura, polo tamaño e porque o aceiro inoxidable produce reflexos que dificultan a visión; en segundo lugar o tamaño dos textos (un folio A-4) e da letra resultan completamente inadecuados, xa que só se poden ler por unha ou dúas persoas situadas moi preto do cartel. Conteñen, ademais, numerosos erros: “Pacho” de Donón por Facho de Donón, A Cabeciña convérteno en “Acabeciña”, Mercado dos Mouros en “Mercados dos Mouros”, etc.

"Pavicéspede" perigoso.

"Pavicéspede" perigoso.

Outra cuestión de distinto cariz son os idiomas en que están escritos os textos. O castelán na cara principal, e con letra máis grande; o galego na cara posterior xunto ao inglés e co mesmo tamaño de letra. É dicir, a xerarquía do texto establece que a lingua principal é o castelán, e o galego queda ao nivel dunha lingua estranxeira. Pero resulta que a inmensa maioría dos visitantes son galegos, e os poucos cidadáns do resto da península Ibérica que visiten o castro, coido que non deberan ter dificultades en ler un texto galego traducido desde o castelán, aínda que con erros claros: “entorno” en galego é “contorna”, etc. Non hai xustificación razoable para o tema da lingua, senón imposición; pero resulta triste que isto suceda co actual goberno da Deputación.

A pica que contén unha columna cronolóxica non se entende; as franxas calendáricas e os períodos históricos non teñen correspondencia. Non se sabe se queren sinalar que a 2ª Idade do Ferro vai do S. VI a.C. ao IV a.C. –o que sería incorrecto– ou ben do S. IV a.C. ao I d.C. Neste último caso, que queren expresar co rótulo de “época romana”?: que se sitúa entre os séculos II a.C e o cambio de era –en Galicia, non–, e que resulta un termo distinto de “época altoimperial”?, porque esta é tamén época romana, pero non dura ata o S. VI d.C., senón só ata o S. III d.C. Pouca didáctica e pouca claridade.

"Os paneis informativos copian parcialmente os contidos dos preexistentes, pero non teñen 'alma', non atrae a súa lectura e non resultan didácticos

decoration

Por último, os paneis informativos copian parcialmente os contidos dos preexistentes, pero non teñen “alma”, non atrae a súa lectura e non resultan didácticos. Hai unha ausencia total de fotografías ou debuxos, como consecuencia do material do soporte empregado. Outra vez o dominio da forma sobre a función.

Respecto das propagandas do fin turístico, só cabe dicir que na hora e media que estiven vendo as actuacións con detalle un primeiro de xuño, ningún veciño nin visitante pisou o castro. Non será para tanto...

En fin, mellor como estaba, con herba cortada e repoñendo os vinilos dos paneis preexistentes, o que representaría un custo tremendamente inferior á obra executada; ou como din algúns veciños: “Co ben que estaba... Se só facía falta que o mantiveran limpo, coa herba cortada”. Sentidiño é un slogan da Xunta que non se aplica en Patrimonio.

*Arqueólogo

Compartir el artículo

stats