Edicións Fervenza presentará esta fin de semana tres publicacións moi distintas na Estrada e tamén en Vila de Cruces. Este sábado a Praza do Concello de Vila de Cruces acollerá, ás 20.00 horas, a posta de largo de María Luz Chorén como poetisa. A profesora cruceña presenta a súa ópera prima, un poemario titulado Xoias con Encanto.

–É certo que sempre mostrou entusiamo pola literatura?

–Si. Teño que recoñecer que me encanta toda a arte. A miña faceta como mestra tamén fomenta outra das miñas paixóns como é a creación de contos infantís. A verdade é que me facía moita ilusión poder publicar e por iso tamén lle estoumoi agradecida a Fervenza.

–Foi complicado conseguir a primeira publicación?

–Xa fai moito tempo que escribo, o que pasa é que agora foi cando me decidín a publicar e por iso digo que lle debo moito a Xosé Luna e a Edicións Fervenza porque gracias a todos eles puiden conseguir facer realidade o meu soño. Ainda non tiña pensado publicar, o que pasa é que me gustaba que a xente viran o que eu escribira e non quedarme eu con iso para min. A arte hai que ensinala.

–Sempre tivo claro que a súa primeira publicación tiña que estar escrita de xeito poético?

–A miña poesía está moi baseada na natureza e con contidos sempres relacionados con ela. Iso fai que sexa máis fácil facelo con poemas que coa prosa. Os temas que trato adáptanse moito mellor á poesía. Tamén son textos máis cortiños e más fáciles de escribir.

–Tivo que descartar moitos poemas neste primer traballo?

–É un libro de poemas de temática variada, nos que se reflicten aspectos dispares da vida, do contexto social, da natureza por suposto e tamén da interacción entre as persoas e o medio que as rodea. Non é porque os faga eu pero os poemas que fago gústanme todos. Escollín uns poucos como puiden ter escollido outros porque teño un montón deles feitos. O que si fixen foi facer unha escolma variada para poder chegar a máis xente.

–Como xurdiu a colaboración co ilustrador Óscar Vilar Vidueiros?

–Foi de repente. Unha vez que xa tiña decidido publicar por fin os meus poemas tamén pensei en meter algunhas ilustracións para completar o libro. A min tamén me gostan moito a pintura e a música, efectivamente pensei que o meu primeiro libro tivera algo diso. Óscar é un compañeiro da zona e gústame moito a súa obra. Sempre din que dende pequeno sentiu gran paixón polo mundo das artes plásticas e iso foi o que o levou con só 7 aniños aos cursos de pintura de A Solaina de Piloño. Tamén teño que dicir que ten o premio do Concurso Nacional de Plástica por Autonomías “Salvemos nuestra planeta”, o que fala moi ben do seu traballo. Xa digo que estou moi agradecida tanto a editorial como a Óscar todo o que me fixeron para co meu libro poda ver por fin a luz.

–Incluso hai poemas en francés e inglés nesta obra, non si?

–Si. Tamén me gostan moito todas as linguas. Pareceume ben meter un par de poemiñas neses idiomas e supoño que aa xente que os entenda poida ver algo distinto. Sempre digo que os meus poemas poden ser extrapolables a calquera cos lea porque é unha forma de compartir o sentimento que me moveu a crear esas verbas. Xa sei que non é moi habitual pero penso que quedou ben dentro do conxunto do libro. É algo distinto que axuda enriquecer un pouco á obra.

–Ten previsto seguir escribindo e publicando a partir de agora?

–Como che dicía antes, eu teño escrito moito. O que pasa é que haberá que ver cómo sae esta publicación e despois é cuestión de ver o que facemos. Os meus poemas non deixan de ser o resultado dunha relación vital que se traduce na activación do sentidos e o pensamento dando cabida a un sinfín de emocións que flutúan na procura dun equilibrio natural mutuo.

–Como lle gustaría que fora o acto do vindeiro sábado?

–Seguro que será moi emocionante. Terei a sorte de estar acompañada polo profesor e escritor Xoán Carlos García Porral, de Óscar e tamén do concelleiro de Cultura do meu concello, Julio López. Non quere esquencer tampouco que haberá incluso unha actuación musical coa Charanga Noroeste. Así que vai ser algo moi bonito.

Xosé Luna. |

Xosé Luna. | Á. G.

Luna cántalle ao entorno estradense

O Teatro Principal da Estrada acollerá este sábado, ás 12.00 horas, a presentación do poemario O tempo entre as mans de Xosé Luna, que resultou gañador do Premio Avelina Valladares Núñez de poesía. A obra alzouse entre os presentados pola súa coherencia e o emprego dun léxico rico, variado e moi ben escollido no que o autor recupera palabras pouco habituais, seleccionadas pola súa sonoridade e connotacións, e no que se fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense. Trátase dun conxunto de poemas cunha forte carga emotiva e sentimental, dedicados a figuras como a nai, ou pequenos momentos que marcan fitos importantes na vida da voz poética. O libro está feito para a lembranza gozosa do tempo primeiro e a memoria do lar dos devanceiros, áncoras do imo que van cosidas no sangue e son maré que volve unha e outra vez recomenzándose eternamente, segúnda súa editorial. A publicación contou coa colaboración especial do Concello da Estrada e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Portada do libro de Arca.

Portada do libro de Arca. Á. G.

O Principal lembra o teatro de Arca

O Teatro Principal da Estrada voltará o domingo a ser esceario doutra presentación literaria. Nesta ocasión, ás 12.00 horas, será o turno para o libro Teatro de Don Olimpio no que se recolllen un total de once obras teatrais do finado profesor e escritor Olimpio Arca Caldas. Trátase dun volumen que se presenta en tapa dura e no que se recompila toda a producción teatral de Arca, varias delas inéditas pero moi creativas. Os Reis do Panchiño, E o equilibrio impúxose (Mimo), Pelexa no souto, Hoxe naceu un neno, Soprar a tempo, O enfermo 4M, Conversas coa nobre dama, O indiano, Mágoas dos campesiños e señoritos, Parasitos na escola e O aparecido das campaíñas son o conxunto de obras desta escolma teatral que se erguen como auténtica referencia do teatro escolar en galego. Cabe sinalar a colaboración prestada por distintos artistas plásticas, algúns de renome coma Xoán Cerviño, Ana Margarita Pérez Rodríguez, Manuel Fragoso, Paco Lareo, Inés Sánchez, Mario Touceda, Héitor Picallo ou Ramiro Cimadevila. Na presentación actuará o violinista Manuel García.