Dixéronlle que había unha pelexa onda a estación de autobuses, así que saiu acompañado dunha profesora, Gracia Santorum, para ver qué ocorría. E cando viu varias ducias de estudantes e docentes agardando por el, intentou dar a volta, entre sorprendido e emocionado. Uxío Grande, o ainda director do IES Laxeiro, foi onte o protagonista dun breve tributo polo seu traballo non só durante este curso especialmente marcado pola pandemia sanitaria, senón polos seus 16 anos como director e os 22 que levan impartindo clase de lingua española no centro.

A homenaxe foi argallada por estudantes e docentes de Música. Na zona verde enfronte á estación de buses (non puido ser no centro porque se están celebrando as oposicións que convocou Educación), e colocados en semicírculo, recibiron ao director cunha peza de música, para logo darlle paso a dúas alumnas, que lle entregaron a Grande un diploma e un ramo de flores.

O director, coas dúas alumnas que lle entregaron os presentes.//Bernabé

Grande, que continuaba emocionado (como moitos dos presentes) por este pequeno gran xesto de cariño, tivo unhas palabras moi sentidas para todos. “Gracias por aguantarme, e por chegar ata o final”, en referencia a un curso marcado polas condicións sanitarias. Engadiu que “sempre quixen que o Laxeiro fose unha gran famulia. Nunca esquezades o Laxeiro. Eu nunca me vou ir de todo, así que xa sabedes onde estou”. Con aplausos e música rematou o tributo.

Grande cesará no seu cargo de director o 30 deste mes, para dar paso ao equipo de Xosé Manuel López. Estivo á fronte do centro de 2000 a 2004 e logo desde o 2009 ata a actualidade. Nos máis de 20 anos como profesor do instituto, foi testemuña de diversas ampliacións do mesmo para aumentar a súa oferta educativa.