Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Maiden Castle versus Castro de Toiriz

Fronte ás políticas frívolas e irresponsables do noso país, nas Illas Británicas conciben os xacementos arqueolóxicos como arquivos do pasado, conservados como inmensas praderías, non como elementos turísticos

Ruínas do templo romano de Maiden Castle, en 2019, con ovellas pastando entre elas. | // FOTOS: XCA

Recentemente o Ministerio de Transportes (antes Fomento) executou as primeiras actuacións en tres castros da provincia de Pontevedra (Toiriz, Alobre e A Suvidá), dentro do proxecto titulado Trazas de Pontevedra. Prevén executar intervencións semellantes noutros 15 castros e xacementos romanos da provincia nos vindeiros anos, entre eles o emblemático castro de Santa Trega (deus nos colla confesados).

Estas actuacións derivan do convenio subscrito no ano 2015 entre a Deputación, de Rafael Louzán, e o Ministerio de Fomento (entón gobernado por Ana Pastor), para a “restauración e musealización dos xacementos galaico romanos de Pontevedra”. Posteriormente, con Carmela Silva ao fronte da Deputación proséguese curiosamente con ese proxecto, ao que se denomina Trazas de Pontevedra. Este último é o resultado do anterior, a partir dunha proposta e deseño técnico realizado polo arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez. Previamente á posta en valor de 18 xacementos castrexos e romanos da provincia, escavouse o castro de Besomaño (Monte do Castro), en Ribadumia, concello natal de Rafael Louzán, no marco do proxecto turístico Pousadas de Pontevedra, e a continuación, entre 2014-2018, escaváronse outros castros (Santa Trega, A Lanzada, A Cabeciña, Alobre). As escavacións arqueolóxicas puideron alimentar o ego do arqueólogo provincial e dalgún político, pero non se xustifican desde o punto de vista científico, porque non obedece á investigación arqueolóxica propiamente dita, e crean un problema de gasto para o futuro, que resulta moi discutible.

Afluencia de visitantes a Stonehenge en 2018.

Non é certo que se poida xustificar a escavación dun castro por fins fundamentalmente turísticos, como foi o caso da Deputación de Pontevedra, e acepta mansamente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en demasiados casos. Eles escavan, pero déixanlles o “morto” do mantemento das ruínas das construcións pétreas aos concellos (caso do de Ribadumia). Esas concepcións conducen ao fracaso e ao malgasto do diñeiro público.

Cómpre dicir que a Deputación Provincial de Pontevedra non ten competencias no patrimonio cultural. Máis que idear proxectos arqueolóxicos floreiro, quizais debera darlle cobertura técnica aos concellos que a demanden, xa que é unha administración local complementaria. Non se concibe que os pequenos proxectos arqueolóxicos que teña que realizar un concello (Silleda, Marín ou Vilagarcía, por exemplo) por mor dunhas obras determinadas, se contraten ao exterior, e non os redacte o arqueólogo provincial, así como a execución dos pequenos controis arqueolóxicos de obra. Para iso foi contratado en condición de persoal laboral por primeira vez na Deputación; non para idear intervencións arqueolóxicas propagandísticas.

Vista xeral de Tara, con xente de paseo e sentada, en 2011.

En Trazas de Pontevedra continúase coa política anterior, pero agora executado cun goberno provincial doutro signo político, presidido por Carmela Silva. Incluíanse 18 castros e xacementos romanos heteroxéneos. O criterio de selección parece ter que ver moito coa política.

Pero estes lodos veñen dunha actuación inicial, hai xa máis de dez anos, denominada Depodeza, que promovera a Deputación de Louzán. Ese proxecto malgastou o diñeiro público en catalogar novamente os castros de Deza, que xa estaban catalogados, mentres non se fixo o mesmo con outros xacementos que aínda están sen catalogar. Ao xeito de novos ricos dilapidaron a compra de material de laboratorio de restauración (microscopios, custosas cámaras fotográficas, cámaras frías, campás extractoras, etc.) para o pazo de Liñares, que só se utilizou parcialmente durante un ou dous anos para cubrir o expediente. Que foi de todo ese material e instalacións? Está xa no laboratorio de restauración do Museo de Pontevedra, como debera? Que foi do sonado Centro de Investigación da Cultura Castrexa, que propoñía a Deputación tamén en Liñares, cando os científicos das universidades e centros de investigación teñen que emigrar a outros países por falta de investimento? Só a algunha mente pouco lúcida se lle ocorre propoñer un centro de investigación novo, cando non hai diñeiro público para dotar a investigación científica existente. Todo un despropósito, no que ninguén indaga a fondo.

Detalle explicativo en Newgrange.

Pero, de todas estas actuacións, o último responsable é a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, que é quen posúe as competencias en patrimonio arqueolóxico, ten que autorizar eses proxectos e marca a política arqueolóxica de Galicia, se é que realmente a hai.

O modelo inglés e irlandés

Fronte a estas políticas frívolas e irresponsables, vexamos que fan maioritariamente nas illas Británicas –en Irlanda e Inglaterra, en concreto– a través dalgúns exemplos. Fundamentalmente conciben os xacementos arqueolóxicos como arquivos do pasado, non como elementos turísticos. Moitas escavacións antigas e recentes executadas cun fin exclusivamente investigador foron tapadas, porque ocasionaban moitos problemas de conservación e mantemento. Moitos xacementos emblemáticos de Inglaterra e Irlanda, países cun clima oceánico atlántico moi semellante ao galego, están conservados como inmensas praderías. Nós temos que mirar para eses países, e non para os de clima distinto.

Navan Fort en 2011.

Maiden Castle

Un dos xacementos máis coñecidos da Idade do Ferro europea –momento no que se sitúan os nosos castros– é o hillfort (fortificación en altura, ou castro) de Maiden Castle, que ocupa unhas 40 hectáreas de superficie, incluídas as defensas. Trátase dun dos xacementos máis citados nos libros da Idade do Ferro europea, pero non polos seus muros e estruturas de pedra, que foron tapados nos anos oitenta ante o deterioro sufrido por mor das visitas, senón polos seus resultados científicos e polas estruturas defensivas (fosos, murallas e parapetos) perfectamente visibles. Foi escavado nos anos trinta do pasado século polo coñecido arqueólogo británico Mortimer Wheeler, e posteriormente por Niall Sharpes, nos oitenta. Do mantemento do xacemento ocúpase English Heritage (funcións que aquí serían propias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural).

Maiden Castle sitúase a uns 2 km da pequena cidade de Dorchester (Dorset, Inglaterra). Accédese por unha estrada ata un aparcadoiro para uns vinte vehículos, situado a 150 metros do xacemento. Desde aí, dous camiños de terra levan ao xacemento. Está perfectamente sinalizado. Hai paneis informativos, simples pero didácticos, en varios puntos. O único lugar onde se poden ver muros de pedra son as ruínas dun templo romano. O resto é unha inmensa pradería que deixa ver todo o sistema defensivo, impoñente. Non existe ningún elemento arquitectónico deturpador do ambiente rural.

Recreación dunha cabana circular no centro de interpretación de Navant Fort.

Stonehenge

O mundialmente coñecido monumento megalítico de Stonenge, sitúase en Salisbury (Inglaterra) a algo máis de dúas horas de Londres; foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1986. Sen dúbida é o xacemento arqueolóxico máis visitado das illas Británicas. Miles de persoas percorrer as praderías onde se sitúa o crómlech e os restantes restos do conxunto cerimonial e funerario do neolítico. Porén, as visitas están ben organizadas e canalizadas. Hai un gran aparcadoiro para os vehículos, previo a un edificio, que actúa como centro de recepción e información aos visitantes. Desde ese punto pódese acceder ao monumento megalítico, ben camiñando, ben a través dun autobús da organización.

A edificación, así como as actuacións que se poden cualificar de duras, caso do aparcadoiro, sitúanse a algo máis de 2 km de distancia do centro do monumento, co que o impacto visual resulta practicamente nulo. O acceso ao monumento ten un camiño con asfalto para circular o autobús, e logo camiños de pavimentos de material plástico verde, que se mimetiza co prado, e outros de grixo, delimitados por cables e esveltos postes metálicos. Non hai dúbida da súa harmonía coa contorna. Ningún banco, poste ou amoblamento urbano innecesario. Os paneis informativos son atractivos e didácticos.

Interior do centro de interpretación de Newgrange.

Navant Fort

É un centro cerimonial da Idade do Ferro con antecedentes no neolítico. Sitúase a perto de 3 km de distancia do centro da vila de Armagh (Irlanda do Norte). A comezos do presente século construíuse un centro de interpretación e recepción dos visitantes, e nas súas inmediacións levantáronse recreacións a tamaño orixinal das edificación circulares prehistóricas. Un autobús leva aos visitantes ao xacemento, que se sitúa a 0’5 km de distancia do centro de recepción. O centro de interpretación é un edificio que se integra perfectamente na paisaxe. Non hai ningún elemento de amoblamento urbano no propio xacemento, que desentoe co ambiente rural.

Tara

É un lugar con grande significado histórico para os irlandeses. Situado no condado de Meath (Leinster), representa outro xacemento tratado como unha inmensa pradería, no que foron tapadas as antigas escavacións arqueolóxicas. Xa existe desde o neolítico pero durante a Idade do Ferro constrúese un cercado con foso e parapeto. Segue o modelo dos anteriores.

O centro de interpretación de Newgrange dista case 2 kilómetros do monumento prehistórico.

Newgrange

Trátase doutro dos monumentos megalíticos de importancia europea, que se data no neolítico. Está situado tamén no condado de Meath (Irlanda). É un dos xacementos máis visitados do país. Posúe un centro de interpretación e de recepción de visitantes construído a finais do pasado século, que se localiza a 1’8 km de distancia do monumento prehistórico. Desde o centro os visitantes achéganse ao xacemento en autobús. Foi escavado e restaurado entre os anos 1962 e 1975. As restauracións do monumento causaron polémica no seu momento, discutíndose a idoneidade das reconstrucións. Con todo, resulta un monumento funerario espectacular, polas dimensións e os seus gravados nas lousas de pedra. Nas súas inmediacións non hai ningún elemento de amoblamento urbano, e as únicas intervencións salientables redúcense a un camiño de acceso con pavimento duro, debido ao grande número de visitantes, e unha pequenas escaleiras de madeira. Non existe ningún elemento superfluo, dos que gustan algúns arquitectos.

*Xulio Carballo é arqueólogo

Compartir el artículo

stats